crítica de PRONTO HEI DE VOLVER, de Amador Castro Moure

NEGRA, MOI NEGRA

Título: Pronto hei de volver

Autor: Amador Casto Moure

Editorial: Xerais

Comecemos aclarando que esta novela é o actual Premio Torrente Ballester. Porque a partir de agora imos mergullar na fronteira do xénero negro e non queremos esquecer esta mención. Desde o título destas liñas xa terán coñecemento de que a de Amador Castro Moure é unha novela negra, unha novela negra case exemplar, pois preséntanos o mundo da delincuencia desde dentro. Non, aquí non van atopar os típicos detectives ou policías que pescudan teimosamente para  resolver un crime. Non, o que aquí van atopar é a unha asasina (Chiqui) que regresa a Galiza (terra dos seus antepasados por parte de pai) coa encarga de matar un home. Chiqui ten a súa orixe nun dos barrios máis conflitivos e perigosos de América, nos seus ranchos ou ranchitos, comparábeis ás favelas brasileiras mais este barrio pertence ás miserentas marxes de Caracas. Chiqui, coma un fatuum, axiñas e atopa coa morte, xa sendo nena foi unha asasina. Boa parte da novela consiste consiste precisamente na rememoración dos anos de Petare, e como este lugar condiciona a vida de quen nel nace, xa co destino marcado. Porén, o mundo da delincuencia non é exclusivo de Petare pois tamén existen delincuntes  que levan o don diante do nome e contan con notábeis influencias políticas. Mesmo a política é territorio de xénero negro, pois os lodos seguen sendo lodos por moito que se vistan de marca. Quizá se bote de menos maior profundización nesta cara do prisma noir. Porén aí está, e hai outras caras a que atender.

Por sinal, a emigración a mediados do século pasado, e as peculiares características da emigración chantadesa, pois de aí emigra un home, un mozo aínda, que desde o porto de Vigo pretende ir a Venezuela. Mais non chegará nunca. Crúzanselle no camiño o secuestro de que obxecto, así como o roubo e a suplantación de identidade. Esta cara sociolóxica, non a debe esquecer nunca a novela negra, e convida a contrastar a miseria de que se quere fuxir, coa que se pode atopar en destino. Mudan as terras, muda o clima, mais non a sorte dos condenados a vivir na miseria, miseria que é a orixe da fortuna que outros amasan co seu comercio. Un cruel comercio, pois xoga coas esperanzas de mellora coas novas condicións de vida que ofrece o destino. Nada hai máis feo que xogar coas ilusións da xente, neste comercio de persoas non só consentido polas autoridades senón que tamén é fomentado para así recibir os cartos da emigración nunha España deprimida despois do Golpe de Estado franquista. Mais, repito, a emigración en terras chantadesas tivo especiais características.

O “noso” potencial emigrante ten un desafortunado encontro mentres agarda a saída do buque que o levará a Venezuela. Froito del é o secuestro e a suplantación de identidade. Tal suplantación de identidade é cometida polo fillo dun vigués moi ben establecido e con importantes contactos entre os poderes fácticos locais. E era unha suplantación necesaria pr fuxir da xustiza despois de cometer outro crime. Porén é o sentimento de culpa do suplantador o que de verdade orixina todo o enredo. Tal sentimento de culpa, moi ben administrado na trama, orixina a necesidade de acabar coa vida do suplantado, non vaia ser que este abra a boca e se desfaga o rico “imperio” creado polo suplantador. E contrasta coa aceptación da nova realidade do suplantado cando este é liberado.

Para levar adiante unha novela destas características é necesario un grande coñecemento tanto da sociedade da que foxe o emigrante, como das condicións vitais que atopará en destino. E Amador Castro Moure demóstrao. Ademais de argallar unha estrutura que mantén o libro nas mans, sen gana de pechalo. Mais, para alén diso, tamén é un libro multimedia, pois o que en principio é un índice orixinal tamén dá a información precisa para que, se imos a instagram, poidamos acceder a unha fotografía da Chiqui que protagoniza este enredo.

 

ASDO.: Xosé M. Eyré

(membro da Asociación Galega da Crítica)

 

 

 

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content