crítica de DRAGAL V. O SEGREDO DO DRAGÓN (Elena Gallego Abad, Xerais)

Porxmeyre

09/08/2019

NOVA AVENTURA DRAGALIANA

Título: Dragal V. O segredo do dragón.

Autora: Elena Gallego Abad

Editorial: Xerais

Pode ser unha lectura para o verán, de feito, parte da novela transcorre no verán. Ou pode ser unha lectura para o curso que vén, de feito, na novela tamén se inicia un novo curso. Pode e debe ser unha lectura para adolescentes, mais tamén é unha historia que entretén aos adultos. Vén sendo un tópico iso de que os lectores maís novos, neste caso adolescentes, non son moi esixentes no que se refire ao plano formal. Craso erro, porque o que si saben é aprecialo cando se lles dá. En todo caso o que resulta innegábel é que queren e precisan historias nas que se poidan sentir identificados, sexan estas pertencentes ao xénero que se queira. Por exemplo, Elena Gallego Abad leva demostrando, desde que comezou coa saga alá polo 2010, que sabe tocar a fibra sensíbel deste lectorado título tras título. Porque nos seus discursos, aínda que de raigame fantástica, sempre estivo moi atenta á conflitividade propia da idade á que van dirixidas as súas novelas, o seu lectorado ideal. O cal é un mérito moi a ter en conta, e que conserva nesta nova entrega.

                     De primeiras, dáse un paso máis na parte fantástica, os dragalianos (que son tanto moz@s como adult@s) xa se van adestrando e dominado cada vez máis os seus poderes, eses poderes que teñen como herdeiros do dragón. O cal non deixa de ser un aliciente, aínda que os avances nese eido non son precisamente o albo da novela. Neste senso, cómpre dicir que a Fraternidade do Dragón, introduce a novela por vieiros de misterio, necesitan que ninguén descubra a súa existencia e nese anonimato fían a súa existencia. Para o cal se esixe lealdade e compromiso entre @s membr@ dese selecto club. E que nós non podemos pasar por alto, porque neste tipo de historias, os valores humanos teñen moito que dicir, deben estar aí porque o lectorado tamén quere que estean aí. Porque, ademais no caso que nos ocupa, esta quinta entrega, a problemática adolescente está moi presente e os lectores e lectoras ideais vívena día a día. Falamos, por exemplo do bulliyng a que someten a Mónica outr@s que deberían ser compañeir@s e son inimig@s. Este tipo de acoso non hai centro educativo no que non se dea, nin ano académico en que deixe de manifestarse. E poden, de feito son, moi crueis, os acosadores ou acosadoras. Aliás, no caso que nos ocupa, acrecéntase un plus, Mónica é unha adolescente embarazada. Aínda por riba de sufrir o acoso, está preñada, situación que non é nada desexábel a esas idades. E pode ser que a criatura que leva dentro sexa un dragón, polo menos é fill@ dun dragaliano.

                     Aínda que as de Elena Gallego, e desta serie, son novelas bastante corais, con moitas personaxes con protagonismo decisivo, hai un trío que resulta central. Trátase do trío Hadrián-Mónica-Brais, onde, sendo Brais o elemento negativo, o elemento conflitivo, o que se opón a Hadrián na loita por Mónica, que está con Hadrián, neste caso Brais vólvese confidente de Mónica, no que ten que ver ser un dragaliano máis, igual ca no seu cambio de conduta. Porén, xogando con todo iso, hai unha cousa na novela – e na serie, por descontado- coa que a autora se manexa moi ben malia semellar un impedimento: non está claro, non está de todo claro, cales on os inimigos da Fraternidade. Si se sabe que teñen que agacharse e de quen teñen que facelo, quen sospeitan que, de poder, lles farían mal. O que non se sabe é o mal que lles poderían facer, canto e en que consiste. Porque non é un antagonismo clásico, e a autora sabe manexarse moi ben nesa situación.

                     Mentar tamén que, case como non podía se doutra maneira en discursos onde o misterio está presente, o mundo da alquimia medieval ten un protagonismo claro nesta novela. Unha alquimia medieval que  autora sabe moi ben xustificar desde a actualidade científica do momento, de xeito que se lle imprime ao discurso un extra de credibilidade que lle afecta moi ben ao mundo dragaliano, que vai sendo un mundo cada vez máis rico, a cada novela máis rico, e que deixa abertas suficientes portas como para que a Comunidade do Dragón, o conxuto dos seus lectores e lectoras e todos nós, teñamos abondas esperanzas en que a serie continúe, que agardemos novos títulos.

                     Resta falar aínda das homenaxes que a autora fai máis ou menos soterradas. Como é o caso de Mateo Escalante, que lembra moito o Mestre Mateo, ou o Códex draliano, que evidentemente remite ao Códex Calixtinus, e non só porque na novela tamén hai unha clarísima referencia ás Cantigas Medievais, de feito, na novela tamén temos unha cantiga, da que no remate se nos ofrece a letra íntegra e inclusive a música.

                     En definitiva, eis unha boa novela, coa que os adolescentes enredar neste verán, e sen dúbida unhas das que serán máis lidas no curso que vén.

E non deixa de ser recomendábel botar unha ollada á súa páxina web.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Un comentario sobre «crítica de DRAGAL V. O SEGREDO DO DRAGÓN (Elena Gallego Abad, Xerais)»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido