subliñados de DEZANOVE BADALADAS (Anxo A. Rei Ballesteros, Galaxia)

Porxmeyre

31/01/2019

SUBLIÑADOS DE dezanove badaladas (Anxo A. Rei Ballesteros, Galaxia)

E os catro botáronse a andar pola rúa adiante. Estaba ateigada de xente. A Raíña, O Toural, O Franco… mostrábanlles aos nosos camiñantes as faces moradas dos homes e mulleres ( máis exactamente, rapaces novos e estudantes), o seu ollar bagueiro, os seus labios azuis (16).

……………………………….

“Un no primeiro, anda un pouco aparvado na cidade.”

“E Santiago non é moi grande.”

“Santiago é unha cidade pequena.”

“Hai pouco traballo, na cidade.”

“Pouco traballo.”

“Pouco.” (19, salientados orixinais).

……………………………..

De novo aquela moitedume, aquela foulareda asoballadora (faces andidas, delaivadas, faces louridas de estudantes, ollos estarulados) eslumeada de enxisgo polos verdegantes, os azulencos, ou quizais albos clariscos dos escaparates, que esguellaban coma teas resplandecentes o corpo negro da noite, estrullábaos no seu seo (31).

…………………………….

-Ois, ti, onde queda eso?

-Aí diante, xa!

-Que frío vai! -dixo Xaquín. Estanguecendo co xieiro que sopraba. Pepe dicía:

-Xa veredes!

-O que?

-Hai un vello aí dentro que é a mar de cómico (45).

…………………………………

Da terra rube un cheiro a reste e a humidade. Nolo mira a pequena bufarda da cociña, esgorripada polas chuvias e o vento. As moscas adormentaban, pousadas nos cristais (49).

………………………………

Quen sodes?

Eu son Xermán!

Eu son a túa naiciña!

Eu son Lucindiña!

Eu son as catro casiñas que vas deixar!

Eu son os catro gatiños!

Pero, que queredes de min? (52).

…………………………….

.A ver! Eso é para hoxe ou que! Temos que ir nós por eles? Tarda os inquirios! (56).

………………………….

A xente íase apartando cara aos seus fogares (xa eran as dez dadas), pola rúa do Vilar, Pola rúa Nova, polo Franco, pola Raíña e polo Toural, debrocaba unha moitedume de faces louridas e asicirradas baixo a garúa teimosa da noite (69).

………………………….

-Eiquí é -dixo Xaquín relambéndose.

-Non cho sanbia eu -comentou Nolo, deténdose un intre namentres se acendía o pito. Os demais esperárono. Xaquín preguntoulle:

-Non o sabías?

-Non.

-Ha, ha, ha! -ría-. Pois xa sabes: dende hoxe, cando queiras…Ha, ha, ha, ha! (75)

……………………………

En riba, mancheas de carballos estrigosos cubrían o ceo. Por entre as estremas das follas (estrochadas, esgorripadas e tortas, ensumidas nas mans marelas do outono ) estrelecían as luzadas fluorescentes que abrollaban dos farois (97).

………………………………

Non sabía que os galegos son un pobo que está moi afeito a camiñar pola noite. Non sabía que hoxe, e onte, e antonte, o home galego, isto é, non é home, é unha toupa. Que o home galego, esganado na noite e no silencio, serve de alicerce cernido, e esteo doado a outra xente ( que se di galega, aínda por riba, ou mellor que se di irmán, que se di xusta; que se di católica (cristeros e non cristiáns); que se di católica e, se cadra, non é sorprendente, aínda o é…(108-109).

…………………………….

Tiña medo a moitas cousas, por exemplo, á cidade. Tíñalle medo aos bares (aínda que ás veces fose a eles), aos amigos, a London, á vida… E tamén arrepiaba coa idea da  morte (127).

…………………………..

Unha das catro cousas ( se son tantas) que lle din ao neno galego cando nace á puta vida é de que se arrede dos xitanos e dos negros (139).

…………………………….

Xeralmente gaña a taberna, cecais por cousas de que na igrexa o viño bébeo nada máis que o crego e, en troques, na baiuca, repártese entre todos. Así, nin que dicir ten que a estrutura democrática da taberna faise sempre co trunfo, dun xeito moi doado. E as igrexas en Santiago, agardan case baleiras o remozamento das súas estruturas medievais e xerarquizadas (140).

………………………………

A morte é a verdade única. A vida vén ser un intre da morte. A morte, din algúns, é o principio da vida. A vida é o principio da anarquía, e tras desta volve aparecer novamente a faciana da morte (159).

……………………………….

“Amor hai que ver que ben canta hai que ver que voz tan olma amor amor quedaran de festa hoxe amor é sábado de festa rindo bailando de festa hoxe sábado xa se sabe eles de festa…” (167, salientado orixinal).

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content