crítica de LABIRINTO OU MEMORIA (Marta Dacosta, Caldeirón)

Porxmeyre

10/10/2018

SOBRE LABIRINTO OU MEMORIA

Título: Labirinto ou memoria

Autora. Marta Dacosta

Editorial: Caldeirón

Non é posíbel ser poeta a tempo parcial, só cando che chegan momentos de inspiración. Nin sequera é posíbel ser escritor/escritora a tempo parcial, só cando che entra a necesidade de comunicar, de fabular. O certo é que ser poeta ou escritor é un xeito de vida. Quedémonos coa poesía, que é o que hoxe nos importa. Ser poeta significa un constante exercicio de introspección preguntándote quen es, que es, e todo iso reflectido no mundo de fóra. Ou, dito doutro xeito, ser poeta significa que o mundo de fóra vai estar en constante diálogo cos teus adentros á hora de inquirir sobre a túa propia esencia ou sobre a esencia do externo. Entendendo como externo todo aquilo que non pertence ao momento da creación. Isto demóstrao con suma habelencia Marta Dacosta en Labirinto ou memoria, o poemario do que nos ocupamos  hoxe. Mesmo a memoria, con ser algo tan interior, con ser algo tan noso que sen ela non somos nada, pode comportarse como algo externo, cando xa non nos recoñecemos no que fomos, cando o que fomos semella algo tan distante ou estrañizante que se comverte nun labirinto que percorremos na procura de nós mesmos, nun abismo.

Se hai poucas semanas nos preguntabamos sobre a orixe da poesía, esa mesma pregunta respóndea Marta Dacosta no pólogo poético do seu poemario. hai chagas ocultas / feridas que nunca cicatrizan / os versos son un eco (9) E as palabras deixan un rastro de sangue nos poemas. De aí se parte, mais para este prólogo non abonda un único poema e no seguinte ve o propio poema como testamento de feridas, fame e e soidade, porque non se pode renunciar á historia, a historia sempre está aí para estigmatizarnos. pois isto somos: fillas / de décadas de espanto, versadas no temor / dispostas a renunciar e desistir, a ser  / modelo de obediencia (11). E reivindica a seguir o papel reflexivo que a poeta ten que exercer para que a emoción desbocada do achado poético non se convirta nunha atraente luz cegadora. Para recoñecer despois que non hai metáfora nin ritmo que poida poñerlle nome á dor entre sílabas e pausas. Recoñéceo. A dor como orixe tamén. E a escrita como esconxuro da podremia que obstrúe o interior (15). nos restos fedorentos de lugares / imposíbeis / que ocultamos, insistentes / porque nos producen / náuseas / nace o poema (15) de xeito que Labirinto ou memoria constitúe unha viaxe interior na procura da lembranza, na procura do que non se quere esquecer.

Mais enténdase ben, esa adversativa  excluínte do título ben pode entenderse como todo o contrario, como unha copulativa inclusiva. De xeito que o pozo da memoria (varias veces acode a esta definición) se converte nun labirinto que non lle queda máis remedio que percorrer porque tamén nel se achan momentos como boias / aos que suxeitar a vida (22). Momentos como por exemplo a infancia á que a retrotrae o aroma do café. Mais a lembranza dos bos momentos non evita que se sinta fraxil no medio da arroiada que é o vivir, un caos de ideas que non é quen de parar. E tanto como O CORPO é un mapa de feridas (29, maiúsculas no orixinal), un monstro co que se convive, o poema é como unha flor que nace no páramo, o poema, esa coidada sucesión de palabras e pausas, de emocións e reflexións. Marta Dacosta esmérase en que os poemas, aínda nacidos da dor, sexan remansos de beleza, cativadoras mensaxes que lle sirvan ao lector de catalizador do seu propio existir. É dicir, un exercicio de introspección poética que nos guíe no noso particular pozo gris da memoria.

Non é doado ser poeta, non todo é elixir verbal de amor e derivados, non é doado enfrontar continuamente, ou case, o espello da memoria, ese espello que te interroga, estúpida memoria / que reduce o pasado a números / inútiles  (34), a xogar con imaxes que foron e xa non son ou que producen unha inmensa soidade feita de ruído / da luz da primavera / de camiños / de tempo que non pasa / e que on chega (36). Exposta sempre ao xuízo alleo, quen sodes vós para xulgarme?que sabedes de min? (37), porque sempre o estamos, aínda que non nos coñezan. A poeta, nestas circunstancias mantén a esperanza, fiada en que co pasar do tempo foi erguendo unha casa que é a súa vitoria fronte ao paso do tempo. E nesa loita por ollarse no espello non dubida en verse como se estivera fóra de si, interpelánsose a si mesma. Vólvese ver nena sentada na cociña, mais non por iso deixa de sentir ausencias e áchase obrigada a navegar pola memoria recompoñendo fragmentos de pasado sen fío que a guiar no labirinto (43). Non é doado enfrontarse ao silencio do labirinto, coma un ritual titánico como o esforzo de erguer un corpo que se nega / a enfrontar o paso do reloxo (45). Significa non pasar pola vida como simple espectador. Ser conscinte da devastación inteiror e exterior. E MENTRES ROMPES os cotenos batendo contra todas as portas (49) comprobar que non te entenden / non queren entenderte (49).

No compromiso que significa vivir, a voz poética recorre a celebracións das que se  sente partícipe, como o 1 de maio. É a celebración da loita, ser muller sempre é unha loita (ademais), e recoñece as dificultades desa loita na que para a poeta as palabras teñen un valor especial, un valor especial nese barco co que nos construímos (52) na loita contra o tempo, contra o que vén do pasado e ás veces abre camiños inexplorados, que segue escoitando o gurgullar do seu sangue, na procura de darlle forma e palabras a iso que está pensando mentres continúa a cumprir anos e segue a recoñecer na distancia a nena das coletas, consciente das cicatrices que oculta mais non pode esquecer, alí onde as palabras adquiren a densidade exacta / para pesar como áncoras no fondo da memoria (59).

Non, non é doado ser poeta, NON SEI se é posíbel sobrevivir a este cansazo (63, maiúsculas no orixinal), e os fantasmas asáltana, víboras insaciábeis / que nas noites ocupan o espazo dos soños (64). Ser poeta non é privilexio duns cantos iluminados/dunhas cantas iluminadas. Ser poeta é perigoso porque significa ser sensíbel a cousas que o resto da xente non apreza ou ignora. Neste mergullar na memoria ou no labirinto, Marta Dacosta, para recoller forzas, acode á nenez, mais nin iso salva, nin a lembranza do avó, nin a casa da infancia, porque finalmente todo devén un pozo se silencio, os chanzos contra o abismo / altos muros que tardan en seren derrubados (67). Algo mellor séntese ao contacto coa herba, nesta sinfonía verde e húmida / que un día ha de salvarnos (68), mais a sensación de abismo non desaparece. Aínda así non se rende e procura nas cicatrices, as feridas, cómpre ser valente aínda estando cansa. Cómpre ser moi valente para ser poeta e enfrontar o labirinto da memoria, ir tirando da man das cousas positivas porque é imposíbel esquecer as cicatrices, esas están aí, marcándote para sempre e ti necesitas esperanza, que din que nunca se perde pero a verdade é que cómpre invocala todos os días. Sobre todo cando te sentes do pobo que sabe o nome de todos os / exilios (76), cando sentes sede de xustiza, a que precisa o pobo dominado, ese que aprende a lingua do colonizador coma se fora a súa propia.

Marta Dacosta entréganos un poemario de esmerado tratamento formal exquisita pertinecia e puntualidade das estratexias técnicas e fonda reflexión en canto aos diversos aspectos do tema que trata, tanto en poemas breves, que os hai, coma nos máis longos.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content