crítica de ORACIÓNS PROFANAS, de Xurxo Alonso, en Espiral Maior.

Porxmeyre

31/01/2020

POEMARIO INTENSO, POESÍA DE ALTÍSIMA CALIDADE

Título: Oracións profanas

Autor: Xurxo Alonso

Editorial: Espiral Maior

Xa desde o mesmo título, este novo poemario de Xurxo Alonso (pintor cando non escrebe e poeta cando non pìnta) recende a poesía profunda, poesía dunha calidade inmensa porque desde ese título ou se chega á banalidade máis “discreta” (por usar un eufemismo) ou ben se acada un poemario realmente sobresaliente, ao alcance de non moit@s poetas senón só daqueles ou daquelas que esmerilan o texto até facer del a expresión verbal da beleza feita con palabras que acada o cualificativo de sublime. Porén, antes de falarmos do conxunto do poemario, sen saírmos do título, queremos deternos un chisco nel. Porque a palabra primeira é “oracións”, esa palabra significa que se eleva un rogo ou petición a intancias máis altas cás humanas; é dicir, desa palabra conclúese a pequeneza do ser humano neste mundo, tamén a súa soidade, e, desde logo a necesidade de que alguén cun  poder superior axude a humanidade. Mais son oracións “profanas”, non se dirixen a ningún deus ou deusa ou ser superior, son profanas, descridas, se se quer, o cal vén ratificar esa soidade da que falabamos antes.

                     E non continuaremos sen antes mencionar que foi merecente do III Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro. Non é que só nós nos decataramos da moi alta calidade deste poemario. E para ratificalo aínda máis poden vostedes corroboralo no agudo prólogo de Xosé María Álvarez Cáccamo, voz máis que autorizada que fala da “habilidade combinatoria do poeta, da súa destreza na selección do modificador sorpresivo ou no modelo de contraste entre significados abstractos e concretos” (16). Palabras que nós subscribimos plenamente porque dan unha imaxe cabal dunha poesía, a  deste poemario, que tamén é “unha fertil paisaxe sensorial e conceptual” (…) que se interna “no complexo territorio das cosmogonías en procura dunha interpretación poética da densidade do universo” (16). Nós non o diriamos mellor.

                     Para facernos unha idea desta densidade conceptual que o poemario ofrece, igual resulta útil un repaso a algunhas das palabras temáticas que nel se atopan. E aí temos o mundo do mar (cuxa aparición se fai de maneira sorprendente e imaxinativa), os nomes dos meses ( que establecen un nó de durabilidade e presenza poética extensa), a luz (e con ela o resplandor, e o lume), pero tamén a brétema (e a néboa), e o bosque (que ten un papel asimilábel ao mar, ese mar vexetal), e tamén a terra, a pel (moitas veces, que é un poemario de contactos), a ferida (loxicamente), o verdear, a auga, o vento, a cinza, os sentidos, o corpo, o día (e a noite, tamén), a arxila ( e o escultor, tamén)… Como se pode comprobar, un mundo de palabras temáticas que se dirixe fundamentalmente na dirección semántica da natureza, mais tamén do corpo, dos sentidos. Dese futuro que sorpende ainda nun presente que se cadra xa é pasado. E do amor, esa palabra eixo, ese concepto fundamental para o ser humano, pero tamén o desencontro e a perda. A substancia da verdade, sempre na súa procura, e co oficio do esquecemento ameazando. E a vida, e a morte (tamén).

                     A densidade conceptual pódese extrapolar a partir de aí. Porén, con ser moi significativa para establecer o contido semántico do poemario, aínda habería que engadir que a voz poética escrebe e indaga tamén sobre o propio acto poético, tamén hai metapoesía, tamén, non se esquenza. Mais, alén desa densidade agora máis completa, no que verdadeiramente sorprende o poemario é no aspecto formal. Poucas veces atopa un un poemario tan rico en imaxes (suxestivas, impactantes, que demandan segundas lecturas) que poboan uns versos que, dese xeito e complementados co resto de figuración verbal (metáforas, simboloxía, etc…) conforman uns versos de densidade semántica (contido) e figurativa (forma) realmente grandes, sorpesivos e extraordinariamente logrados. Tan logrados e sorpresivos que fan a lectura moi densa, moi rica. Versos e poemas que son propios dun autor que meditou moito no contido e tamén na forma expresiva, non son achados máis ou menos pertinentes e epatantes, todo o contrario.

                     Deste xeito preséntasenos a de Xurxo Alonso coma unha das voces poéticas máis interesantes, maduras e completas do panorama poético galego. Que non é dicir pouco, precisamente. A verdade é que se fai moi complexo escoller cales son os mellores poemas deste libro, porque a calidade é tan semellante en todos (e tan sorpresiva a forma) que se volve tarefa auténticamente imposíbel.

                     Velaí. Góceno. Explóreno. Méreceo, o poemario, o poeta. E meréceno vostedes, lectores e lectoras que non se conforman co evidente, coa tona máis ou menos aparente, e que gustan da profundidade temática apooiada nunha riquíma aparataxe figurativa.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido