crítica de A TRAVÉS DO FUME (Antonio Piñeiro, Galaxia)

Porxmeyre

06/02/2019

NOSTALXIA E ESIXENCIA FORMAL

Título: A través do fume

Autor: Antonio Piñeiro

Editorial: Galaxia

Escollemos hoxe este título para taer as estas páxinas críticas da Ferradura porque se trata do Premio Torrente Ballester 2017, mais, sobre todo, porque se está falando moi pouco del e é obra dun dos nosos escritores máis en forma malia non contar con moito espazo mediático, non co espazo mediático que a calidade dos seus textos merecen. Porque o nome de Antonio Piñeiro foise consolidando pouco a pouco, é este o premio de meirande sona, porén até el, Antonio Piñeiro xa se tiña feito co Aviles de Taramancos de relatos de aventuras, co García Barros ou co Lueiro Rey ademais doutros certames menores tanto en poesía como en prosa, ademais de dirixir a Colección Bourel, unha iniciativa editorial ambiciosa e que merece todos os parabéns do mundo aínda que leve un tempo parada. A través do fume é tamén un título que nos vai permitir falar da nostalxia, algo que cremos de de interese toda vez que os galegos e portugueses somos pobos moi nostáxicos e fomos deixando esa impronta alí por onde pasamos.

                     A novela de Antonio Piñeiro é un auténtico tour de force estilístico, un texto esteticamente esixente, como todos os seus, no cal o autor demostra unha habilidade narrativa sorpresiva. Trátase dun texto sen maiúsculas e sen puntos, construído a base de fregamentos, sempre menores de dúas páxinas, que se superpoñen até lograr un fluxo de conciencia que nos leva aos anos 70 do pasado século e ao mundo da emigración europea. Ben se pode dicir que son as memorias de Nina, a personaxe central, que viaxe dende Barcelona a Compostela e que experimenta esa corrente de conciencia que a leva deixarnos un texto que lerá con nostalxia aquel lector ou lectora que teña vivido con conciencia e lembre a década dos 70 do pasado século, sobre todo dos anos centrais. Nina vainos deixando as súas memorias moitas veces relembrando conversas coa súa nai. Coa súa nai, fundamentalmente; hai outras personaxes mais a personaxe da nai é central. E está aí, na introdución das distintas voces no discurso, unha das meirandes dificultades técnicas e que Antonio Piñeiro solventa cunha habilidade realmente notábel. Alén diso, esa nostalxia aludida céntrase na lembranza de cousas pequenas mais que para ela tiveron fondo significado, como as cartas ou como o sabor da goma de pegar dos selos ou do Nadal como ocasión en que se reunía toda a familia agás a ausencia gardada de quen estaba na emigración. Porque esta tamén é unha novela sobre a emigración, sobre o valor da familia e sobre a emigración. O valor da familia, a familia, a célula da sociedade segundo o franquismo, o mesmo franquismo que despois rompía as familias mandando parte dos seus membros á emigración. A propósito de todo isto, non debemos deixar de comentar como Nina apenas acha diferenzas entre os discursos de Nadal de Franco ou, xa morto o ditador, do Rei.

                     Nin que dicir ten que este tipo de discurso esixe un lector activo que sexa quen de recompoñer o puzzle que é o discurso, porque as distintas lembranzas van chegando e plásmandose en letra sen unha orde preconcibida, cando lles acae, sen ningún tipo de contiguidade. Porque a memoria é así, caprichosa. E, aínda a través do fume, que difumina as cousas e fai engradar os ollos, Antonio Piñeiro é quen de lembrar as marcas de gomas de mascar ( e o seu sabor) ou de televisores, que entón comezaban a chegar aos fogares.

                     Son lembranzas de momentos que afectivamente foron intensos. E hai quen ve este tipo de nostalxia como algo positivo porque é recibida con emoción. Porén, tamén hai quen o da nostalxia positiva o deixa para a nostalxia dun futuro mellor, estando, pois, a nostalxia moi cerca da utopía. Mais non é este tipo de debate o que nos debe interesar aos galegos e portugueses, que fomos quen de distinguir distintos tipos de nostalxia como mínimo, a morriña e a saudade. Particularmente saudade tiña moito predicamento literario na primeira metade do século pasado, chegando a constituír un movemento literario, o chamado Saudosismo, con Teixiera de Pascoaes á cabeza e que tivo unha fonda relación con Galiza. Mais non só iso, senón que a saudade pode rastrexarse na literatura galega desde o mesmo tempo dos trovadores, e así, por exemplo, hai quen ve moita saudade nas seis cantigas de Martín Códax. E hai tamén algo de saudade nestas páxinas de Antonio Piñeiro. Mais a saudade é un sentimento tan fondo que quizá o lector a experimente máis que o autor a manifestou. Quizá. O crítico tena sentido ben fonda, aló na adolescencia madrileña, mais tamén é consciente de que hai xa moitas décadas que non se fala da saudade e resulta complicado entendela fóra da historia do pensamento galego. Todo parece indicar que xa é algo pasado. Malia ser considerada a saudade como un marcador identitario, tanto galego como da lusofonía, hoxe parece desaparecida, por iso é benvida neste discurso de Antonio Piñeiro..

Noutra orde de cousas, resulta curioso que dous dos principais premios de novela, un en 2017 e outro en 2018, como son o Torrente Ballester e o Xerais deste ano, foron parar a textos que é posíbel definir como novelas breves. Curiosidade, coincidencia, ou algo máis?

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido