crítica de INFAMIA (Ledicia Costas, Xerais)

Porxmeyre

11/06/2019

DA NEGRA VIDA

Título: Infamia

Autora: Ledicia Costas

Editorial: Xerais

Permítanme que que comece lembrando un sucedido que ten todo que ver coa autora de novela que imos comentar. Era un sábdo de xuño. Xabier P. DoCampo e mais eu entretiñamos o tempo mentres agardabamos o embarque para San Simón, onde se ían resolver os Xerais daquel ano. E deunos por comentar a actualidade da narrativa galega deica entón. Nesa altura non adoita haber moito a tratar porque o máis interesante gárdano as editoras para a segunda parte do ano, coincidindo co Nadal. Eu lembro que falei dun autor que acababa de publicar unha novela (breve) que quizá era o máis salientábel, na miña opinión. “Ese nunca será novelista. Xa verás. Ledicia Costas, esa si que vai dar unha grande narradora”. Ese foi comentario do Xabier, e eu concordei. Ledicia levaba xa algúns títulos publicados e eran abondo prometedores como para agardar que o prognóstico do Xabier fora acertado.

                     Pois ben. Despois dunha exitosa e recoñecida pasaxe pola literatura para os máis novos, aquí teñen un título para adultos e a oportuidade de comprobar como Xabier P. DoCampo era quen de entender e identificar os grandes segredos da narración, o que lle permitía discernir claramente quen era un/unha narrador/narradora de lei ou non. Pola nosa parte confesamos que agardabamos impacientemente esta novela.

                     Ese xogo de sombras entre a novela negra e a reslista a se alternar e confundir, habilísimo, vese acompañado por, a noso xuízo, outro dos grandes acertos da novelista. Ledicia Costas sabe construír moi ben atmosferas. As atmosferas en que se moven as personaxes e, o que é moi importante, as atmosferas que moven as personaxes, todas dotadas dun rico mundo interior. E que nos convidan a reflexinar sobre a liña que separa vítimas e culpábeis, ou como as vítimas poden devir en noxentos culpábeis, quizá sexa que unha cousa leva á outra, quizá. Personaxes que sempre agochan no seu interior algo que as fai penar máis que vivir, e que se van expoñendo pouco a pouco, até atrapar ao lector de xeito que este se sente involucrado no devir da trama, como testemuña, mais imprescindíbel. Eis un grande éxito de Ladicia Costas, quen vai deixando tamén pingas de lirismo nas páxinas da novela, moi medidas, e que complementan os poemas intercalados de Félix Francisco Casanova , poeta canario que ben pode entrar no clube dos poetas “malditos”.

                     En si, a trama novelesca de Infamia presenta a unha profesora de Dereito que marcha impartir docencia a Merlo, que é unha cidade que garda un misterio desde hai 25 anos: a desaparición das irmás Giraud. Mentres vai coñecendo os actores desa traxedia tamén se vai informando desde Internet, desde a prensa, ao falar c@s afectad@s. Isto levaráa a mergullarse no pozo máis negro dos segredos que garda Merlo, que veñen sendo os que atinxen á sociedade actual, á sociedade que vivimos. Non falta mención aos sucesos de Alcásser, e pola trama irán aparecendo a corrupción policial ou os casos de pedarastia na Igrexa Católica. De xeito que, segundo imos pasando follas, nos internamos nun mundo sórdido, escuro e pezoñento. Propio da novela negra ( que está tan de moda, aínda que a maioría dos exemplos propostos sexan detectivescos ou policiais), de aí que titulemos así estas liñas. Mais a autora, cunha habilidade realmente salientábel, non nos deixa instalados na novela negra senón que, case sen decatarnos, nos devolve á novela realista, deixando clara unha mensaxe: a mellor novela negra non hai que escribila, é a vida, a propia vida, esa que vivimos sen escandalizarnos xa por case nada.

                     Desde un inicio en que se nota o pouso da literatura infantoxuvenil, sobre todo nas cualificacións, a novela vai medrando a medida que se apodera da vontade do lector, mergullado nun clima de misterio, de denuncia social, tamén na atmosfera da novela negra a alternar coa realista. Certamente houbéranos gustado máis que a onomástica empregada fora galega sen discusión, e non é así -vou farto de denunciar isto, mais non desfalecerei- e que se explicara mellor como Emma pode considerarse filla única cando tivo unha irmá. Mais, do resto, fóra diso, é unha novela das que enchen, desas que cando rematas a lectura te sentes pleno porque acabas de asistir ao desenvolvemento literario dunha grande historia, desenvolvemento levado e logrado por unha autora para quen narrar é como comer. Necesitamos moitas máis novelas de Ledicia Costas así, que aínda han ser mellores, seguro.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content