crítica de LAPIS NA NOITE (Ramón Nicolás, Xerais)

Porxmeyre

27/06/2018

A NOITE DOS LAPIS

Título: Lapis  na noite

Autor: Ramón Nicolás

Editorial: Xerais

O ser humano é exemplar en moitos sentidos, tamén nos negativos, pois ningún outro animal mata sitematicamente outros da súa especie. Ramón Nicolás lémbranolo na súa nova novela. Unha novela de esgazaduras e soños. Unha novela de resistencia, resiliencia, amor e heroísmo. Unha novela que percorre cicatrices que aínda non estiñaron, que se manteñen no tempo como exemplo do que os humanos podemos chegar a facer simplemente por dominar, por afán de poder.

Lapis na noite toma como punto de partida dous feitos traumáticos: o exilio na ditadura de Franco e A noite dos lapis durante a ditadura cívico-militar arxentina (1976-1983). Nada imos dicir, ou case nada, do exilio nos tempos da ditadura franquista, ben coñecido é. Só que Ramiro, da noite para a mañá, se ten que exiliar na Arxentina, rompendo todos os vínculos coa súa familia galega e tendo que comezar de cero, cunha nova identidade, Roberto Rizzone López. Ramiro é unha figura enigamática na vida de Lucía, Lucía, unha muller que escribe un libro sobre unha autora que despois resulta ser a homenaxeada no Día das Letras Galegas. Con ese gallo é convidada a desenvolver unha serie de actividades na Arxentina no marco da Feira do Libro. Iso déixalle oportunidade para visitar a Tatiana, a muller do tío Ramiro. E esta dálle un cartafol cunhas “memorias” que Ramiro escribiu antes da súa morte. Este é o inicio da novela, que a partír de aí é a exposición dos escritos de Ramiro-Roberto, complementados con capítulos cun narrador en terceira persoa que axuda a completar o relato de Ramiro-Roberto, dotando a novela dunha grande axilidade narrativa.

O que conta Ramiro-Roberto é como ao exiliarse pasa dunha ditadura, a franquista, a outra máis breve mais terribelmente cruenta, a cívico-militar arxentina, que vai ser vivida de forma moi traumática pola súa filla Iria. Pois Iria formara parte do estudantado que esixira un boleto estudantil gratuíto para os estudantes, sendo unha adolescente aínda. A partir de aí sucédese A noite dos lapis, o escarmento que a ditadura quere deixar ben patente entre os estudantes. Na noite do 16 de setembro de 1976 e días posteriores ten lugar unha serie de secuestros a asasinatos de estudantes que participaran na loita polo boleto estudantil. É unha das primeiras medidas que toma a xunta cívico-militar arxentina, que pretendía limpar de disidentes a sociedade, chegando a prohibir mesmo libros para nenos polo mal exemplo que daban. Iria vai ser unha deses estudantes represaliados. O mesmo título da novela de Ramón Nicolás fai refrencia a este feito.

Eis unha novela que nos presenta unha mocidade combativa e esperanzada, que loita polos seus dereitos nun tempo gris e convulso. Todo un exemplo nos días que corren, nestes días nos que a memoria dos represaliados no franquismo non foi aínda reparada, nestes días nos que a merma nos dereitos civís parece inacabábel. Nestes días nos que o desexo dun mundo mellor parece unha utopía inacadábel, Lapis na noite é unha novela exemplar. Exemplar e tráxica, pois a historia de Iria é unha historia tráxica, mais tamén valente e exemplar, pois recupera un feito histórico que debe servir de exemplo para que brutalidades así non volvan suceder, para que se vexa que nada é posíbel se non se loita por el. Téñase a idade que se teña. Pois a loita por un mundo máis xusto non entende de idades senón de heroísmos, de constancia, de atrevemento, de soños, como foi o caso de Iria.

Lapis na noite presenta un ritmo expositivo envolvente. A lectura das memorias de Ramiro resulta tan vertixinosa e tráxica que envolve ao lector nesa atmosfera onde á esgazadura e ter que comezar unha vida desde cero lle sucede a terríbel  noite dos lapis. Onde a esgazadura do exilio e a creación dunha nova identidade lle sucede a loita adolescente. Non hai tempo para un respiro. Se o pai tivo que loitar no exilio por ser unha nova persoa, a filla vai loitar tamén, aínda adolescente, polos seus dereitos. Ao fascismo de Franco sucédeo o fascismo do escuro Proceso de Reorganización Nacional, como se autodenomimou a xunta cívico-militar que tiranizou Arxentina entre 1976 e 1983, instaurando un tempo de secuestros, desaparecidos e mortos. A novela de Ramón Nicolás é un espello de tempos pasados aínda recentes e necesidades actuais. Porque se Arxentina xulgou os responsábeis da ditadura e levou adiante feitos de reparación, nada se fixo por reparar a memoria das vítimas do franquismo, seguen os mortos nas cunetas mentres a descivilización, que diría Manuel Rivas, avanza imparábel.

Con este panorama, novelas como esta representan un grolo de auga fresca, unha esperanza en que os mozos e mozas que a lean tomen exemplo e conciencia de que a loita nunca cesa, de que un mundo mellor é posíbel se non se decae na loita. O fío tráxico que percorre a novela é innegábel, tanto para o pai, Ramiro, coma para a filla, Iria, mais nin un nin outra deixaron de loitar e, ao final, o que queda de nós é o testemuño do que fixemos. Eis logo que esta é unha novela testemuñal ademais de exemplar.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido