Éncheselles a boca con iso de que prestan un servizo esencial á cultura galega, que nos tempos que corren precisa unha fonte de información como a Galipedia, porque hoxe todo está na rede. Con estas palabras ou semellantes, téñoo lido en máis dunha ocasión.
Ben, eu era perfectamente consciente de que a Galipedia non resulta precisamente unha fonte moi fiábel en moitas ocasións.
Pero imos á cuestión. A sabendas diso eu quixen colaborar desfacendo a información falsa que na páxina da revista Ólisbos atopei, que era moita e, non vou calar, mesmo me pareceu malintencionada. Como eu teño no meu poder os números 0, 1, 2, 3 e 4, e participei no nacemento da revista, quixen desfacer as mentiras que sobre a revista lía, e achegar información sobre os números que teño seguindo o esquema dos números que aparecen na Galipedia.
Comento isto antes de nada porque desde esa pretendida colaboración fun sabedor dalgunhas cousas que do contrario non sabería.
Xa é cuestinábel, por raro, que calquera poida subir información sobre calquera tema sen posuír información contrastada del. Ben, para iso están os administradores, que supervisan todo que se vai subindo, dirá alguén na súa defensa. Pero é que eses adminstradores tampouco teñen porque saber do tema que se trate máis que quen sobe a información. E teñen o poder de corrixir a quen sexa, aínda que quen suba información a teña de primeira man.
Foi parte do que me pasou. Parte. Con moito traballo fun subindo información sobre eses números, guiándome do que xa estaba escrito sobre os números 9, 10, 12 e 19; ademais de corrixr erros xerais sobre a revista, como o de que foi unha revista bilingüe. E nestas vai o adminstrador que me tocou a min, Xabier Cid, e cárgase a información polo miúdo que eu subira do número 0, reSumíndoo miserabelmente, cando aínda non era a versión definitiva (e o adminstrador sabíao, faltaban notas, enlaces, esas cousas). Evidentemente, o feito indignoume. Porque supón favoritismo respecto a quen subiu os números 9,10, 12 e 19. E iso é moi grave. MOI GRAVE.
Por outra banda, e sen deprezar o contido deses catro números, estou moi lonxe diso, considero que a información dos primeiros números é esencial porque permiten observar como nace e se vai consolidando unha revista, a que nace para ser revista da Facultade de Filoloxía da USC, como vai ampliando seccións e a motivación destas etc.
Despois Ólisbos remataría por ser unha revista cultural máis ( e non nos sobran precisamente), mais os inicios foron outra cousa: unha revista plura que atendera as necesidades expresivas do alumnado Facultade de Filoloxía, sen renunciar tampo a colaboracións noutras linguas alén das estudadas na facultade. E así foi, chegaron artigos en alemán, en inglés, en catalán…
Volvamos ao asunto. Todos sabemos que, no relativo á literatura galega, o tratamento que se lles dá aos autores e autoras é, como mínimo, cuestionábel. Non sabía a razón, hoxe seina.
Porque a Galipedia só en segundo lugar atende as necesidades da cultura galega. O seu cometido primordial é servir os intereses da Wikipedia castelá. Nin máis nin menos.
Como exemplo, abonde a actitude do adminstrador que a min me tocou. Quen estableza contacto con el lerá na súa ficha:
“As miñas teimas principais:
- Corrixir o nesgo nacionalista que calquera proxecto wikipedia ten, onde todo se organiza por nacións, incluso as cousas que non son nacionais.”
Dinse máis cousas, pero esta é moi significativa. “Corrixir o nesgo nacionalista” galego, por suposto. Porque a ver quen corrixe o nesgo nacionalista que a Wikipedia ten en castelán, que é innegábel. Xabier Cid, xa podías aplicarte un pouco niso, nonsi?
A cultura galega está claro que necesita un proxecto como a Galipedia. Pero un proxecto críbel, do que poder botar man sen temor á desinformación ou mesmo á información malintencionada. Como a min me pasou. Un proxecto que non estea nas mans de xente incompetente, que ten a última palabra por riba de quen posúe información de primeira man, e se entromete mesmo antes de publicar unha versión defintiva.
Mentres tanto, a Galipedia, como fonte de información fiábel seguirá sendo ESA GRAN MENTIRA.