crítica de SHANGHAI A BARCELONA

Porxmeyre

06/11/2019

O POKER DA MORTE

Título: Shangai a Barcelona

Autor: Amador Castro Moure

Editorial: Xerais

Son plenamente consciente de que o título destas liñas coincide co dun filme de Henry Hatahaway, de 1968, pois así foi traducido ao castelán orixinal Five Card Stud, protagonizada por Dean Martin, Robert Mitchum, Inger Stevens e Roddy McDowall entre outros. Mais é que non resulta doado asignar un tema a esta novela de Amador Castro que gañou o Xerais de Novela 2019. Nun principio, o título parecía indicar cara a unha novela da emigración. Non hai moitas e a oportunidade do tema viña moito a conto. Mais non é unha novela da emigración. Non é o que se agarda dunha novela da emigración. Pois dunha novela da emigración agradas traballo, moito padecemento para poder aforrar uns cartiños, e moito traballo para iso, e tamén algo de morriña ou saudade. Algo así. Mais non é o que pasa aquí. Malia levar o nome do mítico tren que unía Galiza e Barcelona, malia a novela contar con dous núcleos xeográficos moi claros (Trasmundi, Chantada, Galiza, e Barcelona) e a itinerancia entre eles ser clara, o tema da emigración só aparece mentado cando o narrador enumera os principais oficios en que se empregaba a xente de Chantada emigrada a Barcelona. Fóra diso, o que se di emigración, dela pouco ou nada se fala, por iso na presentación editorial non se pasa de falar dun “esbozo”.

                     Mais se escollín o título que scollín para esta crónica libresca , é porque parece central o feito de que unha panda de amig@s, un día calquera deciden xogar ao poker, e para apostar apostan a vida. E tendo en conta que Orlando, a personaxe central deste exercicio de estilo, acaba como acaba, de xeito acorde ao que naquela partida se apostou, pois pareceume o máis indicado. Tamén podería ser que “ a filosofía do inconcluso define as persoas destes tempos” (155). Aí poderiamos concordar ou non, porén o certo é que a novela si ten conclusión, e Orlando, esa persoanxe hedonista e despreocupada, que fuma todo o fumábel, que se mete todo o que lle caia nas mans e que bebe todo o que o corpo lle ature, esa personaxe tamén ten conclusión. E, se cadra, falar dunha mocidade, dunha xeración perdida a causa das drogas, quizá tamén fora un tanto excesivo.

                     Neste exercicio de estilo, como dixemos, hai acertos e outros aspectos non tan positivos. Entre os acertos están os diálogos que Orlando mantén coa súa Sombra, mesmo esta chega a dirixirse directamente a el, ou a Voz. Non coñecemos na narrativa galega nada que se lle asemelle. Claro que co “posto” que vai Orlando podería falar até con Deus e este responderlle. Tamén me gustou a denuncia que se fai na novela de como os gandeiros se ven obrigados a endebedarse cada vez máis se queren manter as explotacións. Nisto, mesmo hai un gandeiro que deixa as vacas morrer de fame, feito que, infortunadamente chegou a suceder. Ou como se denuncia tamén a desaparición da fauna autóctona máis en contacto co ser humano, paxaros e outros animais. Porque é así e somos poucos os que nos fixamos en tal cousa, agora que o cemento arrasa con todo o que antes era hábitat natural. Menos orixinais son as eternas loitas entre veciños, por mover marcos ou polo que sexa, mais esas xenreiras atávicas están presentes na novela, unha novela que tamén denuncia a educación que no franquismo recibían @s cativ@s. Tamén ten a novela algo de poesía e doses de humor (malia que, aquí, apareza contado un conto popular -o can que morre de fame- sen que se faga referencia a tal cousa).

                     Cómpre dicir que, se ben a parte que transcorre en Barcelona semella, polo que eu coñezo, máis realista e tratada con coñecemento do asunto, a parte que corresponde a Galiza aparece máis idealizada, máis ficcionalizada. Á aldea de Tarasmundi pódeselle atopar algún referente real, se se quixer, mais non deixa de ser ficción. Unha aldea de Tarasmundi á que se lle procura orixe etimolóxica porque sempre hai que procurar as orixes. Do mesmo xeito, un símbolo recorrente na novela, xa avanzada a lectura, é William Wallace. Non necesito explicar a trascendencia desta icona da independencia escocesa, e a súa repercusión na sociedade galega. E, tal e como o autor parece atento ao acontecer da literatura galega cando lembra a tradución ao galego de A pista de area do hai pouco finado Andrea Camilleri, tamén estaría ben que, as veces que aparece na novela o mito de Cthulhu (Lovecraft, pode sorprender pero é así, é o autor máis referenciado) tamén estaría ben lembrar as traducións que Urco Editora verqueu ao galego. Mais, en fin, todo non pode ser e o autor, sendo galego de nación leva afincado en Catalunya moito tempo, desde cativo, así se explica que nin coñecera ao propio Fran Alonso, como o mesmo autor confesa na súa web. Aínda os que vivimos na Galiza temos que esforzarnos, porque non é sinxelo vivir en galego e seguir a nosa propia literatura, pois moito máis complexo ten que ser facelo desde Catalunya.

                     Non pode esquecer mentar que cada capítulo remata cun haiku, todos menos un da autoría de Orlando, que lle achegan un pouso reflexivo ao discurso que lle acae ben. Haikus que proveñen dunha terapia a que se somete Orlando, quen, por outra parte, tamén sufriu outras terapias moito máis agresivas.

                     E xa que estamos rematando esta crónica libresca, dun exercicio de estilo que logra integrar ben as voces narrativas, que son o máis salientábel da novela, unha novela que mentres un a le non lle adiviña doadamente o propósito novelesco senón que máis ben parece unha sucesión de episodios que ás veces teñen protagonista(s) común(s) (ou ben que lles saen á lembranza), algúns mellor tartados ca outros ( aquí salienta o episodio de Xenia, o mozo e a irmá), finalmente si ten remate novelesco do que ben se podería definir ( así o fai o propio autor) como “estética da morte lúdica”.

En canto á extensión, non é este o proxecto narrativo máis ambicioso do autor, tanto Memorias de antes do encoro como Pillabán, pillabán parecen superar esta Shanghai a Barcelona, mais si parece o suficientemente serio como para agardar con interese novos títulos seus.

                     ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content