crítica de GALILEO NO ESPELLO DA NOITE (Xabier Paz, Xerais)

Porxmeyre

14/08/2019

EPPUR SI MUOVE

Título: Galileo no espello da noite

Autor: Xabier Paz

Editorial: Xerais

Non está claro que esa famosa frase a pronunciara Galileo Galilei xusto despois de ser condenado pola Inquisición a abxurar da teoría copermicana de que o Sol é o centro do universo e a Terra se move arredor del. Nin está claro que a pronunciara en ningún momento, ou que sexa unha fantasía promovida por Giuseppe Baretti, pois foi el quen afirmou que Galileo a pronunciara. O que si está claro é que, fóra a altiveza de pronunciala xusto despois de ser condenado, o tempo demostrou que tiña razón. E non foi sinxelo que a Igrexa admitira o seu “erro”, mesmo recentemente Ratzinger, se referiu a iso. E o mesmo Stephen Hawking tamén creu necesario pronunciarse. Sexa un “invento” ou non (unha pintura atribuída a Murillo ou un dos seus discípulos, de 1643, retrata a Galielo no cárcere- que, por outro lado nunca pisou- escribindo esa famosa frase que demostra a derrota do aristotelismo defendido pola curia fornte ao copernicanismo defendido por Galileo.

                      A nova novela de Xabier Paz, sempre é unha sorte unha nova novela de Xabier Paz, preséntanos a un Galileo Galilei xa vello, que vai lembrando a súa vida, unha vida que non foi doada, economicamente nunca viviu desafogado, malia ter importantes cargos académicos. Porén, o que máis interesa ao lector non son precisamente os seus avatares económicos, senón a súa actividade científica, non en van Galileo é o pai da ciencia moderna e unha das personalidades máis importantes da Historia no ámbito intelectual e científico. E, nisto, cómpre dicir que a novela de Xabier Paz está moi ben documentada e mesmo incorpora os interrogatorios da Inquisición, o que permite dar unha idea ben clara da intelixencia deste home ao exercer a súa defensa, unha defensa que non era doada precisamente, posto que tiña que convencer aos inquisidores que non dixera, escribira, o que dixera. Se é que non abondaba co que tiña escrito antes, con toda a actividade investigadora dun científico que foi quen de ver e describir máis fenómenos no ceo que todos os anteriores xuntos.

                     Con Renacer e Aníbal e a pintora esta Galileo no espeollo da noite conforma unha triloxía que nos leva a aqueles tempos nos que o ser humano mudou por completo a súa maneira de pensar, unha época fulcral, pois, na que esta novela que hoxe comentamos ten un papel fundamental xa que Galileo Galilei é un dos protagonistas máis claros disto. Unha época que Xabier Paz coñece moi ben, porque se nas dúas novelas anteriores soubera acadar un éxito indiscutíbel, non vai ser menos esta, sen dúbida chamada a ser unha das novelas do ano. E se o debate intelectual e a crónica dos logros de Galileo, que van aparecendo na memoria do vello e nas páxinas da novela, son primordial motivo de interese ( na nosa opinión) tampouco é que o sexa menos o logrado decorrer dos días cos seus aconteceres mundanos, pois Xabier Paz logra, outra vez, deixarnos unha salientábel crónica vital daquel tempo tan crucial en varias cidades-estado-república italianas nas que residiu. Non pode esquecer, por exemplo, mentar as completas e ricas descricións que o autor fía nas páxinas desta novela.

                     De entre a galería de personaxes que aparecen na novela, que non son poucos, hai unha que ten unha importancia enorme na vida de Galileo e na novela, trátase da súa filla e monxa sor María Celeste, da que a novela contén numerosas misivas. Unhas cartas que non só representan conforto, case o único, para Galileo, senón que ademais nos presentan un espírito positivo, dilixente, afectivo e intelixente que sempre sabe aconsellar e confortar o pai. Quizá a novela avanzaría máis lixeira sen elas, o mesmo que sen outras correspondencias con outras personaxes, porén lelas é un gozo.

                     Como é de agardar, a novela preséntanos os manexos da Igrexa, sobe todo xesuítas e dominicos, para impoñer o seu modo de entender o mundo, un modo de entender o mundo moi antigo xa, inmobilista e acientífico. Nestes anos nos que vivimos onde a Igrexa inscribe bens ao seu nome sen taxa, non ve interrompidos os casos de pederastia ou mesmo bendiciu as tropas de ditadores fascistas, unha novela como esta, na que se expoñen os manexos eclesiásticos para impedir o avance científico, deixa unha idea clara dunha Igrexa que non concibe non manipular, controlar, a vida da xente, senón que é un claro obstáculo para o progreso da humanidade. A condena, a obriga de abuxrurar, o arresto domiciliario en que viviu os derradeiros anos da súa vida, non só foron por manter unha idea de universo oposta á que a Igrexa mandaba, o peor era que tamén o ensinaba e mesmo escribiu en italiano e axente podía entendelo e liberarse das poutas da curia, eis unha novela contra o fanatismo, esta de Xabier Paz, que fai moita falta nun mundo occidental onde seguen a ter unha presenza no ensino e no control das masas en réxime de monopolio ( en conivencia con políticos de dereitas e mesmo de esquerdas). Por iso a reivindicación da figura de Galileo Galilei non pode chegar en mellor momento.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Un comentario sobre «crítica de GALILEO NO ESPELLO DA NOITE (Xabier Paz, Xerais)»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content