O FUTURO…TAN CERCA
Título: Singamia 1.1
Autor: Ramón Caride
Editorial: Xerais
Xa os dous primeiros títulos da triloxía AKTUAL (Exogamia 0.3 e Endogamia 0.2, ambos en Xerais, de 2011 e 2013) constituíron rotundos éxitos de crítica e foron moi apreciados polos lectores, polo que agardabamos este Singamia 1.1 con verdadeira ansiedade. Con el féchase a triloxía e, aínda que se fixo esperar, xa está nos trinques e, de seguro, será unha das lecturas preferentes entre o alumnado neste vindeiro ano académico e nos seguintes. Por certo que, xa de paso, é unha ocasión para reler tanto o primeiro como o segundo títulos e comprobar como non pasou o tempo por eles, e se pasou deixounos absolutamente indemnes. Como se pode deducir ao pechar a triloxía trátase relatos que anticipan un futuro que se cadra xa é presente ou non tardará moio en selo, unha perspectiva temática que canxa moi ben coas preocupacións futuristas que a miúdo tinxen a súa obra narrativa, tanto para os lectores máis novos como para adultos.
Nin este título, nin ningún dos dous anteriores son volumes extensos. Todo o contrario, trátase de títulos que priman o labor de documentación, moi esixente e absolutamente revelador, sobre a cantidade. E tamén temos que dicir que, como nos anteriores títulos, nesta Singamia 1.1 Ramón Caride volve sorprendernos propoñéndonos seis temas (para seis relatos) que representan seis aspectos da vida que poden parecer un futuro a curto prazo, o que fai que se acendan as alarmas no lector, ou, como mínimo, para iso os escribiu o autor. Esa vertixe de actualidade futurista, se se pode chamar así, non é nin moito menos nada doado de acadar, por iso diciamos que o labor de documentación foi moi esixente e revelador. E falando de esixencia, non é esta menor no aspecto compositivo. Trátese dun tema ou trátese doutro, e por riba de sorprendernos co tipo de temática utilizado, o remate de cada un dos relatos volve sorprendernos, redobra o abraio que nos embargaba desde o comezo da lectura. De xeito que, como xa adiantamos, o aspecto técnico desta narrativa de Ramón Caride é moi sobresaliente, moi salientábel.
Digamos que a esixencia non só é no eido da documentación, senón que esta se proxecta tamén na faceta técnica, na faceta compositiva, na plasmación narrativa.
Dito isto, enténdese que non falamos dun título calquera. Non é outro título co que entreter o tempo de maneira máis ou menos amena. Si resulta unha lectura amena, por canto levamos dito, moi amena e que ademais deixa constancia da preocupación autorial a cerca de como a sociedade está encamiñando o futuro. Preocupación que pode que xa o lectorado comparta, ou tamén pode que esta lectura lle faga tomar conciencia do que nos estamos xogando coas decisións que tomamos.
A temática do relatos é moi variada. Desde o primeiro, onde os auténticos protagonistas, ou os protagonistas decisivos son drons ( e que nos achega a un futuro que xa é moi de hoxe), pásase a unha sociedade na cal a concepción de novas vidas xa non é natural, e logo a outro relato onde a sociedade está rexida e subxugada por un determinado grupo, despois outro onde a realidade virtual é xa a fonte de sensacións da xente (tecnicamente un dos máis logrados), cuestionamento da realidade sobre o que se volve reflexionar despois (e que xa nos podemos ir facendo hoxe), para rematar cun precioso relato metaliterario do que non adiantaremos nada senón dicir que propón unha seria reflexión sobre o papel que a poesía ten hoxe no mundo (e que funciona como un convite a reverter a situación na medida das nosas posibilidades). E deixémolo aí, non diremos máis nada sobre a temática dos relatos. Só engadir os temas suxeridos para debate entre os alumnos son moitos e de importancia.
Mais non queremos rematar sen unha reflexión final. Xa dixemos que a esixencia documentaria á hora de concebir os relatos é máxima, poucas veces é tan fonda. E tamén que a plasmación da trama no relato resulta tecnicamente brillante. Pouco mellor se pode dicir. Porén neste caso non é algo que se reduza só a este Singamia 1.1, senón que é aplicábel a calquera outro título da triloxía. Como consecuencia cabe agardar que nun futuro, a editorial ou o autor ou ambos, decidan reunir nun único volume os tres títulos, tal e como fixeran n¨As aventura de Saíd e Sheila. Neste caso con máis razón aínda, porque os relatos desta triloxía están entre a mellor narrativa breve das últimas décadas, sen ningunha dúbida. Non só pola suxestiva temática, senón tamén por unha plasmación narrativa moi lograda.
E non estaría nada mal que ese volume conxunto estivera editado en colección para adultos. Non cómpre engadir que ningún adulto debe perderse esta Singamia 1.1, nin este ni nigún título da triloxía. Mais xa sabemos, se os adultos ven unha colección para xente nova, pensa que non é para eles. Craso erro. Mais é así. Por iso dixemos que estaría ben que saíse en colección para adultos.
ASDO.: Xosé M. Eyré