ELA SABE A SOL, novo disco de NAJLA SHAMI

Porxmeyre

18/09/2019

NOVO LIBRO-DISCO DE NAJLA SHAMI

Título: Ela sabe a sol

Autora: Najla Shami

Editorial: Galaxia

Deixamos por un momento o mundo das letras para pararnos no da música. Porque é un deber. Se a literatura galega vive afogada nas librarías (agás cotadas excepcións) pola castelá, no mundo da música ese afogamento é aínda máis grande. Non é nada doado facer música galega en galego, editala e competir coa castelá ou inglesa. Porque non se compite en igualdade de condicións. Todo o contrario. Para un/unha artista que vehiculice a súa música en castelán, por exemplo, é moi doado encontrar espazos de difucsón públicos (Radio Galega, TVG) xa sexan audiovisuais ou  impresos (prensa, toda en castelán). Mais para un/unha artista que empregue o galego como lingua vehicular é moito máis difícil, aínda que sexan medios públicos galegos. Por non falar de que, sobre todo no eido musical, aínda se segue exaltando pailarocamente o que chega de fóra mentres case ignoramos o que temos aquí, o que temos aquí e a súa valía. Claro está, agás nomes senlleiros como Sés, por exemplo..

                     Un bo exemplo é o nome de Najla Shami, con toda seguranza unha das voces máis particulares e impresionantes que se poden atopar, xa non só na Galiza, eu diría que no propio continente europeo. Xa no 2013 sorprendeu co seu primeiro disco Na lingua que eu falo onde recollía o esteo da obra rosaliana, ela, unha muller a medio camiño entre Palestina a Galiza: dúas patrias a liberar. Pero o certo é que para nós a sorpresa non foi tanta, pois xa a tiñamos escoitado ao vivo e eramos conscientes de que Najla posúe unha voz prodixiosa, absolutamente portentosa. Nos discos, a verdade é que non se nota tanto, nin no primeiro nin neste. E, aínda que recomendemos escoitala ao vivo se for posíbel, o certo é que nos discos, sempre máis intimistas, esta taboadense (no disco hai un tema que precisamente se titula “Taboada” terra onde viviu a súa infancia) demostra un dominio da voz, un recendos, unha sonoridade, uns ritmos que lle son moi propios e difíciles de atopar polo mundo adiante.

                     Neste novo traballo, Ela sabe a sol, na meirande parte dos temas Najla é a autora de letra e música. Agás un, con letra de Federico García Lorca (pero con intervención da propia cantora), outro no que comparte autoría con Michel González, e outros dous onde a partilla a letra con Ayyoub Tams, polo que ben se pode dicir que aquí se nos manifesta como cantautora. En galego, a meirande parte dos temas, en castelán ou árabe, algúns…e mesmo os tres idioma sá vez no primeiro tema (que dá título ao disco).

                     Nin que dicir ten que se trata dun disco absolutamente recomendábel, pois as influencias tan dispares ( e tantas, fálase desde o jazz a estilos procedentes de África, Brsil, Portugal ou da mesma Galiza ) das que nace a súa música ofrecen un produto incomprábel. Cando menos nós non coñecemos ninguén que faga unha música que se poida comparar á de Najla. Nin a propia música nin o estilo á hora de cantar, con esa súa voz chea de matices, de aromas, de calidez, mesmo de colores. Se algunha vez se falou de música fusión, nunca en mellor momento ca este. Sendo, así, pois, un disco que mestura oriente e eoccidente, desde a particular visión dunha moza que medrou en Taboada, que se moveu polo mundo adiante captando e aprendendo estilos e formas, que nunca para de experimentar con esa linguaxe tan especial que é a música, e que nunca esquece as súas raíces galegas e palestinas, nin que é muller e iso ten que notarse.

                     Así que, fáganse un favor, merquen este Ela sabe a sol ou acudan a aulgún directo seu. Non se sentirán decepcionados, todo o contrario: experimentarán sensacións que descoñecían e farán algo polo desenvolvemento dunha música que entre nós nunca foi apoiada como merece pola Administración.

Porxmeyre

2 comentarios en “ELA SABE A SOL, novo disco de NAJLA SHAMI”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content