crítica de CHAMÁDEME LÚBRICA, de Xulio Pardo de Neyra

LAMBENDO CICATRICES

Título: Chamádeme lúbrica

Autor: Xulio Pardo de Neyra

Editorial: Positivas

A poesía erótica galega conta, desde o seus inicios, con autorías moi salientábeis. Certo que houbo unha longa paréntese até o Rexurdimento, onde a mesma Rosalía poetou o que se pode chamar, cando menos, aproximacións. Certo que houbo despois outra longa paréntese mentres o fascismo franquista imperou. Mais hoxe temos un premio literario que se ocupa en exclusiva da poesía erótica, o “Illas Sisargas”. E desde os anos 😯 do pasado século, mais sobre todo desde os 90, houbo un espertar moi significativo, e é frecuente que se manifeste tanto desde o punto de vista idealizante como desde o desmitificador, sobre todo deste. Hoxe por hoxe, a poesía erótica xa vai merecendo algún estudo que a libere de ser “unha poesía de segunda”, porque erroneamente se cre que diso sabemos tod@s e pouco novo vai engadir.

Pois non. E para desmentilo podería citar ben de autorías e títulos, mais hoxe, pola actualidade, imos fixarnos neste título de Xulio Pardo de Neyra.

Para comezar, diremos que un dos retos máis grandes que pode enfrontar unha autoría, é escribir sobre o que se supón que quen le xa ten coñecemento. Mais para iso a poesía é a parcela literaria que máis e mellor atende a forma, sendo ademais que esa forma xa, en si, porta tamén significado.

Para comezar, diremos tamén que este poemario bota man dun recurso moi empregado na narrativa mais de pouco rendemento na poesía: o escrito (xa non sempre manuscrito) encontrado, que nesta ocasión contén as tres primeiras partes do libro. Mais, para alén diso, Xulio Pardo de Neyra amósase como un autor sempre peocupado pola forma, comezando polo o moldeamento lexical. Non se trata só de escollas léxicas particulares, que tamén, senón de que esas escollas pásaas pola peneira ate moldealas á súa vontade; tamén procura a sonoridade fónica, sen obsesionarse mais sen nunca esquecer que está  á súa disposición e non a quere esquecer; e neste mesmo apartado cómpre sinalar tamén o control e xogo cos silencios. Isto xa se advirte na primeira parte.

Na segunda parte, ademais de todo iso e a manipulación da forma que o poema ten na folla en branco (sempre aí) chégase a explorar novas formas para a disposición versal, de xeito que o texto se distingue da prosa poética, e convida a un novo tipo de lectura dos versos e do poema enteiro. Esta pescuda formal farase moito máis evidente na terceira parte, pasando de afectar só aos versos a tamén incidir nas estrofas. Este experimentalismo formal é moi de agradecer, xa non só polas novidades que achega, xa non só polo aspecto lúdico intrínseco, senón sobre todo polo constante convite a unha lectura concentrada e reflexiva

Hai que comentar agora dúas cousas, que atinxen directamente ao plano do contido. A primeira é a voz narrativa, unha voz ambivalente que pode partir de calquera dos dous sexos ou ter finalidade en calquera deles. Evidentemente, isto reforza a nosa opinión de quer se trata dun poemario moi traballado, tanto na forma como no contido. E a segunda ten que ver co xénero, nós non dubidamos en adscribir este título ao xénero erótico, tecnicamente habería que distinguir o erótico do pornográfico, a primeira pedra de toque constitúea a linguaxe, se se mencionan directamente partes do corpo seica, segundo a teoría crítica herdada, se trata de pornográfico. Porén convén ir mudado desa perspectiva arcaica e distinguir segundo o grao de exhibicionismo que se trate, petito ou non petito. E desde esta concepción é auténtica poesía erótica.

Finalmente, a cuarta parte, as cartas, que nos devolven á cvonexión coa nota inicial onde se fala do escrito atopado por un limpador de sex-shop. E, por suposto dicir que se trata dunha concepción adulta do feito erótico, moi diferente do apaixonamento da mocidade, aquí son as feridas, as cicatrices, as que co seu pouso van grafando a experiencia erótica.

ASDO: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación da Crítica Galega)

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content