crítica de SOÑOS.ARQUIVOS.CARTAS (María do Cebreiro, Xerais)

Porxmeyre

30/05/2018

IMPULSOS DE TRANSGRESIÓN

Título: Soños. Arquivos. Cartas

Autora: María do Cebreiro

Editorial: Xerais

Soños, facultade do desexo privado…e que bonito cando son compartidos! Soños, elucubracións refuxio tantas veces da tenrura, mais tamén os pesadelos son soños pero aquí non se refire a eles ou chamaríaos polo seu nome. Soños, esa materia de que está feito o progreso. Soños, revelacións do íntimo, ansias, ilusións…Arquivos, linguaxe administrativa, lugar onde se garda e clasifica calquera tipo de documento, conxunto de cousas que teñen algo en común. Cartas, escritos que se envían a alguén. Desde o mesmo título, Soños. Arquivos. Cartas, o último libro de María do Cebreiro, fala de transgresión poñendo en contacto tres substantivos de orixe tan diversa.

E así é, o libro é pura transgresión de fronteiras literarias. Pero antes digamos que é un libro fragmentario. Salvo raras excepcións, o texto fragméntase en varios, como se fose un texto seriado, ás veces con marcas de capítulos ou partes, existindo unha conexión poética entre as partes, a partir de aí pódese procurar a lóxica ou a consecuencia, a sabendas de que non é aspecto que preocupe especialmente á autora duns textos que teñen título, mais é un título enigmático formado exclusivamente por letras ou combinacións de letras e números. Si, o título serve para identificalos mais só para iso, posibelmente para autora teñan algún sentido, porén non é así para quen le. En primeiro lugar os textos teñen moito parecido cos propios dun diario poético ou caderno de campo en que se van anotando os feitos poéticos segundo orde de aparición na men e e no sentir da poeta. En diálogo co xénero epistolar, pois tamén este é empregado claramente aínda que non profusamente. E non esquezamos aqueles que poden ser arquivos ou proceder de arquivos da autora.

Moi difícil de encadrar tematicamente, pois o mesmo texto pode conter varios temas, o libro constitúe unha forma privilexiada de apertura aos demais. Unha apertura na que pode haber personaxes mais só unha vez contan unha historia. Soños. Arquivos. Cartas tamén é un libro fronteirizo formalmente, porque, alén do  dito, os textos non conteñen versos, vense superados con facilidade e non rematan ata o final da liña. Quizá o que mellor o define é a prosa poética, moi preto da literatura mínima, do microrrelato, de feito os textos están cerca dunha sucesión de microrrelatos en comunicación uns con outros. Está moi cerca mais tampouco son microrrelatos ao uso, aínda que xa sabemos o cerca que están microrrelatos e poesía. Os textos, máis ca nada, son a casa da poesía, están preñados de poesía, cada parte de que se compón o texto é unha idea poética e así se van sucedendo unha tras outra, coma se foran superpoñéndose.

Ás veces o texto é unha realidade única, coma no caso de “G.(6)”, “I.(3)” ou os moi breves como “G.(9)”. Aínda así, os dous derradeiros exemplos non son fragmentarios, mais o primeiro si, está construído en base a interferencias, coma tatexos, o texto vaise configurando interferido por múltiples silencios. Unha variante máis dos textos seriados que é o normal no libro. Ao pouco de comezar o libro, a voz poética explica a forma dos textos recorrendo ao impulso. É o mesmo impulso o que rompe a escrita aínda que fracasemos, como ante as cousas que son realmente grandes debemos aprender a fracasar (10). De feito que podemos identificar cada parte do texto cun impulso, un impulso poético, e o texto sería unha sucesión de impulsos, impulsos sobre a vida, sobre aquilo que fai que o que vivimos día a día mereza a pena ser vivido. Impulsos transxenéricos preñados de poesía, como preñada de poesía vén a vida. A misión da poeta é descubrírnola, importando moi pouco as convencións literarias herdadas da tradición, de feito enfróntase a elas directamente, escribindo un libro difícil de catalogar xenricamente pois aínda que formalmente se presenta como prosa…esta vén cargada de poesía.

ASDO.: Xosé M. Eyré

 

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content