crítica de A VINGANZA DE FORTIMBRÁS, de Francisco A. Vidal, en Positivas.

Porxmeyre

04/06/2021

TEATRO CONTADO

Título: A vinganza de Fortimbrás

Autor: Francisco A. Vidal

Editorial: Positivas

Velaquí temos o III Premio Laudamuco de Teatro, no que venceu A vinganza de Fortimbrás, de Francisco A. Vidal, sendo esta a súa segunda publicación dramatúrxica despois de A serea (2006). E como no título aparece a palabra “vinganza” e nós vimos de utilizar “venceu”, xa teñen vostedes unha pista da temática que desenvolve a peza teatral. Se a isto engadimos os nomes de Elsinor e Hamlet, a pista xe é unha autoestrada. Porque, en realidade, Francisco A. Vidal recóntanos a traxedia da perda de Elsinor (cidade de Dinamarca, clave no comercio marítimo desa zona) a mans norueguesas. Mais cun importante matiz, aquí son perosnaxes secundarias na traxedia shakesperiana as protagonistas, mentres Hamlet e as personaxes principais de Shakespeare permanecen nun segundo plano.

                     Porén, a peza teatral de Francisco A. Vidal posúe outros focos atraentes que non debenos deixar de comentar. Por sinal, xa de inicio Elsinor aparece como cidade conquistada; desde aí, trazar un paralelismo coa situación da Galiza, colonizada por Castela, non resulta nada complicado, e mesmo  podemos dicir que a peza teatral de Francisco A.Vidal fomenta esta lectura. Á súa vez, existe outro paralelismo moi significativo: se na traxedia shakesperiana o uso dalingua ten unha importancia fundamental, tamén hai que recoñecer que en A vinganza de Fortimbrás, o uso da lingua merece ser salientado, neste caso porque o autor realiza un uso moi atinado da fraseoloxía, unha fraseoloxía rica e variada que cautiva a quen le irreversibelmente. Non se esquenza que falamos de teatro, polo cal o uso da lingua  é un aspecto fundamental, central, diremos, porque se na literatura a palabra é o instrumento desde o cal se manifesta, moito máis no teatro, onde o diálogo é a estratexia basilar que dá pé á súa existecia.

                     A tentación de establecer máis paralelismos coa peza shakesperiana é moi grande, sen dúbida, mais non cremos que sexa o mellor camiño para dar conta da obra de Francisco A. Vidal, que ten personalidade propia e que se ve xa de inicio cando aquí son personaxes secundarias as protagonistas. E dicimos isto conscientes de que Shakespeare non inventa nada no seu Hamlet, senón que reelabora textos anteriores. Por iso, continuando co sobresaliente uso da lingua, outro punto a tratar é o das poucas acoutacións, apartes e soliloquios que aquí se usan para canalizar a sentimentalidade das personaxes. Deste xeito todo recae sobre os diálogos, e cabe dicir que estes son suficientemente elaborados como para expresar ese mundo interior.

                     Alén diso hai outra característica moi acusada en A vinganza de Fortimbrás ( que se se quixer é outro paralelismo, mais xa dixemos que non imso continuar por aí) e é que as personaxes comentan maioritariamente accións, actos, que realizan outras personaxes. Algo semellante a “o teatro dentro do teatro” e que é unha dificultade engadida nesta peza teatral onde a vinganza non é o único tema tratado. Si é o máis importante, mais ao seu carón sitúase outro tamén capital: a relevancia de creaar un “estado de opinión pública” que dea pé, que propicie ese acto de vinganza. Porque, a fin de contas, vivimos nun mundo inzado de “creadores de opinión pública” que preparan o camiño a decisóns polítcas posteriores, xustifican outras anteriores ou contribúen a afianzar as que se producen na actualidade.

                     Isto que vimos de mencionar, non cabe dúbida de que é todo un reto para un autor dramático, pois non é tan sinxelo capatar a ateción do público, ou de quen le, a partir de comentarios como a partir dos actos que desenvolven directamente as personaxes. E conséguese. Despois disto, que o remate non chegue a sorprendernos, tampouco debe considerarse negativamente senón todo co contrario, pois sempre é máis complicado escribir sobre unha temática xa coñecida.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Un comentario sobre «crítica de A VINGANZA DE FORTIMBRÁS, de Francisco A. Vidal, en Positivas.»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content