crítica de TERRA NULLIUS, de Alberte Momán Noval, en MEditora

Porxmeyre

13/03/2020

VIOLENCIA ESTRUTURAL DE TODOS OS DÍAS

Título: Terra nullius

Autor: Alberte Momán Noval

Editorial: MEditora

O concepto de “terra nullius” foi usado durante moito tempo para dar a entender que unha terra non tiña dono e podía ser reclamada como propiedade. Unha terra de ninguén. Mais tamén, e seguimos a información editorial da contracapa, pode ser usado co significado de “terra queimada”. Sempre aplicando este termo á xente, pois a xente e as súas condicións de vida son o grande obxectivo desta novela breve, novela breve e en formato editorial pequeno, o que a fai máis singular. Porén volvamos ao rego, a preocupación polas xentes a as súas condicións de vida, que, por outro lado, vén sendo o grande tema da literatura de Alberte Momán, e aquí volve amosarse como tal. O cal non quere dicir que sexa unha lectura xa feita. Nin moito menos e precisamente ao contrario, conservará o grande tema do autor, porén é unha manifestación máis que contribúe a erguer o corpus literario do autor, a darnos unha imaxe máis fiel e completa do drama humano.

                     Porque a vida da xente é sempre un drama, unha “terra nullius” que reclamar para así mellorar as condicións vitais. Na novela, o  protagonismo é fundamentalmente feminino, aínda que a segunda parte comeza cun masculino, xa preto do final. Non lles desvelarei a trama, limitareime simplemente a comentala. Por exemplo comentareilles a despersonalización inherente a ela e unha consecuencia máis dunha sociedade na que custa manter a personalidade, na que custa ser alguén e manter esa identidade propia fronte aos demais. Se se pensa ben non é nada novo, a Modernidade leva advertindo dos seus excesos desde o principio, lembremos por exemplo As viaxes de Gulliver (1726, Jonathan Swift) e moi particularmente desde que o capitalismo irrompe facéndose dono das horas e dos días da xente, impoñendo unha maneira de vivir, un xeito de entender a vida mediante o cal se perpetúa á vez que subxuga ás persoas, e permítanme que aquí non dea títulos pois moitas son as novelas que disto nos advirten, se tal só lembrarlles o Ferrín de Arrabaldo do Norte (1964) por poñer un exemplo dunha temática na cal se sitúa tamén esta Terra nullius.

                     E se antes lles mencionei a despersonalización (nótase por exemplo na anonimia das personaxes) non se pode deixar de indicar que na trama da novela non acontece nada extraordinario ou diferente da vida habitual das persoas. Se tal comentareilles a procura de satisfacción vital a través do sexo. Porén, e aínda as personaxes comportándose con amabilidade unhas con outras, iso non abonda para que non sexan vítimas da violencia estrutural que paira sobre tod@s todos os días. Pode exemplificar isto moi ben a situación laboral da protagonista, nunha idade na cal os movementos na empresa na que traballa van supoñer que teña que aceptar solucións laborais por debaixo da cualificación que realmente ela posúe. É un exemplo. Mais, desde a climatoloxía (sempre condicionate e nunca coadxuvante) á propia soidade individual, a vida das persoas é unha “terra quimada”, un espazo desértico que o propio decorrer dos días nesta sociedade occidental condicionou, un espazo estéril, unha experiencia desagradábel e negativa contra a que, se se loita, non é doado acadar bons resultados.

                     Nas mesma información editorial menciónanse os Eugènes e Mortimers de Lean Cocteau no seu libro Le Potomak (1919), unha moi particular e intensa novela gráfica onde os sanguinarios e voraces Eugènes devoran aburguesada parella dos Mortimer. Ben, como xa dixemos, á vida burguesa e por suposto capitalista non lle cómpre nada extraordinario para converterse nos Eugènes, da mesma maneira que ás personaxes tampouco lles cómpre nada do outro xoves para seren os Mortimer, as criaturas sacrificadas, as vítimas.

                     Porque a vida é así. Ou polo menos a vida que nos toca vivir aos occidentais burgueses, como moeda de cambio dun capitalismo atroz fóra do cal xa parece que non somos quen de vivir. Lémbrese ese concepto do “estado de benestar”, que semella un obxectivo irrenunciábel e humano ( lonxe do cal viven as personaxes desta novela breve) e que, porén, non é máis que a institucionalización mental do capitalismo como única opción posíbel.

                     Eis unha novela breve que non custa traballo ler, e que resulta unha advertencia que non debemos deixar pasar.

ASDO.: Xosé M. Eyré.

Porxmeyre

2 comentarios en “crítica de TERRA NULLIUS, de Alberte Momán Noval, en MEditora”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content