crítica de IN ARTÍCULO MORTIS, de Luís Manuel García Mañá, en Galaxia.

Porxmeyre

30/05/2023

ROMASANTA E O CORNIZÓ

Título: In articulo mortis

Autor: Luís Manuel García Mañá

Editorial: Galaxia

Quen lea esta última novela de Luís Manuel García Mañá, tendo en conta que a súa estrea narrativa foi con O lume de Santo Antón e que Romasanta é un dos seus temas predilectos, achará que, máis pronto  ou máis tarde, a temática da intoxicación polo consumo do cornizó, caruncho, cornello ou como queiran chamarlle e da vida do Sacaúntos Romasanta é lóxico que algunha vez coincidiran. Ben, pois aquí lles presento o resultado da coincidencia.

Non se trata dunha novela histórica, senón dunha novela sobre a Historia. Neste caso temos un xurista destinado nas Audiencia de Ourense, que antes foi cura e resultou expulsado do sacerdocio. Este home, desde que chega a Ourense séntese interesado polo expediente Romasanta e decide estudalo a fondo na tentativa de saber a razón pola cal Romasanta se declara culpábel de licantropía. E, sobre todo, puido algún axente externo provocarlle as alucinacións coas que Romasanta cría ser un lobo? É máis, puido ser o cornizó, ese axente externo que lle alteraba a conciencia de si mesmo? Boas peguntas. Non agarden que eu lles diga as respostas. Tampouco agarden que na novela se chegue a unha conclusión definitiva. O discurso está escrito como a presentación dunha hipótese en forma de novela.

Evidentemente, este é o principal foco tensional, explícito no progreso do estudo do xurista da Audiencia de Ourense. Porén hai máis e aquí entramos no capítulo das personaxes, solidamente construídas, desde o maxistrado a Ramona, a súa sogra, a Petela, que entra de criada na casa e rematará sendo a esposa do maxistrado, un amorío de vello con rapaza moi ben levado no discurso. Sobre todo porque Petela non é unha personaxe doada. Como tampouco é o de Ramona, muller de moito facer e menos dicir. No caso de Petela, muller que sempre sabe estar no seu sitio, seria e que ten o seu proxecto de vida moi claro, mais non é unha “muller fatal”, sabe encarar o seu destino con habelencia e é moderada nos seus comportamentos. Os dous focos están ben imbricados un noutro, e só quen chegue ao remate da novela saberá até que extremo isto é certo. Obviamente, estamos perante un dos logros narrativos da novela, que moito se agradece.

Mais non todo é positivo. Hai un momento, cando o carpinteiro e a nai visitan o maxistrado e Petela, que debería estar mellor redactado. Para obrar que perdoen o seu fillo, a nai do carpinteiro ofrécelles unha ducia de ovos que levaba “nunha bolsa”. Entón existían bolsas, mais sería conveniente especificar de que material está feita. Iso ademais de que os ovos normalmente levábanse no mandil, recollendo este polas beiras de abaixo para que non caera o que levaban nel. Mais os ovos tamén era moi do común transportalos en cestas, para que non bateran uns cos outros e se malograra algún.

Do resto, esta é unha novela que se le con agrado. Un discurso que sabe tirar de quen le até o remate. As razóns vímolas de expoñer.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido