crítica de REPÚBLICA SIDERAL, de Esther F. Carrodeguas

Porxmeyre

07/09/2021

ENTRE A IRONÍA E A SÁTIRA

Título: República Sideral

Autora: Esther F. Carrodeguas

Editrial: Baía Edicións

O teatro é sempre proclive a deixarnos sorpresas. Como esta. O XIV Premio Barriga Verde, correspondente ao ano pasado. Un texto moi peculiar, por varias razóns e todas coadxuvantes para un texto pouco frecuente, orixinal.. Para comezar, non é obra destinada especialmente a un público de rapazada, mais non por iso deixa de ser axeitado para elas e eles; ten unha lectura adulta moi clara, mais non deixa de ser unha obra que representan monicreques, unha monicrequeda. Aí, no medio, se existe ese medio, sitúase Repíblica Sideral. Mais é posíbel que non exista esa centralidade e simplente sexan dúas lecturas paralelas, onde a adulta é ben que aconselle ou guíe a da rapazada. E seguindo porque o deseño editorial é especialmente salientábel, moi coidado, ben pensado, atraente, dinámico…onde cada páxina está pensada como tal indivdualidade que contribúe na súa medida ao total.

                     O que é en si o enredo lévanos desde tempos da República, o Golpe de Estado franquista e a Guerra Civil, situándonos nunha illa, Darousa; e cunhas personaxes curiosas, todas masculinas, agás as monicrequeiras. Darousa é un correlato tanto de Galiza como de España. Un correlato que obriga a falar de comedia de ironía e de sátira. Nisto, as personaxes, os nomes das personaxes están moi ben escollidos, desde Franco (Pío-Pío no enredo) a o que Máis Mola (Xeneral Mola), e todos por un estilo, de xeito que o xogo de palabras eríxese como instrumento fundamental desde o cal se artella a obra. Por iso é necesario que a lectura adulta informe a da rapazada, para que da comedia que primeiro se percibe sean quen de chegar até a sátira que finalmente é esta República Sideral. Á rapazada hai que explicarlles que a escolla deses nomes se produce con finalidade satírica, que vai alén da comedia. Dá para rir, é certo, mais ese riso é crítico, non simple comedia ou antroidada monicrequequeira que non pretende outra cousa que a comicidade. Non, esta é unha obra socialmente comprometida que atopa no desenfado unha canle para a crítica.

                     Precisamente esta ubciación entre a comedia e a sátira, antóllasenos un lugar moi interesante para explicar á rapazada a función da ironía, que por unha banda permite distanciarnos do enredo para así poder asistir a el con máis fondura e largueza de miras. Igual pode parecer unha finalidade prescindíbel, porén é xustamente o contrario xa que as novas xeracións van perdendo as nocións de ironía, de retranca, de antroidada…moito máis se é rapazada urbana, onde a perda da lingua conleva tamén a perda destas nocións. Alén diso, aínda queda outra que non podemos esquecer, o esperpento, que dalgunha maneira sempre o temos aí, como referente.

                     Como diciamos, esta concepción do enredo tan particular indivdualiza de maneira moi significativa a peza de Esther F. Carrodeguas. E dá lugar a un tipo de lecturas, que tanto ten a adulta comoa da rapazada, pintan un sorriso na cara de quen le. De quen le, especialmente. Porque aínda que toda obra teatral debe ir focalizada á  representación, neste caso a lectura permite un meirande tempo de reflexión, o cal resulta de extrema importancia, como ben se pode colixir despois do exposto anteriormente.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content