crítica de PENUMBRA (Daniel Landesa, Xerais)

Porxmeyre

04/09/2019

A PROPÓSITO DE PENUMBRA

Título: Penumbra

Autor: Daniel Landesa

Editorial: Xerais

Nos últimos cen anos a consideración do libro entre a xente mudou moito. De ter que procuralo en lugares moi específicos, ás veces casa particulares un chisco antes, a atopalo nas grandes superficies comerciais como un obxecto máis de consumo, como un paquete de arroz, froita ou calquera outra mercadoría. Porén, no raltivo á ficción, que é o que nos interesa, a mudanza non foi tan fonda, aínda que a houbo. No meu edificio vive un mozo ao que ao pai dicían que se lle descompuxera a cabeza de tanto ler. A un veciño meu chamábanlle “O Novelas”, pola súa afección a lelas cando ía coas vacas e na casa tamén. De aquí, deste último exemplo colíxese ben que a consideración do libro dependía de se era de ficción ou non, de ser ficción a cousa pasaba a estar mal vista. A inclusión da lectura no sistema educativo mellorou esta apreciación, mais non o suficiente como para considerar a ficción literaria un ben imprescindíbel, mentres o consumo de ficción noutras plataformas (cinema, tv.) vese como normal.

                     Porén, a maior ou menor familiarización coa ficción literaria, como defendemos nós, dá como resultas unha serie de benficios para a persoa lectora dificilmente acadábeis doutra maneira. A ficción  literaria crea empatía con personaxes, mundos e situacións que a persoa lectora dificilmente coñecería doutra maneira. Presentando unha avantaxe con respecto ao cinema ou a tv., pódese volver atrás, empezar por onde un queira, etc., que no cinema ou na tv.é imposíbel. E esta empatía xerada a partir da ficción é moi útil logo na socialización, porque un libro non debe quedar só na nosa particular lectura, adquire outra vida cando llelo contamos a outras persoas.

                     A este respecto Penumbra é unha ficción literaria para os lectores máis novos que, como tal ficción, crea un mundo onde as cousas son ben diferentes da realidade. Un muro, feito con materiais diversos, mantén a zona de Desértica (cos seus peculiares reinos ou estados) separada de Penumbra. Ese muro é crucial á hora de manter o estilo de vida propio de cada zona, e leva moito tempo erguido. Uns cativos ou cativas son quen vixía que non se descompoña ou que ninguén o ultrapase. Unha rapaza que é unha das vixías, desaparece e a súa irmá, máis pequena, fará todo o posíbel por atopala, misión para a que contará coa axuda de amigos de distinta procedencia e capaces de cousas ben distintas. Eis o punto de partida desta proposta literaria, deta ficción para os máis novos. Que son lectores flexíbeis, non lles estraña ningún mundo diferente ao real, mais moi esixentes: a ficción debe ser congruente. E no caso da novela de Daniel Landesa éo, aínda que aos lectores adultos nos gustaría que fose máis longa para podernos familiarizar mellor con eses mundo alternativos, porque se Desértica está a un lado e Penumbra ao outro, dentro de Desértica hai varias zonas diferentes, que se diferencian climatoloxicamente, polo tipo de terra que pisan e mesmo porque nelas habitan seres diferentes, con morfoloxías alternativas á humana.

                     Chama a atención a pouca presenza de adultos normais, o normal é que as personaxes sexan cativos/cativas ou anciáns. Mais isto non fai senón lembrarnos a necesidade de que os máis vellos e os máis novos se entendan, e os máis novos sigan os consellos dos máis vellos. Por suposto, os protagonistas son os cativos/cativas, que son seres con capacidades excepcionais, ou, polo menos pouco frecuentes. Contan con medios de transporte tamén excepcionais e imaxinativos (agás o avión) e trábase entre eles unha solidariedade que os une na procura da rapaza perdida. E van adquirindo doses de protagonismo que se alternan até que sexa a irmá pequena a que remate a procura, poñendo fin a unha trama que, xa chegando ao remate, quere explícitamente contrapoñer o ben o mal, o perigoso e inhumano mundo de Penumbra e o humano de Desértica. A algo así xa imaxinaba o lector que se ía chegar, unha vez expostos os atributos dos dous territorios, mais está ben que se expliciten estes valores para que non lle pasen desapercibidos ao lectores.

                     Estimula a empatía, así como o respeto e comprensión do diferente. Deixémolo aí. Hai moitas máis razóns para que ficcións literarias distópicas como esta de Daniel Landesa sexan consideradas como un ben para o lector ou lectora. Mais deixémolo aí. Con esas dúas abóndanos. Porque vivimos nun mundo onde os estímulos que nos transmite non son precisamente os empáticos, senón os consumistas -é dicir: suplanta a empatía cos demais polo simple consumo incesante e compulsivo. E porque a comprensión e aceptación do diferente é máis necesaria ca nunca, vémolo todos os días co tema dos migrantes, aquelas antigas fábricas de migrantes como Italia ou España de súpeto teñen medo dos migrantes que chegan aquí fuxindo da miseria e a guerra, como fixeron os nosos avós hai menos dun século.

                     Xa ven, Penumbra é pura ficción literaria que convida a un mundo inxeitente, imaxinativo, moi diferente do real. Abóndanlles as razóns para que os máis novos  lean un libro así? A nós si.

ASDO.: Xosé M. Eyré.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content