A poesía anovadora de Baldo Ramos: a propósito de CARTAS DENDE O ESQUEZO

Porxmeyre

25/09/2020

Título: Cartas dende os esquezo

Autor: Baldo Ramos

Editorial: Galaxia

Dentro do propósito de recuperar literatura, recuperar títulos dos que, por unha ou outra razón, non dei escrito no seu momento, este de Baldo Ramos, do cal non escribín deica agora porque é un título que se debe ler nunha única sesión, ou como moito en dúas temporalmente moi próximas. (Lean e saberán a razón). Por circunstancias alleas a min, cando o collín nas mans como novidade editorial, non era capaz de facer a lectura nunha única sesión (condicóns que che impón a vida), recomeceino varias veces mais non o daba rematado, e estaba convencidísimo de que a lectura debía facelo nunha única sesión. Así foi quedando deica hoxe. Vai.

                     Ao logo dos artigos dominicais sobre poesía brasileira de muller que veño escribindo desde hai xa bastantes meses, fun atopando fórmulas de anovación poética que nos viría ben ter en conta. Por sinal, aí están os lambe-lambe, que prescinden do libro como soporte, pois o texto  poético escríbese en plataformas como cartóns de grandes dimensións, pizarras desas nas que se escribe con rotulador, calquera cousa en que se poida fixar o texto, despois eses textos e nesas plataformas colócanse en lugares estratéxicos dunha cidade (por sinal, pode ser calquera outro lugar) para que a xente os vexa e lea…non sen antes a autora ou autor fotografarse a carón do texto ( sen que isto sexa imprescindíbel) e despois subir a fotografía ás redes sociais (Instagram, case sempre). Isto é maís que unha mudanza de plataforma, afecta ao texto, que ten que ser máis conciso e moi clara amensaxe para que quen le repare e comprenda.

                     Tamén está aí a poesía de Francesca Cricelli: aceptando os límites para poder escribir sen límites, a anovación non ten porque producirse necesariamente desde as marxes, desde a periferia xenérica. Ou a máis recente de Juliana Krapp, que vén sendo unha moi elaborada representante da forma poética máis repetida (polo que eu levo observado) na poesía de muller brasileira, consistente en escribir poesía na que se (re)crean climas, atmosferas, sobre as cales se demanda a reflexión lectora. Son poemas longos, moitas veces botando man de descricións mais sen refugar calquera outro recurso poético que poida ser útil: desde encabalgamentos a paralelismos, xogos co espazo ou ruptura de versos…

                     Esas si son anovacións poéticas, porque se o vangardismo que podemos agardar se consome en destruír o concepto de verso e escribir prosas poéticas…pouco vangardismo e pouca anovación hai aí. Iso xa se facía no século pasado, e no XIX tamén.

                     E é neste contexto en que hai que ler e eu vou escribir sobre Cartas desde o esquezo de Baldo Ramos.

                     O poemario, xa na súa concepción como tal, é infrecuente, un reto poético pouquísimas veces visto con este convencemento: escribir desde o esquezo. Póñanlle nome ao esquezo, Alzheimer, se queren, tanto ten. O conto é que escribir desde o esquezo mesmo pode parecer contraditorio: como se vai escribir mentres se está esquecendo e nese esquecemento teñen rol preponderante as palabras? O reto é maiúsculo. E Baldo Ramos sae del demostrando unha extraordinaria pericia na arte poética, á vez que anova a propia arte poética desde os parámetros antes expostos da creación de clima poético, de atmosfera lectora (clima e atmosfera, non hai nin que dicilo, son características propias da narrativa).

                     O poemario está disposto da seguite forma: no texto poético (que ás veces é longo, mais non sempre, e outras veces concatena poemas distintos) reflexiona sobre o esquezo unha voz poética que se dirixe a un fillo (ao cal dá entrada desde as súas propias palabras) e, despois, utilizando a marxe inferior da folla e en carcteres máis cativos, sitúase a voz da filla, unha voz na que tamén hai moita poesía, moita, mais escrita en prosa, en prosas poéticas realmente belidas, fondas en canto á reflexión e preciosas no seu lirismo. Prosas poéticas que entran dentro do concepto de hiperbrevidades: son na súa maioría microrrelatos (textos líricos) e ás veces chegan a ser microcontos (desde eles pode quen lea adiviñar unha historia detrás). Este uso das marxes infeiores lémbrame que eu utilicei o mesmo esquema no Nin che conto, dito sexa anecdoticamente.

                     Con esta concepción do libro, que repousa na concepción de cada folla, de cada páxina en si, Baldo Ramos consegue achegarnos unha anovadora concepción poética, na cal o clima, a atmosfera, creados teñen unha trascendencia fundamental. De aí que deba ser lido sen interrupcións, para non rachar ese clima creado. Na creación do cal teñen unha importancia tremenda as prosas poéticas porque axudan a instalarnos na dicotomía esquezo(arriba)-non esquezo (abaixo, non esquezo…en principio) de xeito que quen le teña acceso privilexiado á dicotomía entre a que se debate o autor, autor que avisa ben do perigo da finitude do poema cando non se crea clima, atmosfera: O poema é este lume que arde á temperatura do esquecemento (71)

                     (Tamén hai que dicir que na creación de climas, de atmosferas, non é imprecindíbel o poema longo. Esa é unha posibilidade, porque pode facerse tamén desde poemas breves. De feito, nos dous últimos poemarios de que dei conta –Album da cuarta dimensión, Carlos Lema; nós-dentro, de Eduardo  Estévez- chégase a algo semellente; e en xeral case en todo poemario concebido como unha unidade textual fragmentaria na súa presentación…e non como un dispar conxunto de poemas -que, ollo, tamén poden dar un poemario ben fermoso…) (Non, non é impresindíbel o poema longo, esa é unha estratexia escritural. A novidade está na creación de clima, de atmosfera…)

                     Cómpre dicir tamén que Baldo Ramos, nesta escrita desde o esquezo, non se repite na(s) súa(s) mensaxe(s), pois podería agardarse en quen vai esquecendo palabras e con elas conceptos. E isto non é contraditorio. Pódese escribir sobre o esquezo como fai Baldo Ramos porque tod@s vivimos esquecendo.  É máis, esquecer permítenos seguir vivindo. Porén, tamén é necesario indicar que a voz poética ás veces dedóbrase, de xeito que poida escribir de si mesma en terceira persoa, estratexia de estrañamento, intelixente recurso que introduce variedade (máis) e permite, desde outra (ou a mesma, mais en distinto plano) óptica tomar distancia como estratexia discursiva, e tamén se elude en certa maneira o círculo fechado de esquemento-non esquecemento (memoria)

                     Tematicamente falando, o silencio, a morte, a soidade, o fracaso vital, a agonía, a sensación labiríntica (mesmo o precipicio do esquezo), o cansazo, o fastío, a memoria e a ausencia, a concepción da vida como navegación ou singradura (con lembranza implícita de Manuel Antonio, xa explícta no mesmo incio do poemario) e tamén como finitude desde o mesmo inicio (nacer foi só o desnlace (31)), o abandono, a lingua o mesmo a patria son algúns dos motivos temáticos presentes, ditos sexan por sinal, que hai máis.

                     Tampouco se pode esquecer que, igual que hai unha presentación poética que precede o poemario, tamén hai unha conclusión.

                     En conclusión: este, que foi un dos mellores poemarios de 2018 ( e cónstame que non só para min), é un título intemporal non só porque a poesía adoita ser intemporal, senón porque achega unha concepción poética anovadora (a creación de clima, de atmosfera lectora) revestida dunha estratexia poética tamén anovadora na que se dá entrada a tres voces poéticas (a do fillo desde as palabras da voz poética “principal”) ( ou catro, se se conta co desdobramento da voz poética “principal”) de xeito que esa estratexia poética utiliza recursos narrativos (ou de ficción, como nun pé de poema se recoñece e no mesmo título se suxire)  para rematar creando un efecto teatral lírico mediante o diálogo desas voces ( ao que hai que engadir o mesmo diálogo con quen le).

                     Un título imprescindíbel. Un traballo de anovación poética moi salientábel e oportuno.

ASDO.: Xosé M. Eyré.

………………………………………………………………………….

(Agora, coma sempre para IAP, vou reproducir dúas páxinas das que máis me impactaron do poemario, porque extractar poemas ou as prosas poéticas que van debaixo, por si só, sería dar unha imaxe incompleta)

converxen en paralelo

                                  os camiños que atravesan

a cegueira

Un corpo flota na superficie do poema

………………………………………………………………………………….

desvélome

na escuridade

                       durmo

                                na nudez

Achégome. Escoito. Agoniza. O tempo que che queda empeñareino na casa de poxas da ficción. Daranme por el moito menos do que perdiches, moito menos do que agora lembras. Esta indiferenza na que ti, a cambio de nada, confiaches.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content