crítica de OS SERES QUERIDOS, de Berta Dávila, en Xerais

Porxmeyre

17/05/2022

SOBRE ISO QUE SOMOS E O QUE QUEREMOS SER

Título: Os seres queridos

Autora: Berta Dávila

Editorial: Xerais

Andará moit@ teóric@ da literatura, afeccionad@, preguntándose como cun enredo tan simple como é a maternidade e as relacións de afecto máis próximas, se pode escribir unha novela, unha boa novela, unha novela desas que se len con paixón porque entran dentro de quen le. Refírome a todas esas autorías que á hora de escribir procuran un enredo epatante, tanto polo seu contido como pola disposición en que é exposto. Pois ben, que lean a novela de Berta Dávila e quizá, quizá, conclúan que tanto o tipo de enredo, como a estrutura só son auxiliares á hora de escribir. E que o que máis importa, cando se escribe, é transmitir unha sentimentalidade que pode ser máis ou menos compartida, mais que sempre chega e inunda a mente de quen le. Desde que iso é conseguido, está de mais calquera outro enfeite narrativo, pois non deixa de ser supérfluo. Digo isto porque sei positivamente que hai autorías que así pensarán.

Para máis, cómpre engadir que a de Berta Dávila é o que se vén denominado unha novela valente. Primeiro por achegar un tema pouco frecuente, como é a meternidade, na lembranza aínda temos títulos de Inma López Silva (O libro da filla) ou de Henrique Alvarellos (Diario dun pai acabado de nacer) que nos lembran que tanto a maternidade como a paternidade non están ausentes do noso ideario literario. Digo estes dous por sinal, que, haber, hai máis. Porén, a maternidade, como ben se ve na novela de Berta, é vivida de maneira moi diferente xa non por diferentes persoas, senón que as reaccións perante distintos embarazos son diferentes nunha mesma persoa. Aliás, cómpre moita valentía para se enfrontar á conflitividade interior que supón a posibilidade da nacenza dunha filla ou dun fillo, pois a súa chegada modificará absolutamente o status vital adulto. Se seguimos a peripecia vital da protagonista de Os seres queridos, logo nos decataremos desa conflitividade, e acompañarémola mentres leamos porque, a fin de contas, poucas cousas, ou ningunha, máis importante que a chegada ou non dun novo ser á nosa vida. E repito o de “valente”, non é doado enfrontarse a esa conflitividade interior, entre outras cousas porque é unha conflitividade vital decisiva. E expoñela, aínda que sexa mediante intermediación dunha personaxe narrativa, require iso, moito valor.

Quizá, chegad@s aquí, haxa quen se vaia decatando de que a peculiaridade das novelas de Berta Dávila está xusto aí, ela escribe novelas que, partindo dun ideograma sentimental propio, son capaces de acompañar a quen le. Normalmente é ao revés. Quen le é quen acompaña a lectura, e isto tamén acontece aquí, mais acontece con tal intensidade, de tal forma, que cando lemos nos sentimos acompañad@s durante o proceso. Porque a habilidade narrativa ou escritural de Berta Dávila radica na súa capacidade para lograr que cando lemos ultrapasemos a curiosidade inicial que toda nova lectura esperta en nós e nos sintamos mergullados na sentimentalidade que percorre as páxinas da novela. A isto, vulgarmente vénselle chamando “saber chegar a quen le”, “saber interesar a quen le”, e o feito é que a autora santiaguesa o fai como só @s elixid@s son capaces de logralo. Escribindo con clareza e coa valentía de non refugar calquera aspecto temático por moi espiñento que poida ser. Tamén se lle chama “naturalidade expresiva”, mais, e a propósito disto, cómpre non confundir as cousas, xa reiterei o concepto de valentía e non está de mais seguir téndoo en conta, toda vez que non é sinxelo escribir así, enfrontándose á vida para comprendela (no que se poida) e comprenderse a si mesma (no que se poida, tamén.

Dito con outras palabras. Na literatura hai unha hiperpresenza de temáticas ou enredos tan epatantes como “artificiais” (pois son un artificio máis) e faltan autorías coa audacia de enfrontarse á problemática vital que realmente sente quen le, por iso a escrita de Berta Dávila resulta tan impagábel.

O título destas liñas, extracto da presentación editorial na contracapa,  resume moi ben o que vén sendo o fío condutor nesta nova novela, gañadora do Premio Xerais 2021, e reflicte a tensión que aniña en tod@s nós, pois sendo quen somos sempre creremos que poderiamos ser outr@s, mellores ou polo menos diferentes. A de Berta Dávila non é unha narrativa de “fuxida”, unha maneira de “escapar da realidade” senón todo o contrario, é unha narrativa de reencontro, e iso, quen le, percíbeo desde o inicio, o cal propicia que despois sexa tan difícil pausar a lectura.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido