a propósito de O QUE FICA FÓRA, de Manuel Rivas, en Apiario

Porxmeyre

29/12/2021

O QUE HAI DENTRO

Título: O que fica fóra

Autor: Manuel Rivas

Editorial: Apiario

Non, non lles vou contar o que hai fóra. O que hai fóra é iso que vostedes teñen que procurar, e non se estrañen se o que hai fóra ten algún tipo de correspondencia co que hai dentro. Dicían os románticos que o que hai fóra reflectía o que hai dentro, ou iso pretendían. Eu limitareime a escribir sobre o que hai dentro deste novo poemario de Manuel Rivas, que comeza cun poema titulado “Terra de ninguén”, título moi significativo porque o que hai dentro del é unha tentativa de explicación do que somos, do que é a voz poética, terra nosa, terra de ninguén, país que fica fóra e que conclúe somos éxodo en celo. Neste tempo de devastación onde a lingua é perseguida e a nación negada, o compromiso ético, social e político reafírmase xa desde o primeiro poema. Non, non se trata de panfletarismo político. É poesía lírica que non esquece, poesía inconformista nun tempo onde o máis sinxelo é deixarse ir na onda que convida a preocuparse só do materialismo que nos afecta invidualmente. Dixen materialismo, é o mesmo que dicir capitalismo (neo)liberal, sempre invdividualista. Reafirmo. Pois ese é o “Punto cero”, o punto de partida, cachizas de horizonte, / meridianos esnaquizados, / coordenadas á deriva, poema que insire o retrouso ça ira!, un retrouso con múltiples referencias, desde a canción da francesa Joyce Jonathan (ese labirinto interior, ese desasosego), á ópera de Roger Waters (ex-líder de Pink Floyd) que é unha versión musicalizada da Revolución Francesa, Revolución Francesa que adoptou esas dúas palabras como himno e que tamén levou ao cinema Tinto Bras…sen esquecer que tamén se pode interpretar ao abeiro do laissez faire que á vez é slogam nihilista e tamén pode indicar para o liberalismo económico (e político, engado) xa nos seus inicios. Significativamente o poema remata a náufraga que camiña no mar con pés de lá. Significativamente, nun poema que comeza: o que trae o mar nos brazos. Lembren, náufraga. A vida é un naufraxio? A vida d@s galeg@s conscientes e solidari@s, sincrónica e dicaronicamente, que vivimos esta devastación, é un naufraxio? Cavilen. É o que hai fóra, dentro e fóra

            Segue un poema que ten como centro a lingua, precisamente a lingua abrindo galerías no manuscrito da terra… Lingua alada que migra no esquecer / que aniña onde doe / no ceo do padal…Abatida na brama, cando canta de celo. A lingua propia deste país que abisma no cantil, este é xa un poema breve como “Pandemia 2020” e os seguintes, dos que quero reproducir “A Brava de Elviña”

            Naquela taberna

            todo parecía ficar fóra

            do poder do Estado

            Son poemas breves, concisos, impactantes malia algún semellar que leva tatuada a contemplación propia dos haikus. Despois da “Imperiofobia” e d´”A pedra da forca” si chegarán haikus, os “Haikus secretos”. A verdade é que este tipo de poemas, que convidan á reflexión contemplativa están estratexicamente dispostos despois da ancoraxe ética precedente e antes de retomar outravolta o desacougo interior que á voz poética lle produce o devir histórico. Para quen le, este tipo de poemas son unha oportunidade para sentirse acompañado nas súas arelas de xustiza e reivindicación, xustiza para a nación e a cultura, para a lingua e a Terra, reivindicación imprescindíbel nestes tempos de esquezo colectivo, de indolencia ética, de espectador+s consumistas en lugar de protagonistas crític@s activ@s.

            “O chío de xiz”, poema que ten como centro a poesía de Antonio Machado (para que despois digan os da “caterva mediática” que @s gaelg@s eticamente comprometidos somos isolacionistas!), volvénos situar no centro exacto do desterro…

            ese ourizo da man

            que ulisca os restos

da historia de España

nun bodegón

onde pendura dun gancho de caza

a lúa demudada

            Logo de que no seguinte poema Toda  a terra, un cantil cortado a pico. Termaba de nós, / anxos caídos / un vento emboscado. / O tolo de Abril continúe no ronsel do lirismo eticamente comprometido…non é que se vaia abandonar, cousa que nunca sucede, mais o seguinte poema posúe unha característica individualizadora e nova no poemario. É narrativo. Conta un enredo. Tampouco é o único. Logo, tematizando a mai (reflexionen vostedes sobre todas as connotacións desa palabra) sitúanos n´o impensábel, o que fica fóra. Non é un poema tan declaradamente narrativo, combina narración e lirismo valente

            A seguir volve reinvindicar a lingua (nunca é pouco!), a propósito da palabra “vagalume”

            Cen nomes ten o vagalume

            cen sartegos na cripta

             dun dicionario

            E aquí quero determe unha chisca, para que fique ben clara a identificación entre lingua e mundo natural (fauna, flora…), quero determe unha chisca hoxe, cando a sociedade maioritariamente vive pisando artificialidade, cemento, alcatrán…Cando foi a última vez que viron un vagalume?. Evidentemente todo ser humano ten dereito a ser feliz, ese dereito, esa obriga, vén a  seguir, e chama a atención que os poemas nos leven a xeografías diferentes á galega. Significativamente. Mais lembren que a necesidade de horizontes está sempre aí, sen eles perdémonos. E un deses horizontes, lembrémolo, é a lingua Cando lle arrincan  a lingua ás palabras, Cando son sometidas a trata….Qué o que fica en pé / O que fica fóra. E, co seguinte poema, o poema do prófugo, o corvo que non regresou ás mans de Noé, con ese poema entramos nunha nova diemensión estética do poemario. Porque a partir de agora o poema vólvese poema visual, caligráfico e visual, ensaiando novas formas, como o esquema, por sinal. Ás veces no é doado de ler, reclamando máxima atención e esforzo. A lectura perde a verticalidade, horizontalízase, h o r i z o n t a l í z a s e. Os trazos da escrita tenden a ser grosos e recupéranse motivos temáticos antes lidos, agora nun novo horizonte. Deste nova forma poética comprendan que pouco lles comente, deixarei que fique fóra, virxe para que vostedes a interiorizen.

Ben, eu conteilles o que hai dentro d´O que fica fóra. É unha fiestra. Unha porta aberta. Entren sen chamar.

ASDO.: Xosé M Eyré

Porxmeyre

Un comentario sobre «a propósito de O QUE FICA FÓRA, de Manuel Rivas, en Apiario»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content