crítica de AO SUR DA LIBERDADE, de Xosé-Henrique Costas

ISTO É UNHA NOVELA HISTÓRICA

Título: Ao sur da liberdade

Autor: Xosé-Henrique Costas

Editorial: Morgante

Cando se fala de novela histórica, a maioría das veces o que se fai é falar de novelas sobre a Historia. E a diferenza é grande, moi grande. A unha novela sobre a Historia abóndalle con situar o enredo nun eixo temporal do que se posúen certos coñecementos del. E máis nada. Pola contra, unha novela histórica esixe un grande coñecemento do momento histórico que trata, moi elevado para, como mínimo, poder configurar unhas personaxes críbeis, críbeis porque representan ben como pensaban as xentes desa época. Xentes que poden pertencer a un único estrato social, ou a moitos, como sucede neste texto de Xosé-Henrique Costas, que nos leva a finais do século VIII e principio do IX e, aínda que a clase social humilde é maioritaria tamén aparecen nobres eclesiásticos e laicos, por un sinal, de distintas militancias relixiosas e culturais, pois nesa época nin o cristianismo era unha confesión única senón que estaba dividida entre trinitarios e adopcionistas, cadaquén loitando por incrementar os dominios da súa fe, permanecendo os animistas como telón de fodndo.

Se a isto xuntamos cristiáns conversos á fe musulmá e musulmáns que fan o mesmo coas crenzas cristiás, pois xa temos unha breve e lixeira imaxe da complexidade daquel tempo en que Ianes, o protagonista central, un rapazolo esperto de mente máis de peito estreito, é acusado inxustamente de homicidio no mosteiro de Samos, onde fora entregue para que traballara alí ao servizo dos freires. Como consecuencia vese obrigado a fuxir cara ao sur. Non vai só, acompáñano uns amigos imazighen e un can, e quen le irá seguindo o itinerario físico, humano, relixioso,cultural e político dos fuxidos. É dicir, en Ao sur da liberdade créase unha ficción que axuda a entender a realidade histórica dun período especialmente confuso, especialmente se seguimos a historiografía españolista, o catecismo histórico que nos queren facer pasar por verdadeiro cando está repleto de falsidades.

E se antes comentamos as divisións na fe cristiá, outro tanto habería que dicir da musulmá.

O itinerario físico, relixioso, humano, cultural e político… Nada menos. Para iso cómpre manexar unha documentación non sempre de doado acceso. E non só, porque unha cousa e dispoñer da documentación e outra máis complexa é ter conciencia clara do que significa esa documentación. Hai que dicir tamén que iso proporciona ao narrador moitas opcións para alimentar a curiosidade de quen le, mantelo co libro pegado ás mans. Por sinal, quen le debe saber desfrutar das preciosas e precisas descricións que se nos van ilustrando os distintos itenerarios.

Porén, o protagonismo máis absoluto é o da lingua. Nada máis comezar a lectura, xa nos decatamos de que quen narra posúe un grande coñecemento lingüístico dunha época onde o latín seguía ser lingua de uso entre os magnates das distintas terras, mais a lingua de uso habitual e oral xa eran os romances. Óllese que dicimos terras, dominios xeográficos, nunca nación ou estado, conceptos que por moito que se empeñen algúns, aínda non existían. Isto é, onde outros introducen palabras ou conceptos que nos leven a lectura ao momento histórico que tratan de ficcionar, aquí atopamos un narrador que ben podería pasar por unha das personaxes que poboan o enredo. O cal, en si, é un feito diferencial con calquera outra novela histórica. Digamos que Xosé-Henrique Costas vai cicelando palabra a palabra, pedra a pedra, a inmensa catedral que será a novela final.

E óllese que esta é a primeira parte do que vai ser unha triloxía. Agardamos con moita expectación polas seguintes entregas.

Pra máis, que ninguén se asuste por pensar que vai ser unha lectura pesada debido ás diferenzas lingüísticas, nin moito menos, porén, se fixer falta a novela conta con índices toponómicos, onomásticos así como un glosario de palabras arcaicas, dialectais ou pouco comúns. Completan; o mapa de Martinho Picallo e as ilustracións de Héitor Picallo.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(membroda Asociación Galega da Crítica)

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content