crítica de VÉMONOS MAÑÁ, de Xosé Monteagudo, en Xerais.

Porxmeyre

23/05/2023

UNHA NOVELA NECESARIA

Título: Vémonos mañá

Autor: Xosé Monteagudo

Editorial: Xerais

Non queremos reincidir en que existen dous tipos de literatura; a de consumo inmediato, sen máis finalidade que entreter durante unhas horas, e a literatura que defende unha serie de ideais éticos, estéticos, morais e mesmo históricos. Deste segundo tipo temos en Vémonos mañá un excelente exemplo, pois pretende ser un discurso que sexa fiel representante dunha época: o franquismo, e como este rachou vidas. Antes era doado oír/ler “outra novela da Guerra Civiil/franquismo”. Nós sempre defendemos que nunca serán demasiadas. Nunca serán demasiadas que tapen o fedor dun franquismo miserábel e asasino. Moit@s de nós aínda o lembramos, mais a xeracións máis novas, que naceron xa na chamada “democracia”, necesitan todos os testemuños posíbeis, e cantos máis mellor, para facerse unha idea daquel tempo mísero, mesquiño, hipócrita, perverso e asasino. Se ademais engadimos que é tamén unha forma de loitar contra a censura franquista, que chega deica hoxe, mel nas filloas. No caso concreto de Bibiano (Fernández) Osorio-Tafall fíxase Xosé Monteagudo como un dos piares da súa novela. Non sei  se lles soará o nome. En todo caso teñan en conta que foi o cidadán español cun cargo máis alto dentro da ONU (subsecretario), e iso tendo en conta que partía de ter cargos de importancia na República, un exiliado que dententaba altas dotes intelectuais e políticas. E ao seu carón, o outro piar é a súa esposa Xosefina Arruti. De feito a novela, en boa parte, alterna as vidas de BIbiano e Xosefina, unha vez que o Golpe de Estado franquista os separou facendo imposíbel que o matrimonio se xuntara.

Deste xeito, mentres BIbiano (que ficara na zona leal á República) non deixa de progresar aínda no exilio, sempre leva unha vida desafogada, Xosefina pasa unha experiencia vital totalmente oposta. Primeiramente recluída no fogar familiar, pois BIbiano fora alcalde de Pontevedra no tempo da República, malvendendo todo o vendíbel para sacar a casa adiante, mercando ao fiado, aturando as continuas “visitas” dos “nacionais”, que rematarán incautando a biblioteca de Bibiano. E tendo que criar os fillos e a filla. E non só, pasou 18 meses no cárcere, dous anos de arresto domiciliario (parte deles cos fillos e filla tamén encerrados) e renacendo desde a penuria económica que lles causou o franquismo. Non quero, porén, adiantar demasiados pormenores do enredo. Mais o contraste entre o triunfador Bibiano e as estreiteces da vida de Xosefina resulta evidente, así como o seu carácter abnegado para sacar adiante a familia, mesmo xa sendo ela a única adulta, despois da morte da sogra.

O discurso combina moi ben datos históricos con fabulación. SI non é vero é ben trovato. Partindo de que se trata dunha novela realista, este dato é moi a ter en conta, toda vez que o realismo se está reinventado nestes tempos que vivimos. Obviamente tamén ten o seu de novela biográfica, tanto do triunfante Bibiano coma dunha Xosefina que reivindica as heroínas anónimas que con traballo, silencioso e abnegado, loitan contra as adversidades políticas, económicas e sociais, levando adiante un proxecto de familia sen pai, mais conseguindo dar estudos aos fillos e filla. Aquí leva o nome de Xosefina, mais nela personalízanse moitas outras mulleres bravas que en situacións similares de penuria económica e miserábel política que as fai dependentes do home para todo…logran saír adiante e pasar por riba de todas as adversidades.

Tamén hai que dicir que se trata dunha novela de amor, de amor triste. Porque se Xosefina sempre amou a BIbiano, amou sempre BIbiano a Xosefina?. Non lles vou dicir a resposta. Lean a novela, quizá a resposta estea nun malentendido, nunha ocultación.

Eis unha novela que é un testemuño tráxico do que nunca pode volver suceder, escrita e editada nun momento en que parece que se quere esquecer ese mundo miserabelmente tóxico do franquismo.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content