a narrativa bilingüe xa está aquí, preparémonos…

Porxmeyre

29/01/2020

Xa lles advirto que non me refiro a narrativa en edición bilingue, menos ca en poesía…porén algunha si hai. Non, refírome á narrativa de concepción bilingüe.

Explícolles. Eu xa tiña lido e comentado que Domingo Villar escribía os diálogos en castelán. Ben, en realidade el di “que lle saen” en castelán e despois os traduce. Porén, para poñelos en coñecemento de onde eu vou tirar as afirmacións que aquí atribuirei a Domingo Villar, direilles que saen do coloquio no que o pasado domingo (día 26) participou en TV2 despois da emisión do filme La playa de los ahogados baseada na súa novela, en galego A praia dos afogados. Lembro o título en galego porque no filme só se fai refeferencia á versión castelá. Ben, o filme e bastante discreto ( por usar un eufemismo), mais a min intersábame o coloquio que veu despois. Procurei no Youtube e non atopei nada, mais nesta ligazon de TV2 igual poden vostedes corroborar todo.

Comezarei dicindo que non me estrañou cando Domingo Villar mentou os seus dous autores de referencia: Vázquez Montalbán e Andrea Camilleri, son dous bos cabezaleiros, sen dúbida. Porén, o que si me deu que pensar foi cando dixo que Camilleri lograra o éxito escribindo dunha cidade pequena, Vigáta (Porto Empedocle, na realidade) do sur do Sicilia, e que el (Domingo Villar) se propuxo facer o mesmo, acadar éxito “internacional”, desde “a ría”. Normalmente, nestes casos, adoita dicirse que se quere chegar á universalidade desde unha lingua minorizada como é o galego. Mais non, el referiuse só ” á ría”.

Non sei canto leu el de Camilleri nin en que tipo de edcicións, en todo caso cómpre non esquecer que Camilleri en versión orixinal escribe en italiano, mais nun italiano no que introduce moitos termos sicilianos, mesmo unha personaxe, Catarella, é falante de siciliano e por iso comete erros ao traducir ao italiano. Así que a mención da lingua a que nós nos referimos non é só que fose o que nós agardabamos, estaba máis que xustificada.

Porén, vaiamos ao que interesa, noutro momento confesa que el escribe un capítulo e (inmediatamente) despois o traduce. Velaí teñen a narrativa bilingüe. Case tal e como se fose un letreiro deses que se poñen nas dúas lingua. Outra maneira mellor de concepción bilingüe da narrativa, non se me ocorre. Se cadrar, haina, mais o que aquí nos interesa é esta.

Cada autor ou autora ten o seu método de traballo, non o discuto. Mais pode ser ben revelador. Un inciso: no coloquio tamén partcipaban Pedro Feijoo e Arantza Portabales; Pedro Feijoo tamén falou do seu método de traballo, primeiro compón a novela en versión definitiva ( e, non creo que erremos: en galego) e despois ponse coa tradución; parécenos un método que cando menos non é de concepción bilingüe.

Porque, verán, isto xa pasou. A concepción bilingue do texto xa se deu na literatura galega, no tempo da lírica medieval, no seu esmorecemento. Por iso prenden nun as alarmas. Por esta concepción bilingue e polas manifestacións de Pedro Feijoo a prol dunha lingua sinxela e comprensíbel para calquera lector ou lectora. Que son moi parecidas ás dos poetas que se queixaban de que a lingua galega non a tiñan tan fresca ou accesíbel, non a dominaban tanto, como a castelá. Lembran?

Non é só xa que a literatura estea a piques de deixar de ser axente normalizador da lingua galega, que aínda falta. Lémbrese, por exemplo, o desleixo no uso da onomástica, tanto no texto como nos nomes das autorías. Non é só iso, que tantas veces temos denunciado. É que a literatura, de axente normalizador ( ou polo menos coadxuvante en moi alto grao) parece estar pasando a axente “estancalizador”, perdoen o neoloxismo, ou cando menos xa non contribúe ao engrandecemento cultural do lector ou lectora, só a que fique estancado nunha versión sinxela e non problemática.

Lembren. Isto que denunciamos na narrativa xa pasou na poesía. Pasou. E pasou o que pasou.

……………………………………………………

POST SCRIPTUM , XOVES 30.

E se hai quen non ve aí un problema…ese si que é un problema.

E outra cousa. O sábado pasado conversei cun autor ao cal , no premio ese que disque dan os lectores(de institutos) lle rexeitaron un libro porque o vocabulario era demasiado complicado. O centro onde eu impartía ten participado nese premio, e sempre leron os alumnos os seis títulos que se nos enviaban. Seis. Porén teño constancia de que non sempre len os alumnos, que hai veces que só len os docentes.

Porxmeyre

Un comentario sobre «a narrativa bilingüe xa está aquí, preparémonos…»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content