A GALIZA AVELLENTADA
Título: Deserto García
Autor: Jorge Emilio Bóveda
Editorial: Galaxia
Vén sendo unha realidade inconstetábel que a Galiza interior avellenta cada día que pasa máis, moi poucos son os concellos de Lugo ou Ourense (agás as dúas capitais) que non perden poboación ano tras ano. E o peor non é xa o que se viva desde pobos que son cabeceira de concello aínda que tamén eles perden xente, non, o peor vívese nas aldeas, onde non hai tantos servizos e a convivencia veciñal se volve absolutamente trascendental, sobre todo cando os únicos habitantate son só uns poucos vellos e vellas. Un, que viu como aldeas grandes estaban cheas de xente e tamén xente nova, ve agora como nesas mesmas aldeas só fican algúns vellos e vellas que, en morrendo eles e elas, deixarán a aldea completamente deserta.
É esta unha crúa realidade que literariamente nos chega da man de Jorge Emilio Bóveda nesta súa nova novela que agora publica Galaxia, Deserto García. En realidade Deserto García alude a Desiderio García, garda civil prexubilado que decide marchar vivir a Loirás, unha aldea onde ten unha casa en herdanza. Deste xeito convértese no elemento que desfai o estado de cousas que deica o momento impera en Loirás, e sen que o mesmo Desiderio dea mostras de querer integrarse na comunidade humana que é a aldea, senón todo o contrario, non pretende outra cousa que desertizar a súa propia vida, deixala a ermo, para así estar máis tranquilo, de aí o título. Porén, máis que Desiderio, a auténtica protagonista é a aldea, unha aldea onde os papeis que xogan os seus habitantes están definidos, e á que chega Desiderio como unha novidade que fai perigar ese status quo. O status quo dunha aldea que centraliza a súa actividade, a súa vida social, arredor do bar-tenda que rexentan os Maceira.
A novela está concebida para dar conta dese avellentamento, non hai ningunha personaxe moza, absolutamente ningunha. Só quedan algúns vellos e vellas e unha familia que restaurou a súa vivenda e só acode en fins de semana e festivos. E, á vez, tamén está concebida como unha especie de remedo do far west, daquelas novelas pulp que liamos cando eramos novos, de M.L. Estafía, Clark Carrados etc. De xeito que nos é imposíbel non lembrar A morte de Frank González ( Xosé Ferández Ferreiro, 1975), aquela primeira tentativa de novela de quiosco e far west que, porén, resultou unha peza chea de literatura, non exactamente o que se agardaba para unha novela de quisco mais chea de boa literatura. No caso que nos ocupa, ese trasfondo pulp da novela do oeste déixaa xa entrever o propio discurso ( o can Django, por exemplo). Un discurso onde o máis salientábel é a retranca e a ironía que ás veces se deixa ver nos diálogos das personaxes, uns diálogos realmente atraentes que, porén, no comezo sobre todo, tamén merecerían unha mellor redacción ( ou menos deleixo), cousa que se vai solventando segundo un vai lendo. Mesmo a propia lonxitude dos capítulos (breves) e a súa numeración lembran o pulp-western.
Porén xa dixemos que é a aldea o auténtico fulcro narrativo da novela, para alén da Deserto García, ese ser solitario a máis non poder, e as ameazas que recibe. E, nesta aldea, hai personaxes ben configuradas e singularizadas, como Alda dos Sambreis, por exemplo, mais tamén hai outras moitas que adoecen precisamente de mellor singularización. Iso pode deberse a que non teñen moito tempo nin moito espazo para se manifestar e que o lector ou a lectora perciban claramente a súa singularidade. Non porque os capítulos son curtos e a novela agradecería un tratamento máis a fondo da trama. Esa trama da Galiza avellentada, do acontecer nunha aldea de hoxe, onde as relacións interpersoais non son unha cousa puramente do momento, senón froito da historia que traen detrás as personaxes, incluído o propio Deserto García, e que vai condicionar o desenvolvemento dos feitos.
ASDO.: Xosé M. Eyré