crítica de O ANXO DE DURERO (Jorge LLorca, en Dr. Alveiros)

Porxmeyre

01/07/2020

NOVELA DETECTIVESCA PRETENDIDAMENTE SIMBÓLICA

Título: O anxo de Durero

Autor: Jorge Llorca

Editorial: Dr. Alveiros

Ben, primiero de nada deamos a boavinda a un novo selo editorial, este D. Alveiros que nace na Fundación Vicente Risco, e que, polo visto a súa actvidade vai para alén da publicación dos premios convocados pola fundación. É de xustiza, esta celebración de boavinda, porque sen actividade editorial a literatura non é nada. Aínda que sexa tarde, porque este novo selo editorial xa deixou pegada en tempos pasados. E máis agora, neste tempo de desconfinamento en que aínda non temos claro como vai ser a “nova normalidade” e como vai afectar ao mundo editorial.

                     Ben, en segundo lugar digamos que O anxo de Durero gañou o XX Premio Vicente Risco de Creación Literaria. E concretemos que, malia iso, malia saír vencedor dun certame literario, isto non significa que as súas páxinas teñan valor literario. Nin agora, neste Vicente Risco, nin en ningún outro; infortunadamente nunca, desde hai moitísmo, se declara “deserto” un premio, e dáselle ao discurso menos malo, o que non quere dicir que sexa bo. Nin agora nin en ningún outro, dixemos. Mais o certo é que esta novela de Jorge Llorca non pasará á historia polas súas bondades literarias, aínda ben o contrario. Digo isto a sabendas de que este mesmo premio se declarou deserto no 2018, e era a segunda vez, se non lembro mal.

                     Non se pode dicir que o autor non ideara un proxecto ambicioso, dotado dun simbolismo revelador, dun simbolismo que convide á meditación sobre o ser humano e a creación. Polo menos. O título, que remite a unha obra especialmente misteriosa do alemán Alberto Durero (1471-1528) que deu e dá lugar a múltiples interpretacións. E o deseño da portada, con ese anxo pertencente á obra Melancolía antes mentada (de entre 1513 ou 1514), así como o cadrado numérico que lembra os “sudokus” hoxe tan populares, parece quere indicar iso. En realidade trátase de dous extractos do orixinal de Durero, máis complexo, que, segundo a nosa interpretación, parecen remitir cara ás dificultades de creación alén da ciencia exacta, da matemática, pois vivía Durero un tempo, un interregno, entre liberación de Deus a autonomía humana que producíu evidente desconcerto inicial, sempre alén da matemática. É a nosa interpretación, que pode vir a conto porque estamos a vivir tamén unha transición onde morre o mundo rural, cousa que se recolle na trama da novela.

                     Porén, fóra de todo isto, a novela presenta unha trama detectivesca convencional onde a única novidade realmente reseñábel é a inclusión do gas radón nela, un perigo para a vida certo que a literatura galega parece ignorar. Porque, do resto, salientar que o protagonista é un sexaxenario culto, especialmente nas artes visuais mais tamén ten moita presecia a música e mesmo a poesía. Que trata de esclarecer unha misteriosa morte. Nada realmente novo. Dígase, iso si que a configuración das personaxes femininas nos pareceu do mellor da novela. Mais, para ser unha novela detectivesca, a trama tarda moito en intersar a quen le. Hai moi poucos progresos na investigación e o discurso fica nun deambular do protagonista ao que non se lle albisca función que realmente axude na investigación. Polo menos, moi, moi pouco. Quérese representar ese ser humano “perdido”? Se é así non se escolleu a mellor estratexia narrativa, porque, malia o discurso estar moi atento ás descricións, tampoco estas teñen tanto valor literaio como tapar outras carencias.

                     O remate da novela, que é o único momento en que a trama “atrapa” a quen le, con esas canas de pescar inapropiadas, parece remitir outra volta ao que xa dixemos da dificultade da creación artística. Porén, resulta insuficiente despois de padecermos un discurso absolutamente desdeixado no que hai de todo, desde castelanismos (léxicos e morfolóxicos) a ausencia de letras nas palabras ou todo o contrario: letras que non veñen a conto e se introducen na palabra. A isto aínda hai que engadir escollas ortográficas erradas (“don”, por exemplo) ou dificultades co pronoe persoal átono, por exemplo. E non son dous casos nin tres, o discurso está inzado destes despropósitos que enfadan a lectura páxina tras páxina.

                     Sinxelamente, un premio literario non se pode dar a luz con semellante número de grallas, grallas que non atinxen un determinado aspecto lingüístico. Oxalá fora só un. Son moitos. E, se por riba a trama tarda tanto en interesar a quen le e non dosifica a información (clave, neste tipo de novelas) axeitadamente…toda interpretación simbólica resulta un erro porque redimensiona un discurso que en realidade tecnicamente é moi criticábel…e que por riba ten unha presentación absolutamente desatrosa, absolutamente desdeixada.

                     O simbolismo, por si só, non garante unha novela literariamente consistente, xa non digamos rica…

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content