crítica de PALABRAS DE OPOTON O VELLO, de Ave-lí Artís-Gener, traducida por Eduard Velasco, en Xerais.

Porxmeyre

26/02/2020

UNHA NOVELA IMPRESCINDÍBEL

Título: Palabras de Opoton o Vello

Autor: Avel-lí Artís-Gener

Traduce: Eduard Velasco

Editorial: Xerais

Traducións como esta son as que de verdade prestan, as que prestan moito máis que outros títulos que por moi best-seller que sexan pouco ou nada engaden á república das letras. Porén, traducións coma esta de catalán ao galego, e que ademais nos presenta unha moi singular novela, si fan polas relacións interculturais entre Catalunya e Galiza, ademais de darnos a coñecer unha desas novelas que resultan inesquecíbeis. No só é unha novela cimeira na literatura catalá; é que, ademais, resulta unha lectura inesquecíbel, non nos cansaremos de repetilo.

                     Porque aqueles textos que nacen dunha idea xenial adoitan deixar lecturas sorpresivas e inesquecíbeis (outra vez).

                     Coma esta de Avel-lí Artís-Gener (alias Tísner; Bracelona, 1912-2000) que ( e seguimos a informada e necesaria introdución do tradutor Eduard Velasco) se lle ocorreu mentres preparaba un filme publicitario (en 1949) xunto ao poeta e cineasta Fernando Espejo: e, se en realidade foran os amerindios (aztecas) os que nos descubriran a nós, e se eles foron os primeiros en contactar co  outro continente en lugar dos europeos? Velaí a xenialidade da idea, a concepción da novela, que segundo comenta Eduard Velasco, foi desenvolvendo a petición de Espejo, que quedara prendado da idea e día a día lle pedía que lle contase como continuaba a aventura. É importante reparar nisto, malia que despois escribiu dous textos que desbotou até concluír o defintivo en 1961, porque dá unha idea da importancia que a oralidade ten na novela. Unha novela que bota man do vello recurso do manuscrito atopado, que desta vez son esas Palabras de Opoton o Vello, o que en si vén sendo a novela ( ademais do necesario comentario autorial de como se atopou ese manuscrito). Polo tanto, unhas Palabras de Opoton o Vello relatando a viaxe cara ao Oriente, e a súa estadía e contactos na Galiza, sobre todo, despois irán máis alá, cara a Oiartzun, mais iso é cara ao final.

                     No discurso de Opoton, nas súas palabras, é moi importante a oralidade, pois é a primeira vez que Opoton escribe e quere reflectir ben a oralidade para que os seus compatriotas non se estrañen. Loxicamente o seu discurso ás veces é inconexo, con carencias típicas do que se pon a escribir por primeira vez…pero tamén coa frescura, a proximidade, que iso representa para o lector. E o tradutor (Artís-Gener) vese na obriga de salferir con notas o texto, a fin de proporcionar unha lectura máis áxil e clara -despois o mesmo Eduard Velasco introduce outras necesarias notas, sitas no remate do libro.

                     E non só isto, senón que os aztecas, na súa descuberta do Vello Aztlan (Galiza e demais terras) van identificando as diferentes tribos (pobos, nacións) segundo a fala que teñan: fala galega, fala bable, fala castelá…

                     Antes de continuar, esta novela e este autor, e seguimos outra volta a Eduard Velasco na súa introdución, tamén deixan testemuño da realación que se establece entre o exilio galego e catalán, pois non cabe dúbida de que o autor debeu precisar a axuda de galegos aínda que sexa para os diálogos que no orixinal catalán aparecen en galego.

                     Evidentemente, ou loxicamente, ou como era de agardar, o discurso de Opoton, as súas palabras, constitúen un exercicio de escrita de tal xeito que mentres lemos temos a impresión de estarmos lendo unha novela histórica. Unha novela histórica que reivindica o entendemento entre culturas en lugar da conquista, a subordinación e aniquilamento dos vencidos. Pois os aztecas non veñen con afán de conquistar outras xentes, senón de atopar ao seu deus, que é o Sol e por iso se botan ao mar cara ao Oriente e veñen dar á Galiza. E aínda que hai episodios bélicos, estes débense a malentendidos ou á ignorancia do galegos respecto das intencións dos aztecas. Polo menos mentres están na Galiza, onde conviven cos galegos e os galegos con eles, aprenden algunhas cousas (non imos dicir cales) de proveito e tamén deixan algunha ensinaza pois eran un pobo culto. Esta convivencia é así mentres están an Galiza. A medida que se internan cara a Oiartzun (Euskadi) e se topan cos casteláns… esta convivencia xa non é posíbel pois os casteláns son xente que non están polo labor de entenderse cos recén chegados e todo se volve facerlles a guerra, aniquilalos no posíbel. Cousa que aos censores do momento lles pasou desapercibida, este canto ao entendemento entre os pobos e tamén a sutil e contundente condena da actitude bélica e soberbia dos casteláns.

                     E non diremos máis nada da trama desta novela imprescindíbel. Só engadir que tamén é unha novela escrita con moito humor, non son poucas as veces que o lector pintará un sorriso na súa cara desde o mesmo momento en que os aztecas desembarquen na Galiza (tampouco diremos onde). Si, o humor está aí, e é ben recibido polo lector nun discurso dunha elevada esixencia estética que o autor (Avel-lí Artís-Gener) enfronta con moito éxito. E que o tradutor, Eduard Velasco, nos pon en galego nunha tradución realmente salientábel desta que é unha das obras máis importantes da narrativa catalá do século XX.

                     E, por descontado, unha novela absolutamente imprescindíbel en calquera bilioteca que se prece.

Unha desas novelas que un nunca esquecerá.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content