crítica de O TRADUTOR DE SOMBRAS, de Moncha Fuentes, en Xerais.

Porxmeyre

06/07/2022

O SENTIDO DOS SENTIMENTOS

Título: O tradutor de sombras

Autora: Moncha Fuentes

Editorial: Xerais

Unha das cousas que máis cobizamos @s crític@s literarios é non ter que criticar nada negativo ( ou case nada) do libro que acabamos de ler. Isto é o que sucede coa segunda novela de Moncha Fuentes, que vén de editar Xerais e que será con toda seguranza, unha das novelas do ano. Non só deste verán, para o que achega unha lectura moi acaída, que non é moi extensa (174 páxinas) e se pode ler en sesións breves ao presentarse en 26 capítulos -non é esta a lectura que recomendamos, porén as lecturas estivais moitas veces non queda máis remedio que pausalas máis do que se quixera.

                Xa de inicio pide unha lectura o máis concentrada no tempo posíbel, se for nunha única sesión…moito mellor. Esa petición lectora chéganos desde a relación establecida entre un avó e un neto, onde se percibe tanto a sentimentalidade que espertan as cousas e aconteceres pasados como a que nas palabras do neto, que en conxunto transmiten unha forza vitalista que será ben complicado que non conmova a quen le. E ollo, non confundir a sentimentalidade do pasado con simple nostalxia, nin sequera saudade, pois a saudade acostuma a significar pouco ou nulo dinamismo e aquí sucede todo o contrario. O dinamismo do enredo vai moi enfiado nos sentimentos, iso que tantas veces calamos.

Se agora dicimos que o enredo novelístico consiste nun percurso polo nacionalismo galego, desde o ´36 case até hoxe, estaremos a piques de mencionar a grande achega que supón esta novela. Tod@s coñecemos, con máis ou menos fondura, o decorrer do nacionalismo nese período temporario. Porén, aquí aparécennos @s protagonistas cargados de sentimentalidade. Séxase ou non se sexa nacionalista, o que está claro é que tod@s temos sentimentos, tod@s sentimos, e na historia do nacionalismo resulta unha cara do prisma poucas veces atendida, desde logo nunca con tanta clareza e mimo como aquí. Xa só por iso, a novela de Moncha Fuentes merece ser salientada. Porén, non é este oportunismo o único factor a ter en conta, hai máis cousas.

Por exemplo, estamos diante dunha novela coral; non é que a galería de personaxes sexa moi grande, mais iso conleva que o discurso nos sexa contado desde varias voces. Evidentemente, a harmonización das diferentes voces para que non se rompa ese vitalismo humanitario inicial é un aspecto técnico moi a salientar. Na vida de calquera existen intres máis proclives á sentimentalidade que outros, mais Moncha Fuentes, alén da devandita harmonización compuxo un discurso onde nunca perdemos o eco dos sentimentos…ao longo dos “tempos” e aconteceres que conforman un enredo que se deslocaliza fundamentalmente desde Ourense a Vigo, mais tamén a Celanova ou a Portugal.

E non só iso, senón que, cousa pouco frecuente nos nosos días, a novela está primorosamente redactada. Inclusive hai ocasións en que mesmo se diría que poeticamente redactada, pois tal é o dominio do ritmo expositivo que así nos fai pensar, que así nos fai pensar e que nos leva na lectura como canto libertario en naina adulta para que nunca deixemos de ser nós, para que nunca deixemos de ser nós e as nosas sombras, esas sombras caladas que, como aquí, poden oficiar de fío condutor, esas sobras sempre existen e unhas traducen outras con comentario á marxe. Ás veces quedan no medio, entre avó e neto, como aquí que en conversa inician esta novela con pulo vital que pode por riba de infortunios.

Non pase tampouco desapercibida a lembranza e homenaxe ao doutor Cabaleiro Goás, figura cimeira na neuropsiquiatría moderna, cuxo traballo foi tan respectado e admirado en Portugal e no Brasil como silenciado na España Mesetaria polas súas opinións “politicamente incorrectas”.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content