crítica de O MEU SANGUE, de Diego Giráldez, en Galaxia.

Porxmeyre

15/07/2022

o

NOVELA INTERIOR

Título: O meu sangue

Autor: Diego Giráldez

Editorial: Galaxia

É casualidade que, despois de escribir sobre unha novela na que se atende a sentimentalidade das personaxes de maneira pouco común, vaia agora falar doutra que tamén nos fai agromar sentimentos de tenrura, de desolación e tenrura. Explicareime mellor máis adiante. É casualidade porque eu non procurei esa contigüidade. O que non é casualidade son este tipo de novelas. Aí está Berta Dávila, aí está Xesús Fraga, e se quixeramos, poderiamos dicir desta tendencia novelesca noutros países, noutras literaturas. E agora chega Diego Giráldez cun enredo, se queren con máis doses de ficción (todo depende do padrón de cadaquén), que tamén procura facer agromar a sentimentalidade das personaxes e para iso lévaas a circunstancias moi complicadas, moi extremas.

Ah, unha novela interior! Unha novela de sentimentos! Fuxamos! Fuxamos! Anatema! Traizón!

Pois vexan, se con esta novela non son quen de emocionarse… é ben que o consulten con alguén especialista.

Primeiramente porque emocionar debe ser unha das prioridades de calquera ficción pois somos quen de lembrar emocionalmente moito mellor que calquera intriga por complicada que sexa. Despois porque o territorio das emocións non é privativo de ningún xénero. Non sei canto durará esta moda, esta procura interior no día a día da vida real, ou nos seus infernos, se queren. E é  moi posíbel que como resposta xurda outra narrativa máis social. Xa veremos.

Agora, o que temos entre as mans, é  un enredo con tintes de negro. O xénero negro está aí, máis como unha fronteira a alcanzar ou non, como un desideratum máis que como realidade existente de facto no discurso. Tamén como un recordatorio. Unha personaxe escribe unha novela negra. Porén o discurso presenta un enredo onde unha moza (Belén) e o escritor deciden loitar contra a morte segura dela, de Belén. Porque Belén é unha personaxe sentenciada. Padece unha enfermidade incurábel. E ambos deciden vivir o seu amor até as derradeiras consecuencias, especialmente emotivos son os momentos nos cales Belén atravesa a fase final da enfermidade. Mais hai un trío. Unha terceira muller, María. E non quero contarlles máis do enredo.

Só direi que, se ben a relación con Belén é sempre transparente, a que mantén con María non o é tanto e iso ten todo que ver coa estrutura en que asenta o enredo. Cóntase polo dereito o amor con Belén, vanse deixando pingas da relación con María para sorprender no remate. Unha estrutura efectiva, como o demostran os milleiros e milleiros de discursos relatados a partir dela, o cal non desmerece para nada o uso que Diego Giráldez fai dela. Que é un tanto arriscado, na primeira metade da novela quen le non enxerga posíbel solución final, só un camiño na brétema, un carreiro no que tampouco a sentimentalidade das personaxes ten preponderante atención. Está aí e vaise construíndo, até chegar a pasaxes realmente moi emotivas, como cando Belén ten o fillo, Mauro e este nace antes de tempo e con secuelas. Vaise construíndo e estourará no remate, cando se clarifique o rol que xoga María.

Este levar as personaxes a circunstancias extremas, esta baixada os infernos da morte  e do amor, é realmente unha aposta dura, non lle debeu resultar nada sinxelo escribir tal enredo ao autor. Mais iso é o que realmente agardamos de calquera autoría, para que nos poñan as cousas fáciles xa están outras menos comprometidas. Porque o que realmente ten valor é cando, a través da ficción, mergulla nos recantos máis recónditos, nos recantos máis duros que van forxando a alma humana, esa cousa tan preciosa e tan fráxil. Necesítase máis valentía  para iso que para enfrontar perversos inimigos ou tiránicas guerras. É así e hai que recoñecelo.

Na parte negativa, só mentar o excesivo recurso ao castelán, ese hiper-realismo…

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content