crítica de A MAXIA DA AUGA, de Afonso Eiré, en Hércules de Ediciones.

Porxmeyre

10/03/2020

TERRRITORIO DA LENDA

Título: A maxia da auga

Autor: Afonso Eiré

Editorial: Hércules de Ediciones

Permítanme que comece relatándolles unha lenda familiar, porque ma contou a miña avoa Xesusa cando eu tiña uns 4 ou 5 anos. O conto é que cando ela era moza, a festas tiñan lugar pola tarde e remataban co solpor, para que quedara tempo de volver para a casa con luz. Dicía a miña avoa que, cando ían á festa a San Paio ( a parroquia veciña), ao volver para a casa tiñan que atravesar un regato, que non é moi grande pero hai que saber onde se salta para non caer na auga. Ese regato transcorre ao pé dun castro, engado eu agora. E, seica, cando volvían que xa non se vía ben, aparecía da nada unha muller e preguntáballes: “Queredes luz para pasar?” Se dicían que non, non pasaba nada, a vella daba volta e marchaba. Mais se dicían que si, entón a vella abría a man e en cada dedo parecía unha candea que daba luz. Eles buscaban onde saltar, pasaban e marchaban para casa. A vella desaparecía cando eles estaban do outro lado. O mellor de todo é que miña avoa dicía que lle pasara a ela, e a ver quen é o neto que desconfía do que lle conta a súa a avoa…

                     Este comezo é para que se entenda ben a posición en que eu me atopo á hora de falar do último libro de Afonso Eiré, que trata diso, de lendas relacionadas coa auga. Mais non só pretendo iso senón tamén demostrar que as lendas, por moi fantásticas e terroríficas que poidan parecer, por moito que existan pola sinxela razón de que a certas cousas hai que lles ter respecto, e que hai outras que nos advirten de posíbeis perigos para nós. Malia todo iso, na lenda que me contaba a miña avoa non había nada de “malo”, nin ningunha advertencia. A vella, se lle dicían que non, simplemente marchaba e máis nada. Entendo eu que esta lenda o único que pretende é achnazarnos o camiño para crer no marabilloso, pois o marabilloso, porr moito que digan que despois da chegada da luz eléctrica desapareceu ,e agora se fale de “lendas urbanas”, o marabilloso sempre seguirá existindo, porque temos esa capacidade como seres humanos e enriquece a nosa vida, na miña opinión.

                     Precisamente no primeiro dos relatos, Afonso Eiré trata o tema da Estadea, da Compaña, e non da “Santa” Compaña, porque o de “Santa” só foi unha tentativa de cristianizar un relato pagán. E teño para min que aínda que se esforzaron moito na “cristianización”, non sempre o conseguiron e aínda nas lendas se poden atopar moitos relatos pagáns, que son menos comminatorios que os cristiáns, ou, polo menos, non amezan a vida das persoas co inferno, coma a “Santa Compaña”, ou a morte. Porque o certo é que a relixión cristiá procurou atemorizar a entristecer a vida das persoas, sempre. E vaia se o conseguiu, pénsese por exemplo nas carpideiras…

                     Noutro relato ( “A fonte do Esquecemento”) detense noutra lenda cristianizada, a da fonte da Virxe do Faro, unha fonte que seica bota auga milagreira e, polo si ou polo non, nas festividades correspondentes ( 15 de agosto, para os emigrantes; e 8 e 9 se setembro para os demais) é multitude de xente a que leva botellas de auga para a casa. Mais o certo é que neste relato fálase de máis fontes, porque no Faro hai máis e de bastante sona, sendo unha delas a do esquecemento e enlazándoa coa lenda de San Brandán, para terminar concluíndo que tradición e razón non están enfrontadas. Noutros relatos volve aparecer o factor relixioso relacionado coas lendas. Como pode ser o caso d´”os medos” de Pesqueiras, pois aquí é a igrexa de Pesqueiras o obxectivo ou lugar onde teñen lugar sucesos dificilmente explicábeis: “os medos”.

                     Como Afonso Eiré sitúa estas lendas que teñen que ver coa auga nas terras de Chantada, tamén puido falar dos “medos” de Salgueiros ( onde se celebraba a festa patronal), mais se cadra el non estaba presente cando o Amancio nolo contou precisamente nunha matamza, na matanza do Xavier… Porque á hora de escribir o libro, por forza o Afonso tivo que seleccionar, pois é moi grande o número de lendas que, nas terras de Chantada, teñen que ver coa auga. E, nesa selección quixo incluír un relato, “O pozo de Belesar” que parte dun feito real, como foi a desaparición dun home alí, en Belesar. Na miña opinión é o mellor relato do libro, non lle falta retranca, humor, e demostra que as vellas tradicións, as vellas lendas, moitas veces son máis útiles cós máis modernos medios técnicos. Porque precisamente esas vellas tradicións, o que transmiten é o coñecemento do río Miño. Mais as pozas ou pozos aparecen tamén noutros relatos como lugares aos que un non debe achegarse e moito menos bañarse, como relatos de prevención.

                     As xacias son un dos seres mitolóxicos relacionados coa auga que non podían deixar de aparecer. E a lenda que conta é para min ben coñecida. O que si é unha mágoa é que tamén puido contar como cando Fraga veu a Chantada inaugurar a piscina, e houbo protestas, a xuíza interrogou a todos os sospeitosos de facer as pintadas contra o vello facha. Un deles, que agora fai de Apalpador no seu tempo e convencido activista a prol da natureza, respondeulle á xuíza: “Serían as xacias”. Meu dito, meu feito: ao día seguinte ditouse orde de “busca a captura” contra as xacias. Dá para rir, mais foi certo, está nas páxinas dos xornais.

                     E tamén hai outro “A casa do Alcalde”, que se move entre a desmitificación e o respecto máis absoluto, para o cal bota man de datos históricos. Porén, non teman, non lles vou desvelar máis dos oito relatos que compoñen o  libro, non lles vou estragar a lectura. Simplemente quero engadir que a escrita do Afonso é moi directa, conta as cousas polo dereito e sen enfeites, de xeito que ben se puidera falar de influencia do relato xornalístico, que prescinde de todo o que non sexa “imprescindíbel”. Aínda que os mellores resultado obtenos precisamente cando  o relato literario se impón ao xornalístico.

                     Eis un novo libro do Afonso Eiré, sempre con esa lingua vizosa e empreñada da terra, que outros desbotarían porque son palabras pouco coñecidas, mais que el respecta  e utiliza sen por iso perder lectores. Todo o contrario, o Afonso logra que lean os seus libros xentes que nunca antes leran un libro ou poucas veces o fixeran. E non hai mérito máis grande.

O libro é tamén unha maneira de rescatar o cheos de vida e rapazada que había antes en lugares como Riopedroso, e onde hoxe só habita o silencio e algunhas persoas maiores que se negaron a abandonar o seu lugar de toda a vida. Cheos de vida, de rapazada, e cunhas maneiras de vivir e pasar o tempo sen tanta tecnoloxía nin televisón…pero moito máis divertidas e con máis lugar para a imaxinación.

ASDO.: Xosé M. Eyré.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content