DOUS POBOS UNIDOS POLO ATLÁNTICO
Título: Sándalo
Autora: María Xosé Porteiro
Editorial: Galaxia
@s galeg@s sempre fomos un pobo de emigrantes. Está no noso ADN. E non foi porque quixeramos, nin debido a un suposto “espírito aventureiro” que os fascistas teñen empregado para explicalo. Non, sinxelamente se debe a que case sempre tivemos que procurar o pan lonxe da terra, dunha Terra colonizada á cal a metrópole demostrou decontino que non lle intersaba nada, que así estaba ben, que os galegos marcharan e mandaran divisas para a casa. E non é moito o que se ten escrito na nosa literatura sobre a emigración. En concreto, se falamos da emigración a Cuba, se falamos de Cuba, o último que lembramos é o Sol de inverno co que Rosa Aneiros gañou o Xerais alá polo 2009. Obviamente, sempre e cando deixemos de lado o nome de Neira Vilas, pois ninguén coma el coñeceu a emigración cubana.
Nestas, María Xosé Porteiro ofrécenos esta Sándalo. O título, o mesmo título é un símbolo, pois seica a madeira de sándalo garda o arume durante moito tempo. É dicir, o sándalo ten un arrecendo que permanece e é perceptíbel durante moito tempo. Non podía acaer mellor a unha novela que nos fala das relacións entre galegos e cubanos ao longo de case 200 anos. A mesma autora coñeceu a emigración cubana de primeira man, pois viviu na illa caribeña entre os catro e os catrorce anos. Iso nótase moito na novela. Porque se hai algo que salientar sobre calquera outra cousa é a riquísima ambientación das historias e dos tempos que narra. Sen dúbida, o labor de documentación foi extraordinario, así se explica o nivel de pormenores a que autora é quen de chegar, ofrecéndonos descricións (tanto ten que sexan do XIX como do XX) realmente logradas e moi pormenorizadas. Tanto ten que se trate de acontecementos históricos, e polo tanto verídicos, como das ficcións dramáticas das personaxes novelescas. Porque, en definitiva, a novela resulta da conxunción de feitos históricos con outros ficticios.
Os feitos históricos que aquí aparecen van desde a mesma Constitución de Cádiz (1912) á revolta independentista cubana (con Martí de cabezaleiro), a independencia e despois a caída nas mans dos estadounidenses (que controlaban todo o seu comercio), a revolta castrista e instalación dun rexime comunista, sen esquecer o tempo da República en España, o alzamento fascista, a vida gris do franquismo ou mesmo pasaxes que chegan ao 2015. Todo isto posto en relación coa propia historia de Galiza, co papel da masonería nas tentivas liberais do XIX (igual que as tiveran todas as revolucións independentistas americanas), coa estrea do Himno Galego en Cuba, co nacemento da Real Academia Galega, a construción do Centro Galego (que chegou a ter máis orzamento que o propio estado cubano) ou tamén a construción doutro centro, Hijas de Galicia, que atendese ás mulleres, xa que o Centro Galego era exclusivamente masculino. Aquí, a autora realiza unha denuncia clara do tratamento que se lles daba ás mulleres ( moitas veces sen outra saída que a prostitución), unha denuncia moi oportuna e que non debemos pasar por alto porque non é que a teñamos lido moitas veces. Como tamén se ocupa do nacemento da ideoloxía feminista na illa caribeña e a contribución que as galegas tiveron niso, como iniciadoras, pois todo ten lugar unha vez que Hijas de Galicia convoca tres congresos onde se debate a situación da muller.
Tamén o racismo e o clasismo son denunciados, racismo e clasismo nunha sociedade na que, porén, conviven afroamericanos, chineses e galegos (e asturianos) sen meirandes problemas. Igual que as diferentes relixións. Porén non deixa de ser unha sociedade racista e clasista.
A novela, presentada editorialmente dividida en seis libros ( o sexto bastante máis breve que os outros cinco) é de longo alento e está contada sobre todo en terceira persoa, mais de vez en cando acódese á primeira, por exemplo no “Diario de Quina”, que tamén serve como exemplo dos diferentes materiais desde a que se conta a novela, pois tamén hai cartas ou informes, por exemplo. Porén, o que máis caracteriza a novela, son os contínuos saltos temporais, e a continua alternancia de personaxes, a diferentes alturas da súa vida, o que fai que non sexa nada doado para o lector ou lectora armar un fío condutor da historia, máis ben, o lector ou lectora debe estar preparad@ para atopar calquera personaxe en calquera época. Si hai unha serie de personaxes centrais, Lumia, Leonarda, Xermán, Macorina, Shana, Quina…, unha serie de personaxes cun fondo dramático innegábel, mais limitado polo que vimos de dicir antes.
En defintiva, Sándalo é unha decidida aposta, unha arriscada aposta, por contar unha historia de emigarción que pon en contacto Cuba con Galiza (e Asturias, tamén hai personaxes de aí), unha historia dramática, que a emigración é un drama sempre, mais que ten o seu aquel de epopea. Velaí temos a Martí loitando pola independencia, velaí temos a Castro e ao Che loitando por unha revolución comunista, velaí temos o pobo galego emigrante ( que se fixo cargo dos traballos máis duros e pesados, aqueles que realizaban os escravos) capaz de erguer o impoñente Centro Galego. Son exemplos. E non cómpre esquecer o ilustradoras que poden ser estas páxinas cando nos falan de Curros Enríquez, de Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Pardo Bazán, Martí ou a mesma Gertrudis Gómez de Avellaneda.
Velaquí a tentativa máis seria e convencida de escribir unha novela sobre a emigración a Cuba.
ASDO.: Xosé M. Eyré
[…] crítica de SÁNDALO (María Xosé Porteiro, Galaxia) […]
[…] crítica de SÁNDALO (María Xosé Porteiro, Galaxia) […]
[…] é que na narrativa é un tema que aínda ten moito percorrido. Así, de primeiras, lembramos o Sándalo de María Xosé Porteiro, aínda recente, e logo habemos de ler o Shangai a Barcelona, así damos […]
[…] é que na narrativa é un tema que aínda ten moito percorrido. Así, de primeiras, lembramos o Sándalo de María Xosé Porteiro, aínda recente, e logo habemos de ler o Shangai a Barcelona, así damos […]