libros para un desconfinamento ideolóxico

Porxmeyre

09/05/2020

Durante estes meses pasados, porque foron meses, e aínda non certos de cando recuperaremos un ritmo de vida parecido, polo menos, ao habitual de antes, houbo moito tempo para que nos afixeran á idea de que nada volverá ser igual. É decir, puxéronnos na frontera da distopía, abeirados a imaxinar unha sociedade alternativa á que coñecemos, non por iso mellor senón que precisamente non debemos baixar a garda para que non nos cousifiquen máis, para estarmos en condición de esixir un trato un trato máis humano e xusto. Por iso, os libros que lles vou propoñeer fannos pensar na compoñente humana, social e crítica (tamén política, claro) a fin de manter valores universais e humanos ou simplemente de reforzar a nosa rebeldía. Ás veces serán distopías, outras non, pero sempre lecturas que fan ferver a componente ideolóxica de quen le. Non sempre son de actualidade, propóñelles que se poñan en contacto cos/coas seus/súas libreir@s para elas e/ou eles lles localicen os que sexan da súa escolla e teñan listos para a súa compra. Quen sabe se agora será este o prodemento máis habitual!

MATAR O HEROE. De Adolfo Camaño. En Galaxia. A mellor novela de 2019, ás veces realista até o pormenor que poida parecer máis insignificante, outras veces beireando e esperpento e entre medias pon en solfa o cinismo da humanidade.

NATURA. De Iolanda Zúñiga. Distopía clásica, moi clásica. Advirte dos parámetros de demencia a que pode chegar a humanidade precisamente en nome desa mesma humanidade (Sóalles de algo isto?)

A CONXURA DOS NECIOS. Un clásico, esta novela de Jonh Kennedy Toole, traducida para Kalandraka por Eva Almazán. Premio Pulitzer do 1981. Édita 11 despois do suicidio do autor. Botarán unhas risas. Esperpento made in USA co egoísmo (motor do capitalismo) como albo  demasiado serio como para tomalo en broma.

GERÓNIMO. En Positivas. A vida dunha personaxe rebelde e valente. Valentía e rebeldía que nunca falten.

VILLARDEVÓS. De Silvio Santiago. Reeditado en Galaxia. Levaraos á vida, a como era a vida no rural de principios do século pasado. Para reflexionar se a vida natural, sen tanta tecnoloxía etc., non é máis lóxica e máis humana. Evidentemente hai logros técnicos aos que sería estúpido renunciar, mais aínda así…

A PESTE. Outro clásico. A novela de Albert Camus foi posta en galego por Xavier Senín e Isabel Soto para Huguin e Munin. Imprescindíbel

SINGAMIA 1.1. En realidade, non perdan a triloxía AKTUAL, de Ramón Caride. En Xerais. É LIX pero é/son lectura obrigada para os adultos. EXOGAMIA 0.3, ENDOGAMIA 0.2 e a proposta. Nestes tres títulos hai algúns dos mellores relatos da narrativa actual. Fainos ver a actualidade social con outros ollos.

SE ISTO É UN HOME. Tamén outro clásico do s. XX. Para advetencia de a onde poden chegar os reximes totalitarios, os nazismos. Traducida por Xoán Manuel Garrido para Xerais.

O MAR QUE NOS LEVA. De Moncha Fuentes. En Xerais. Dá un repaso por algunhas das loitas sociais máis importantes do s.XX, e ademais é unha boa novela. Para non perder o espírito combativo, e non  deixarmos perder o con tanto esforzo gañado.

OS CORPOS INVISIBLES. De Emma Pedreira. En Xerais. Tamén é LIX. Tamén é lectura obrigada para @s adult@s. Para introducirnos na temática da muller, esta novela transmite como poucas a necesidade que a muller ten de reinventar o seu propio corpo (imaxe tiranizada polo consumismo, o capitalismo e o machismo)

A MONSTRUOSIDADE MODERNA. De Carlos Lema. En Euseino? Imos con algo de ensaio, non só de ficción se vive na literatura. Aquí, para dicilo con poucas palabras, Carlos Lema achéganos a como a Modernidade devén nun auténtico mostro. Pensar. Pensar. Nunca deixar de pensar.

BREVEDUME. De Xurxo Borrazás. En Galaxia. Para @s amantes das pilulas breves de alta concentración significativa. Prohibido lelo con automatismos. Ler e cavilar. Ler e cavilar.

A PÓLA BRANCA. Seguimos coas brevidades. Neste caso haikus de Xavier Seoane, en Xerais. Prohibido ler con automatismo. Ler e cavilar. Ler e cavilar.

CÓDICE CALIXTINO. Non lles esqueza mercar un libro de Luz Pozo Garza. En Sotelo Blanco, este que, sen dúbida, é un dos poemarios máis importantes do s. XX

TRANSMATRIA. De Daniel Asorey. En Xerais. Del escribín: “é un exercicio de inconformismo, unha pulsión irrefreábel que obriga a repensarnos no presente e no futuro para sermos mellores ou para sermos mellor.”

CHEGAMOS DESPOIS A UNHA TERRA GRIS. De Raúl Dans. En Xerais. É teatro. Por favor, non esquezan o teatro nas súas compras/lecturas. Esta é unha peza imprescindíbel dun extraordinario dramaturgo, dos poucos que gañou o prestixioso Premi Born de teatro en dúas ocasións.

E, para rematarmos a COMEDIA BÍFIDA de Núñez Singala. Para non esquecermos o valor de posuírmos unha lingua de noso, e á vez botarmos unhas risas.

Leamos teatro xa que tanto custa levalo á escena. Podo garantirlles que ficarán moi satisfeitos da experiencia.

Xa sei que hai moitos máis títulos que ben poderían entrar aquí, mais non quixen facer un relatorio tan extenso que fora doado perderse nel.

Velaquí a miña proposta literaria para saírmos do confinamento (tamén mental)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content