crítica de O QUE NON SABÍAS, de Elba Pedrosa.

Porxmeyre

17/06/2020

OS AMORES FRUSTRADOS

Título: O que non sabías

Autora: Elba Pedrosa

Editorial: Xerais

É infrecuente que no discurso narrativo non ande o amor polo medio, disto xa falamos aí atrás e hoxe volvemos reincidir a propósito da novela O que non sabías, primeira novela en galego de Elba Pedrosa, édita á vez en galego e castelán. Porque se trata, outra vez, de amores infortunados. A novela, na súa primeira parte, até mediado o discurso (máis ou menos) sorprende pouco, e iso, que pode parecer unha eiva, tamén é, polo menos neste caso, unha asideira lectora que teime en turrar de quen le. Un adolescente que namorisca dunha rapaza (filla dunha familia de clase social por riba da do mocete), unha nai que suxire unha infortunda historia amorosa, unha vila (mareira) onde os indianos subsidiaron a construción dunha escola (a onde agora acode Roberto, o adolescente namoriscado), a desaparicíón misteriosa do pai de Roberto (mais liberadora para a nai), as trasnadas típicas da rapacería, o “bo” médico ou médico do pobo, as enerxías renovadas de Marisa ( a nai de Roberto, e Patricia, a súa irmá, máis vella ca el)… Todo contado ou desde a voz de Roberto, nos capítulos, ou desde a voz de Marisa, nas cartas que acompañan e salfiren o texto situándose no remate de determinados capítulos. E en capítulos breves, cun certo ar folletinesco, tanto pola extensión como polo tema e o seu tratamento. Pouca novidade, unha pouca novidade que tamén serve para asentar a lectora ou lector nun discurso novelesco que non agacha certo pouso costumista, ler o reler aqueles ambientes que xa coñeciamos tamén é un atractivo, tamén, para certo lectorado que gusta da (re)construción epocal..

                     No eixo espacial, non hai ningunha localización precisa  (aínda que se menciona Baiona), e tampouco parece habelo desde opunto de vista temporal. Parece, porque o eixo temporal máis adiante ficará fixado ao incluír no texto referencias “ás cancións de Mari Trini”, pois Mari Trini  non se fixo popular até que grabou “Amores”, en 1970; polo cal o eixo temporal da narración ten que ser posterior a 1970, mais tampouco cremos que moito. E tamén, nese eixo temporal hai cousas que sorpenden a quen le, como pasar de marzo nun capítulo ao verán no seguinte, un verán que se supón é o marco estacional da trama co namoriscamento de Roberto nas vacacións estivais. E non é esta a única vez que nos imos ver sorprendidos, en realidade parece como se o discurso (e aquí referímonos ao dos capítulos) viñera á lembranza de Roberto dese xeito  pouco preciso nalgunhas cousas que ten o memorialismo. O anterior contraste entre marzo e o verán, sobre todo tan próximos, non resulta nada afortunado.

                     Na segunda parte, xa cunha Marisa con novos folgos, animada a emprender un proxecto de vida novo cos seus fillos, gaña en emoión lectora. Mais ese positvismo do novo clima da novela resultará truncado, non diremos a razón. E debe quedar constancia de que un acerto da novelsita é a personaxe de Celso, primiero primo e despois curmán de Marisa, a quen remite as súas cartas. Unha personaxe enigmática que lle senta ben á narración e que será a que desvele finalmente os misterios, misterios que teñen que ver coa vida e fortuna amorosa de Marisa e que, por suposto, atinxen tamén aos fillos. Aí cadraba ben o remate da trama, porque é o punto climático do discurso. Os capítulos (pouquiños) posteriores non teñen moita xustificación a non ser amortecer o impacto das revelacións de Celso…

                     Quizá o aspecto máis positivo estea na gradación da información do tema amoroso relativo a Marisa, aínda que o remate non sorprenda moito.

                     Do resto nótase certa inestabilidade do pronome persoal átono, como o uso de obxecto indirecto cando verbo rexe obxecto directo en galego. O mesmo unha onomástica deturpada (Sandrita, por exemplo) que chega a ser moi pouco afortunada, como no caso da familia Molinera. Seguramente se aducirá como razón o querer reflectir a diglosia socialmente existente, mais isto é literatura, creación ficcional, e, curiosamente, é  o texto quen resulta diglósico.

                     Sendo esta a primeira novela da autora, cabe agardar posteriores entregas máis traballadas, literariamente máis ricas.

                     Dito isto queda o crítico matinando que, alén da diglosia lingüística, hai que ir pensando na diglosia editorial. Porque iso é o que acontece cando un texto ve a luz en galego porque tamén se publica en castelán, como razón máis poderosa.

                     (E, por certo, moito dano está facendo do cionario da RAG na rede; obra máis dano que beneficio; que quede ben claro)         

ASDO: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content