crítica de CAMPUS MORTE (Lito Vila Baleato, Galaxia)

Porxmeyre

10/04/2019

PRESENTACIÓN DETECTIVESCA

Título: Campus morte

Autor: Lito Vila Baleato

Editorial: Galaxia

Lito Vila Baleato presentouse, que sempre é motivo de ledicia, o ano pasado (no eido da ficción) cunha novela desas que custa traballo deixar de ler, nominada para o Frei Martín Sarmiento e que hoxe traemos a estas páxinas da Ferradura. Xa dicimos que é unha novela que custa traballo deixar de ler, polo que aconsellamos facer a lectura en poucas sesións e non andar preocupado por ter que deixala en determinado momento. Non, esta é desas novelas que atrapan ao lector cunha trama estruturada de tal xeito que este sempre vai quedar con ganas de saber máis. A situación de saída preséntanos a un profesor compostelán en Alemaña ( tamén o propio autor viviu a experiencia diadáctica en Alemaña) que recibe unha estraña mensaxe dun amigo dos tempos de esmorga univeristaria a principios deste século. Esa estraña mensaxe lévao a indagar sobre a morte dunha alumna Erasmus acaecida quince anos atrás en Compostela. Porque esta é unha novela de Compostela. Quen coñeza Compostela non terá problema en seguir a trama polos diversos escenarios que se van sucedendo. Quen non coñeza a cidade tan ben ten á súa disposición en internet un roteiro fotográfico por algúns dos lugares onde se desenvolve a trama da novela, roteiro que resulta igualmente aconsellábel para calquera devido á calidade das fotografías.

                     A meirande virtude da novela é axilidade con que se conta a trama, en capítulos curtos e cunha información ben dosificada que sempre nos deixa con ganas de saber máis. Campus morte é, pois, unha novela amena e de áxil lectura. Tal como manifestou o autor na presentación en Compostela, este era o seu principal obxectivo: lograr un discurso que atrapara ao lector. E non hai dúbida de que o conseguiu. Porén, esta virtude da novela, esta virtude ao contar a novela, tiraniza o discurso de xeito que outros aspectos narrativos fican coxos ou pouco desenvolvidos. É mesmo o caso das personaxes, ás que se lles puido tirar máis partido na súa configuración, dotalas de personalidade máis desenvolta. Curiosamente, unha personaxe que moitas veces aparece ou en palabras do narrador ou das personaxes resulta a personaxe máis complexa e mellor tratada de todas. Trátase de David de la Riba. E ao par das personaxes, os diferentes ambientes en que se move a novela tamén podían estar máis logrados, mais a trama vai a tal velocidade (o principal sucede en poucos días) que estes fican simplemente pespuntados. E aquí perdeu unha boa oportunidade o autor de singularizar a novela, porque en galego non hai moitas novelas que centren a trama no botellón, mais ben o contrario, e esta si o fai.

                     O que si agradece moito a novela son os esforzos por contextualizar dentro do realismo a trama, porque dese xeito se sente máis próxima e é un feito que tamén se salienta na presentación editorial, ademais de que o propio autor na nota final corrrobora tal contextualización. A todo isto non é alleo o feito de que sexa unha novela de Compostela, cunha trama que transcorre por unha Compostela recoñecíbel e protagonista. O cal tamén afecta ás personaxes porque tamén o lector as sente máis próximas, ao tartarse dunha ficción, si, mais dunha ficción encadrada nuns parámetros xeográficos ben coñecidos e transitados a pouco que o lector paseara as rúas de Compostela.

                    Non son poucos os autores que se dan por satisfeitos se logran unha trama trepidante que atrape ao lector, como neste caso. E os lectores adoitan agradecelo. Mais é obriga do crítico lembrar que a literatura, que a novela, é máis ca iso.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content