crítica de AS MALAS MULLERES, de Marilar Aleixandre, en Galaxia.

Porxmeyre

25/03/2021

CONDICIÓN DE MULLER NO SÉCULO XIX

Título: As malas mulleres

Autora: Marilar Aleixandre

Editorial: Galaxia

Termos unha nova novela para adult@s de Marilar Aleixandre, narradora de prestixio, equivale a dispoñer dunha festa da palabra escrita, unha expectativa de horizontes lectores fértiles e moi difíciles de non atender, por canto é autora cuxa obra sempre remove por dentro en asuntos de pura actualidade, e que, neste caso concreto d´As malas mulleres vén referendado polo Premio Blanco Amor na súa XXXIX edición.

                     A novela que nos ocupa insírese nun contexto social no que, por unhas ou outras razóns políticas e sociais, o feminismo e os dereitos sociais enfrontan días difíciles. Sempre son difíciles os tempos para a reivindicación feminista ( xa o teño dito, con antecedentes anteriores mais a herdanza máis plausíbel, máis importante do século pasado), porén achámonos nunha perigosa vaga de reducionismo en dereitos sociais que a mudanza dun governo hiperconservador a outro (en teroría) progresista non coutou aínda. Sempre é necesario reivindicar, facer consciente á sociedade do que ten e do que aínda necesita chegar a ter para ser igualitaria e xusta. Neste caso, o valor das mulleres, historicamente sometidas, cousificadas, anuladas, despersonificadas. E, na novela que nos ocupa, temos diante un retrato social da muller na segunda metade do  século XIX, na cidade da Coruña (principalmente, outros escenarios son secundarios…e poucos), e, sobre todo, centrado nas clases sociais máis defavorecidas. Mesmo se pode dicir que o discurso se move desde o eixo que proporciona a personaxe de Isca. Moza de familia moi humilde e necesitada que é ingresada n´A Galera, “institución” á que van parar as mulleres de mala vida ou delincuentes, un cácere para mulleres. Mesmo se pode dicir, coas reservas lóxicas, que en realidade é un panóptico da realidade da muller naquela época. E nesa realidade teñen cabida tamén personaxes femininas de clase social alta (como a Visitadora, Concepción Arenal, ou a mesma Juana de Vega) e tamén outras intermedias como Paquita (servente, mais de condición desafogada). Sendo tamén certo que a Visitadora, Concepción Arenal, ocupa un lugar privilexiado no discurso. Absolutamente privilexiado, sendo a súa figura (clave no nacemento do feminismo en España), outro punto do panóptico desde o cal de describe/narra a vida das mulleres na segunda metade do século XIX. Deste xeito, temos un punto que nos sitúa nas clases sociais humildes, pobres, e outro que nos leva ás clases altas ( e comprometidas socialmente). Un duplo panóptico ( e o panóptico lembra o pai o utilitarismo, Jeremy Bentham) para que a visión sexa o máis completa posíbel, dentro das estreiteces a que obriga un discurso novelesco espacialmente limitado.

                     E, se é unha novela moi atenta aos pormenores vivenciais das mulleres de clase cocial menos favorecida, máis pobre ( mulleres para servir, mulleres para lavar as ricas roupaxes de casa ricas, mulleres para parir, tamén, tantas veces, mulleres nas cales bater sen consideración ningunha…). E se é unha novela tamén ben atenta á divulgación da importancia da figura de Concepción Arenal, a importancia dunha muller que hoxe dicimos de ideais feministas e que na novela eses ideais feministas teñen tanto de humanitarios como de utilitaristas (ese “uso” das mulleres non era precisamente o máis rendíbel, desde postulados puramente economicistas), entendemos…tamén é unha novela chea de poesía, xa non só pola reivindicación de Rosalía de Castro ( desde a súa propia obra) tan presente e importante na  novela ( e que, na realidade non foi obxecto de estima por parte de Arenal…mais iso é outro cantar) , a tal persenza poética non se limita a iso, habendo sempre un capítulo (nas tres partes de que consta a novela) titulado “O  mudo coro das malas mulleres” onde a poesía está presente e onde hai que valorizar o  labor de creación e aggiornamento ( ao tipo de escrita no XIX) de que Marilar fai gala -certamente, pártese desde fontes populares, mais non todas as autorías estarían en disposición de afrontar tal tarefa, moi salientábel, neste caso. Unha novela chea dun lirismo en si denunciador, que rexeita e combate a figura da muller sometida, que reivindica (outra vez, e non serán nunca poucas) a muller que se ergue toma “ a xustiza pola man”. Isto é moi  importante e contraponse á posíbel visión dickensiana das clases sociais altas que “favorecen e salvan” as menos afortunadas. Habendo, para máis, unha outra personaxe, non se sabe se mítca ou real, como Pepa a Loba, cuxa personalidade só agora comeza  ser vista con ollos de “activismo e pesamento” feministas, que tamén ten presenza importante na novela.

                     Eis, pois, unha novela escrita en clave realista, moi documentada, que reivindica (outra máis, xa lles dixen) o labor femisita e pioneiro de Arenal, reconstruída como personaxe novelesca desde unha visión galega. Porén, non queremos que isto, o máis “espectacular” da novela, o foco de atención primordial, deixe na sombra a construción, a configuración humana e social das personaxes humildes, traballadoras e pobres, tan lograda.

                     (As malas mulleres, as que son pobres e visten farrapos e gañan a vida levando as prendas de casa ricas, as malas mulleres, as pobre que ficando  grávidas se ven na necesidade de abortar en pesímas condicións de salubridade, as malas mulleres, as fillas que axudan as súas nais a “mal morrer” e as ateden nas súas últimas horas, as malas mulleres, todas aquelas que a ditadura patriarcal social non considera “virtuosas”, as malas mulleres, todas aquelas que se rebelan e ereguen enerxicamente vendo/vivindo situacións inxustas, as malas mulleres, esas mulleres imprescindíbeis para que a humanidade progrese en igualdade de condicións sen distinguir intereseiramente entre sexos…)

                     Velaquí unha novela na que disfrutar a cualidade da escrita de Marilar (en prosa, en verso e en prosa poética), que nos lembra a importancia daquel primeiro activismo feminista (movemento que tampouco se pode entender sen a obra de Rosalía de Castro, e por iso ten tanta presenza na novela)…e, sobre todo, que nos lembra que nunca, absolutamente nunca debemos deixar de loitar.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content