crítica de NON VENAL, de Alberte Momán Noval, en Urutatu

Porxmeyre

18/08/2020

PROCURANDO AS MARXES DA LITERATURA

Título: Non venal

Autor: Alberte Momán Noval

Editorial: Urutau

Levan xa un tempo en activo, no Brasil e na Galiza, a xente Urutau, realizando un labor de achegamento de culturas que me parece moi meritorio. Non é a solución definitiva, mais si unha palla máis no palleiro que cómpre agarimar. Vaia iso por diante.

                     E digamos despois, que, como se desprende do título, Alberte Momán déxanos outra volta un título que pretende explorar nas marxes da expresión literaria, como xa vén facendo habitualmente mais con máis convicción. Ben, eu sempre saúdo estas tentativas con moita ilusión porque é unha maneira de anovar o campo literario, de impedir o enquilosamento que levaría á morte da literatura. O  que acontece é que, despois de ler a Francesca Cricelli xa non estou tan seguro de que o camiño para a anovación estea exclusivamente nas marxes, como demostra a poeta brasileira, ás veces cómpre aceptar os límites precisamente para non ter límites. Pode parecer contraditorio, mais si é posíbel.

                     Non venal, o novo título de Alberte Momán preséntase editorialmente como un libro de poemas, cando en realidade son prosas, moi breves, mais prosas. Certamente que nesas prosas eu acho poesía, en cantidade variábel dependendo da prosa que sexa e tamén dependendo da sensibilidade de quen lea, mais, sobre todo, o que quero salientar é que me parecen máis fronteirizas coa filosofía. Pode parecer anticuado o requisito de esixir que na poesía os versos non superen (polo menos non sempre) o espazo dunha liña: Mais, de momento, é o que nos queda, toda vez que rima e métrica son moi pouco usados e o ritmo tamén se atopa na prosa. Hai que facer unha salvedade, hai prosas aquí dunha soa liña que ben poderían ser versos, tamén é verdade. E tamén hai que recoñecer que esa viaxe trascendendo as marxes da literatura canonicamente tradicional, xa a fixo/fai a Literatura Hiperbreve ou Literatura Mínima (como nos gusta chamarlle a nós), o  meu Nin che conto pretendeu demostralo (está próxima unha revisión da teoría da hiperbrevidade, á luz das últimas achegas, que non fai senón resafirmarme nas ideas alí expostas. Precisamente a Literatura Mínima esvae todas as fronteiras xenéricas que herdamos).

                     O tema central, ou a experiencia de partida para a elaboración do libro, é o encontro amoroso, incluíndo tamén o encontro sexual, que é fundamental; e isto, en si, xa é unha imaxe a ter en conta, a imaxe de dous corpos pel con pel, que xogan (o senso lúdico nunca deixa de estar aí, nunca mellor utilizada esta expresión) a se confundir e se complementar, a dar pracer e procurar pracer (tamén moi propio, inexcusábel, da literatura). O libro componse de 12 capítulos e un epílogo, e resulta significativo que no inicio se fale/escriba sobre a culpa, as máscaras, a ira, a frustración, a orientación da emoción. Se a isto engadimos que despois virá a “construción social do sexo”, a proximidade coa filosofía parece innegábel. Despois tocará temas como a lubricidade, a alquimia do amor, o sexo e os fluxos ou o concepto de “eróxeno”, no que é un afondamento na experiencia da relación sexual que se mantén nos seguintes capítulos (“Concavidades” e “Proporción e medida”).Nesta última atopamos xa  “o desexo”, e a procura de resposta da parella, para despois reflexionar sobre a proximidade, a memoria e e o reencontro. E, a seguir, outro concepto clave na relación amorosa, “o instinto”, que vai xusto antes da necesidade “aproveitar o momento” (“Carpe diem”), un tema universal e perennne que nunca pasa de moda, mais debe constar que a relación amorosa, a relación coa parella tamén se considera unha forma de percibir o mundo ou a vida ( co que voltamos plenamente ao eido da filosofía). E despois da corporalidade tamén hai lugar para que chegue “a moral” (outra volta tan cerca da filosofía). En conexión co “carpe diem” antedito está o “amar por amar”, a reaparición do desexo e o camiño para acceder á “liberdade”. Paremos un pouco aquí. Pode semellar que estamos diante de prosas eminentemente eróticas ou sexuais, mais a conexión que desde aí se establece coa filosofía é un bocado demasiado apetecíbel e orixinal para non reparar nel. E, xa que nos detemos, de paso hai que sinalar que  “a lingua” é un concepto moi aludido, moi repetido no libro; evidentemente é unha parte do corpo eroxenamente moi activa, mais tamén podemos a partir de aí pensar na linguaxe, pois ese apéndice bucal non deixa de ser método/instrumento de comunicación. Precisamente hai un capítulo (“Palabras”) dedicado a reflexionar sobre elas, as palabras.

                     Deica agora procuramos ver a proximidade destas prosas (eróticas ou sexuais) coa filosofía, e, sen abandonar o propósito merece unha mención moi especial, a necesidade de “desaprender” (así se chama outro capítulo) para reiventarse, redefinirse, e derrubar as estruturas de poder, con vontade e determinación -unha mensaxe na que se pode albiscar o movemento hippie de “fai o amor e non a guerra”, que nunca está demais lembrar porque implica toda unha filosofía de vida, quizá a única política que paga realmente a pena. Que vai haber obstáculos é claro, hainos, o que reafirma a imperiosidade da comunicación, o cal é outrra proposta ben achegada á filosofía. Finalmente, porque non queremos comentar nada do “Epílogo”, cadaquén que imaxine o porto a que se pode chegar despois do contido comentado, non lles imos aforrar ese pracer; finalmente tamén se reflexiona/volve reflexionar sobre a construción social do sexo, chegando á conclusión de que o sexo é unha porta aberta á comunicación, e volvemos chamar a atención cara á filosofía, moi intencionadamente porque nos parece un camiño no que aínda hai moito por percorrer.

                     En definitiva, estas reflexións sobre o sexo teñan boa vinda. Non hai moitos títulos así, realmente atopou Alberte Momán unha froma de achegamento á experiencia, e reflexión, pouco habitual, de salientábel “aprofundamento”, que esixe á voz narradora o efecto de ver/narrar desde a distancia o que precisamente son aproximacións, físicas e algo máis que físicas, e nese algo é onde reside o mérito e a cualidade máis interesantes do libro. Un libro no que tamén existe sensualidade, por certo, porén son máis importantes os aspectos que vimos de sinalar.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido