crítica de A NENA LECTORA, de Manuel Rivas e Susana Suniaga, en Xerais.

Porxmeyre

22/12/2021

A MAXIA DA PALABRA

Títulos: A nena lectora

Autor: Manuel Rivas & Susana Suniaga

Editoriais: Xerais

Despois de A lavandeira de San Simón (Eva Mejuto & Bea Gregores) que iniciou a colección “Pequena Memoria”, chega esta A nena lectora de Manuel Rivas, ilustrado por Susana Suniaga. Primeiramente faise imprescindíbel comentar que esta coleeción de Xerais, na que se rescatan para a  rapazada voces e feitos que dormen no inxusto sono da memoria cando resultaron decisivos na nosa propia Historia aínda que poidan parecer circunstanciais puntuais, esta colección parécenos unha das mellores iniciativas que a LIX ten levado a cabo. Non podemos deixar ocultas no silencio estas voces porque equivalería a condenar e esquecer unha parte moi importante da afouteza e compromiso social aleccionadores do humanitismo necesario para seguir chamándonos human@s. E isto, o rigor histórico non se leva mal nin exclúe as dotes de fantasía que a rapazada tanto estima xustamente porque lles amosan que o mundo pode ser doutra maneira, doutra maneira mellor.

                     Manuel Rivas rescata oficios xa desaparecidos como o de trapeiro, que é o do pai de Nonó, a protagonista: Oficio de pobres, si. Mais cómpre berrar ben alto que a pobreza non é sinónimo de incultura. Que o seu burro se chame Sócrates e o can Darwin, ou o irmán Liberto, xa nos indican para iso. Liberto, de quen nos chega a memoria da Antorcha Galaica, escola onde aprendeu a ler, e, de feito le para a familia todas as noites, o que máis lles gusta é o “Nouturnio” de Curros Enríquez. Nonó ten tamén dúas irmás xemelgas, Idea e Sol.

                     Cando a nai enferma gravemente, o doutor recoméndalle a Nonó que lle lea cada día unha historia diferente, pois así poderá vivir moitas vidas no tempo que lle quede. EIs unha maneira de poñer en valor ese acto xa mecanizado e ao que non adoitamos darlle a importancia que realmente ten. Tamén se denuncia, admais da Guerra de Marrocos, as detestábeis condicóns de traballo das mulleres na Fábrica de Mistos ou na Fäbrica Tabacos coruñesas. De non ser por inicitaivas como esta colección, esta parte da nosa Historia permanecería roubada  polo silencio para a inmensa maioría da rapazada, pois todos sabemso as dificultades que a sociedade galega ten para contar a súa propia Historia.

                     Despois, Nonó, convertirase en lectora na Fábrica de Tabacos. Durante moitos séculos, até chegar a ben entrado o XX a ocupación de ler para os demais, da lectura pública, foi fundamental para enfrontar o tedio da vida e as duras condicións de traballo nas fábricas que trouxo a Revolución Industrial. Queremos deternos un chsico aquí, porque a lectura pública aínda se segue practicando en moitos países como un acto cultural máis -polo que mesmo se chega a pagar- mentres aquí é unha actividade que poucas veces se ve a non ser en actos de homenaxe.

                     A aliaxe entre fantasía e realidade funciona ás mil marabillas neste texto de Manuel Rivas que ilustra tan preciosamente Susana Suniaga (quen na atmosfera da laboriosidade gris e escura sempre atopa maneira de achegar colorido) e constitúe unha maneira de lembrarnos que é posibel atopala inclusive nos días máis anódinos, nas circunstancias menos agardábeis, a maxia da palabra é un conforto extraordinario e de doado acceso. Aliás con este tipo de historias, a rapazada aprende que que o marabilloso pode xurdir nos momentos e situacións máis prosaicos, que  maxia da palabra pode transformar, facer e facernos mellores.

                     O valor, o poder e valor da fantasía que achega a lectura, o poder e valor da aprendizaxe que supón a lectura, o poder e valor de mergullarnos nos diferentes mundos que nos proporciona a lectura…

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido