crítica de 200 GRAMOS DE PATACAS TRISTES, de Juan Carlos Mestre, en Espiral Maior

Porxmeyre

07/01/2020

LITERATURA CON MAIÚSCULAS

Título: 200 gramos de patacas tristes

Autor: Juan Carlos Mestre

Editorial: Espiral Maior

É xa un tópico escribir/ler a cerca de discursos que resultan inclasificábeis ou moi difíciles de catalogar para o sistema literario. Fálase entón de escritas na encrucillada xenérica, ou simplemente de escritas que beirean a marxinalidade xenérica sen decidirse por ningún en concreto. E, seguramente, nunca mellor dito ca neste caso dos 200 gramos de patacas tristes, do escritor berciano Juan Carlos Mestre, un autor ben recoñecido en lingua castelá que agora publica a súa primeira achega á literatura en galego, tamén lingua do Bierzo. E temos que confesar que de quen primeiro nos acordamos foi de Xavier López Rodríguez, o autor de Hermisende, das Portelas, da Galiza estremeira. Porque precisamente non é que haxa moitos autores ou autoras da Galiza estremeira. E  agora vense xuntar o nome de Juan Carlos Mestre, pola porta grande, por esa porta pola que só caben os autores/autoras que escriben coa mestría, coa mestría do seu saber literario e coa mestría do seu saber humano, coa mestría que só se acada cando o autor ou autora partilla intimidades incuestionábeis coa condición humana.

                     Dito isto teño que indicar que un dos primeiros focos de atención á hora de ler este libro, para min era a lingua. Ou o que é o mesmo, ler literatura na lingua galega do Bierzo. Que existe, por moito que a queira agochar unha galegofobia berciana que tamén existe, porque a temos vivido en moitas ocasións. E resultou plenamente satisfactorio, tanto por recoñecer particularidades desa lingua estremeira como por ter diante unha obra, un discurso literario dunha mestría que poucas veces se olla.

                     E agora explicareilles aquilo co que comezamos, a literatura intersticial ou multixenérica que se atopa neste libro de Juan Carlos Mestre. Un libro certamente complexo. Podemos dicir que é un libro onde hai moita poesía, podemos dicir ademais que é un libro onde hai moita poesía e moita poesía de moi alta calidade. Desde o inicio, mais formalmente onde máis se nota é no remate. Porén non é un libro onde esa poesía adopte formas poéticas, senón que o verso perde a dimensión espacial nunha ruptura na que o autor demanda a intervención lectora, na que o autor demanda a intervención de lectores/lectoras activ@s, non simples espectadores verbais da palabra escrita en negro sobre o branco do papel. Isto, coma quen di por lóxica, leva a falar de prosas poéticas. E é certo son prosas moi poéticas, tampouco se pode negar que sexan prosas nas que aniña unha poesía de alto calibre. Iso só xa abondaría para falarmos/escribirmos dunha escrita literaria de altura, á que todos os adxectivos valorativos lle son poucos porque lle son infieis, ningún dá conta do verdadeiro talle desta escrita de Juan Carlos Mestre. A quen mesmo a mestría do ourive verbal lle queda pequeno. Porque…hai máis porén. Por exemplo: porén, malia o dito, estas prosas líricas son prosas líricas que caben nunha folla, nunca a superan. De xeito que tamén se pode falar de Hiperbrevidades, pode e debe falarse de hiperbrevidades. Nun primeiro momento, o feito poético parece indicar cara aos microrrelatos. Porén (xa lles dixen que había máis) son microrrelatos que renuncian ao remate lostregueante. Non, non hai ese remate lostregueante mais tamén é certo que no seu  lugar sempre hai remate climático, un remate climático que non abonda para falarmos de microrrelatos, mais ben perto lle quedan. Porén trátase de prosas líricas nas que hai personaxes, o cal xa é máis propio do microconto. Mesmo, ademais de personaxes tamén se pode falar de trama, máis ou menos lírica segundo os casos, porén a trama tamén resulta incuestionábel, máis lírica ou menos lírica mais sempre incuestionábel. E, xa o dicimos, algúns microcontos si hai, pódense admitir sen demasiados problemas.

                     Velaí que na descrición analítica anterior descanse un libro absolutamente intersticial, tanto desde o punto de vista da crítca/literatura herdada como desde o punto de vista das Hiperbrevidades, ese non xénero do que tantas veces temos falado/escrito e que se desenvolve totalmente á marxe das práticas ecriturais convencionais.

                     Un libro nada convencional, xaora.

                     Vaiamos agora con outras cousas que nos gustaron especialmente.

                     E volvamos coas personaxes, porque tamén temos que dicir que esas mesmas personaxes, esas mesmas personaxes que son o centro narrativo, e ás que se invoca moitas veces xa no inicio, lembráronnos moito o Cunqueiro da triloxía final. Xa había tempo que ninguén nos lembraba a Cunqueiro, a última: a chorada Begoña Caamaño en Morgana en Esmelle. Porque é coma se Cunqueiro quixese escribir a triloxía mais desde a realidade literaria máis vangardista e actual. Porén (e outro) non cremos que sexa o suficiente como para falar/escribir de influencia. O que si é certo é que parecido hai. Segundo Cunqueiro fabulaba a partir do que escoitaba na botica do seu pai, Juan Carlos Mestre recolle nestas páxinas a memoria de personaxes que poboaron a súa infancia. Non especialmente infancia como paraíso, mais si infancia como ese territorio no que nos estamos a conformar como persoas. Non, mais tampouco queremos esquecer esa lembranza, tampouco. Do mesmo xeito que, das personaxes falando, tampoco podemos esquecer aos escritores que neste título actúan como personaxes, comezando polo mesmo Pessoa e os seus heterónimos, nun xogo deses que se veñen chamando de intertextualidades e que contrasta dúas visións do mundo: a do escritor que actúa como personaxe e a do propio discurso en que se insire. Pessoa é só un exemplo, porque con el se comeza o libro, hai máis, porén (e outro) non vén a nada ofrecer agora unha listaxe.

                     Por certo, segundo as personaxes nos lembraron a Cunqueiro, tamén hai unha lembranza para Vicente Risco. Segundo Risco a esencia humana atopábase no esqueleto, nos ósos; e segundo Juan Carlos Mestre o mellor das patacas tristes está precisamente na pela da pataca. Unha semellanza si hai.

                     E outro dos aspectos que nos prougueron especialmente do libro de Juan Carlos Mestre é que se trata de literatura comprometida socialmente, indiscutíbel e claramente literatura de compromiso. E tamén, tamén había tempo que non diciamos nada parecido  a propósito da literatura galega, sobre todo na narrativa. Lembrar é humano. Lembrar con conciencia é de humanos serios e conscientes da historia. Esquecer animalízanos, porque os animais…eses si que, se non lembran, pouca capacidade teñen para facelo. Literatura da dignidade, porque coa palabra constrúese e reconstrúese iso que os humanos chamamos disgnidade e que nos fai dignos de chamarnos humanos, precisamente.

                     Velaquí teñen unha das mellores obras de 2019. Realmente non só de 2019, unha desas obras que nos reconcilian coa literatura de alta gama, coa literatura con maiúsculas.

                     Por favor, léano con calma, gocen de cada frase, de cada metáfora ou figura, de cada simbolismo, da agudeza argumental…non teñan présa en rematalo…porque quererán volver relelo.

ASDO.: Xosé M. Eyré.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content