subliñados de O EXÉRCITO DE FUME (Manuel Gago, Xerais)

Porxmeyre

23/08/2018

 

Londres cheiraba a entullo, a metralla, a cascote e a cemiterio. Londres cheiraba a frustración, a medo e a cloaca atascada (14).

………………………………………………

Inmediatamente os mariñeiros agarraron caixas e comezaron a pasalas ao submarino, formando unha cadea de homes que facían acrobacias no medio do Atlántico (45).

………………………………………………

Agora demandaba tres enxeñeiros máis para axudar a producir a nova máquina descifradora capaz de superar a mítica Enigma creada por Alan Turing (48).

………………………………………………

O peor, sen dúbida, é habitar cos remorsos, non ser quen de perdoarse a si mesmo, malia admitir que non se pode controlar todo como se tivésemos as mans dun deus. O peor é cando o remorso ten caras, nomes, apelidos e historias (88).

……………………………………………..

Monárquicos, militares e carlistas mantiñan posicións entre ambiguas e reacias a entrar na guerra, temerosos de que o efecto fose exactamente o contrario (109).

……………………………………………..

Un auténtico revolucionario é un estratego. Un soldado. Un executor (120).

…………………………………………………..

Os nenos recitaban a táboa de multiplicar. Parecía un rosario matemático, pensou Celia, quen paseaba co seu punteiro de mestra entre os pupitres dos alumnos (158).

…………………………………………………..

Pasou de esconderse nun tobo a ser un persoeiro mítico cuxas acción se contaban a carón do lume pola noite, temido, querido e odiado asemade (168)

………………………………………………….

-A Armada alemá -aclarou á fin Annabella sen quitar ollo da estrada-, os nazis, Celia, os esbirros de Hitler. Están aí. E a Garda Civil con eles, a plena luz do día, o cal me preocupa máis (188).

…………………………………………….

Wolf asentiu. Era moi probable que ese sobre supuxese a disgregación da súa compañía, coa que tantas vicisitudes pasara ao longo do Atlántico (222).

…………………………………………………

-Malpocados! -dixo Churchill-. Non lles abondaba a guerra civil que aínda lles caeu outra por riba (229).

…………………………………………………

Era como un poema romántico: definitivo, extremo e ao bordo do precipicio (239).

……………………………………………

En Galicia os heroes non teñen nome (251).

…………………………………………………

Os libros dirían despois que Galicia foi a primeira en caer, canda África, nas mans do fascismo. Os libros tardaron en dicir, ou nunca o dixeron de todo, que o mesmo día que Galicia caía, mil mechas se prenderon nos campos e nos montes; alí onde as mámoas dividen as parroquias, paraban as sombras dos guerrilleiros (259).

……………………………………………

Serrano Suñer tivera poder. Franco entregárallo nada máis acabar a guerra: a Falanxe funcionara como un caxato co que limpar de morralla o país e levantar de novo España (281).

……………………………………………

Ao final da praia había unhas figuras negras, cravadas no medio da area. Eran catro. Ás veces movíanse e paseaban. Había unha delas que, pola contra, figuraba inmóvil coma un faro (321).

………………………………………………..

-A melancolía é a única cor que nunca teño que ir buscar á tenda -comentou Lugrís (333).

……………………………………………

Celia saíu cos mastíns e comezou a subir o monte, alí onde a paisaxe se volvía un labirinto de penedos graníticos emerxemdo como castelos no medio da vexetación (367).

……………………………………………

As palabras eran perigosas. Tíñalles medo. Prefería os feitos (372).

…………………………………………….

Ramallo pensou en Regos, en Charo, en Pepiño. Con esa información escapou Máquina á Coruña. Como o obreiro metódico que era, aturou a traizón durante tantos días (410).

…………………………………………….

Cruzar eses dous datos era un xogo de nenos, mais as informacións chegaran demasiado tarde, resultado do paradoxo de dous gobernos que se dicían aliados e receaban un do outro (414).

…………………………………………….

As mentiras podían ser piadosas, mais as verdades cravaban coma gumes de navalla (424).

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content