ERA ROSALÍA DE CASTRO UNHA MULLER FEA?
Sempre me incomodou moito que se xulgara a imaxe física de escritoras e escritores. Xa me pasou con Clarice Lispector e xa escribín ao respecto. E agora vólveme pasar con Rosalía de Castro. Non o mesmo. Máis grave.
Realmente estou afeito a ler as cousas máis disparatadas sobre Rosalía. Por exemplo cando Alonso Montero escribiu en LVG que Rosalía fora unha grande poetisa (así se dicía daquela) porque, de nena, cando ía co gando…tocaba a frauta! Foi nos 90. Respondinlle sen vacilacións desde as páxinas de ANT.
E agora volvo atopar outro disparate aínda máis grande. Verán, estou lendo o libro de conversas de María Reimóndez a Ana Pontón (A semente, a árbore, a froita, en Xerais, absolutamente recomendábel, non o esquezan). E é a mesma Ana Pontón quen denuncia (páxinas 44-45): “Resulta lamentábel que, malia todo ese traballo colectivo, aínda hoxe teñamos que escoitar que un dos problemas de (Rosalía) de Castro e que explica a súa escrita é que era fea! Isto escoiteillo hai pouco a un señor que se di experto na súa obra e militante na esquerda española”.
Tiña pensado hoxe escribir sobre outra cousa, e matinei bastante sobre se escribir isto ou non. E, finalmente, decidín que non podía deixalo pasar. A min non me importa absolutamente nada se era fea ou belida. O que me importa é a súa obra, o que escribiu. Que fora unha muller en tantas cousas adiantada ao seu tempo, tematicamente. Pero tamén que formalmente sexa unha poeta moi competente, insisto: moi competente. Despois, o seu aspecto físico, tanto me ten. Todos “apandamos” coa imaxe física que nos tocou en sorte, ninguén é responsábel de nacer guap@ ou non. E os criterios desde os que se establece a beleza ou non son mutábeis ao longo do tempo. E hai que ter en conta que os criterios do XIX non son os de finais do XX e principios do XXI. Porén, se a min me preguntan, direi sempre que para o meu gusto era unha muller ben feita, o cal non inflúe para nada nin no que escribiu nin en como o escribiu.
Lembro cando dicían que Manuel Rivas vendía moito porque era moi guapo, tamén foi polos 90.
O conto é ocultar a xenialidade dunha escitora ou escritor detrás da súa imaxe física. Lamentábel, non, imperdoábel!
Tamén lembro cando Francisco Rico dixera que os soldados do Cerco de Lisboa era incomprensíbel que cantaran cantigas de amigo, porque eles eran homes e nas cantigas de amigo falaban mulleres. Foi nos 80, no I Congreso de Literatura Medieval celebrado no Paraninfo da Facultade de Historia.
Pero volvamos a Rosalía. Ana Pontón di que o dixo “un señor que se di experto na súa obra e militante da esquerda española”. Sei que Unamuno dicía dela que era fermosa e fea á vez, e que seica non ía a súa figura cos criterios estéticos do XIX. Tentei localizar “ese señor” facendo unha procura na rede. E pasmen vostedes! Quen apareceu foi Marina Mayoral, que literalmente di “ Es verdad que Murguía era muy bajito, siempre dicen «era casi un enano»
, pero Rosalía era fea, claramente fea”.
Intelectualmente comparto moi poucas cousas con Marina Mayoral. Nin na súa obra observei nada esteticamente salientábel. E sobre a figura de Rosalía de Castro diferimos moitísimo, moitísimo. Mais, se me mandan escoller quen das dúas, Marina Mayoral ou Rosalía de Castro, é máis fermosa, a pobre Marinita non ten nadiña que facer, nadiña…
Así que, nestas, eu sigo sen saber que é ese “señor da esquerda española” que pretendeu agachar a xenialidade de Rosalía detrás da súa imaxe física. Porque sempre se trata diso. De agachar a xenialidade ao prezo que sexa.
Apañados estabamos se para localizar os méritos dunha escrita o fixeramos estritamente desde a foto da lapela…
Que lle parece este texto da época, amigo Eyré?
IMPROVISACIÓN
A la poetisa D. R. C.
La mujer en el mundo no es dichosa
por más que, con falaz hipocresía,
adulando su joven fantasía
la mire el mundo y la proclame hermosa.
Lo será si modesta y virtuosa
al templo del saber sus pasos guía
y ceñida la sien ostenta un día
con la diadema del laurel honrosa.
La hermosura no es más que una quimera.
¡Página en blanco de la humana historia!
Sigue con fe del arte la carrera,
que es muy grato dejar una memoria
que acredite a la gente venidera,
intachable virtud, mérito y gloria.
Aurelio Aguirre, “Poesías selectas”
Coma sempre, Helena, oportunísima e preciosa esta bonitura. Beizón polo comentario