crítica de LINGUA VIAXEIRA, autorías varias, en Axóuxere.

Porxmeyre

09/06/2022

A PONTE DA LINGUA

Título: A lingua viaxeira

Autorías Varias

Editorial: Axóuxere

O contraste dos  dous títulos, o destas palabras e o do libro, representa dúas maneiras de ver o mesmo fenómeno: escribir en galego desde distintos puntos do mundo, e, dentro diso, mesmo aprender e usar o galego por diferentes motivos. Non se trata de que ningún deles sexa mellor ou peor, senón de combinar as dúas visións no texto a seguir. Como xa adiviñarán, o volume reúne achegas literarias de autorías que viven lonxe de Galiza. De aí o título Lingua viaxeira, pois coas autorías viaxa a lingua nunha dupla dirección: marcha de Galiza cando as autorías teñen que marchar, mais cando escriben en galego, ese mesmo feito, retransporta outra vez á terra nativa: Galiza. Por iso mesmo eu concibo as achegas do libro como unha ponte, pois a ponte serve para poñer en contacto dúas xeografías ou realidades diferentes, e tanto se transita nunha dirección como na inversa.

O mapa autoral está composto por Erín Moure (Montreal), Míriam Sánchez Moreiras (Denver), Martin Veiga (Cork), Elías Portela (Reykjavik), Helena Salgueiro e María Alonso (Edimburgo), Eva Moreda (Glasgow), Xelís de Toro (Brigthon), Luz Piclel (Madrid), Xavier Queirpo (Bruxelas), Carlos Penela (Viena) e Moncho Iglesias Míguez (bangladesh). O resultado son discursos moi variados desde o punto de vista xenérico, e tamén desde o temático. Evidentemente un ten as súas preferencias, que obedecen a intereses particulares, mais tentarei deixar iso ben claro e dar unha idea dos demais. Evidentemente, tamén desde criterios técnicos tamén os discursos teñen calidades diferentes. Por sinal, hai un que me pareceu de pouca altura técnica, trátase dun relato (non chega a ser conto) exposto con moi pouca intensidade, entre reflexivo e narrativo, mais sen decidirse por ningunha das dúas posibilidades, e o resultado deixa unha lectura que non agacha as deficiencias. Non direi cal é, ni quen o escribiu.

Para comezar, Martín Veiga achéganos un interesante ensaio sobre os conceptos de fluxo e tránsito aplicados á literatura galega, concretamente ás obras de Antón Avilés de Taramancos, Xavier Queipo e Elvira Riveiro Tobío, tres autorías pertencentes a tres xeracións que o almanaque sitúa en tres momentos distintos. Particularmente, este ensaio de Martín Veiga lino xusto cando levo un tempo reflexionando sobre a fluencia na poesía, comecei a propósito da obra de Yara Nakahanda Monteiro, cuxa crítica se pode ler nesta mesma bitácora, e continúo explorando posibilidades poéticas. Despois chega Erín Moure, que reflexiona a cerca do galego como lingua aprehendida xa de adulta e mesmo deixa un poema que ten como protagonista un antepasado (del lle chegou o apelido Moure) que nos retrotrae á invasión francesa de comezos do século XIX.

Este convite de Axóxere tamén fixo reflexionar a Xavier Queipo sobre a lingua galega, unha lingua tamén aprendida contra a alfabetización en castelán e a comunicación familiar tamén en castelán. Unha lingua de instalación literaria, na cal procurar a beleza a través da palabra, mais que rematará tamén sendo unha axuda (se cadra para moit@s inagardada) no decurso da súa actividade profesional, vida profesional desenvolta entre moitas outras linguas. Paga moito a pena esta lectura, que tratei de sintetizar nestas liñas, sequera porque Queipo (e tamén Erín Moure) ofrecen unha visión da lingua galega ben diferente á da pailanada que teima en minusvalorizala.

Eva Moreda deixa un tamén ben interesante relato sobre a vida dunha universitaria en Egham (Surrey, cerca de Londres), que se pode ver como un exercicio de estilo, mais que  logra instalar a quen le nunha atmosfera (a da protagonista) moi particular e ben lograda. Despois Carlos Portela entremestura narración e poesía e Luz Pichel obséquianos un poema realmente precioso. Precioso, non  adoito empregar valorativos nas miñas críticas, mais este poema que aparece como forma novidosa e en realidade está actualizando a medieval técnica do leixaprén ao século XXI (pasando por Rosalía de Castro, con referencias a Safo e música brasileira), lendo e relendo non me deixa outra alternativa, pois tecnicamente é moito máis que interesante.

Helena Salgado tamén xoga tamén coa hibridación entre narrativa e poesía, sen nunca perder a dimensión espacial do texto na folla en branco e tamén utilizando salientados en negro. O seu texto, visto á luz do exposto por Martín Veiga, cobra un significado moi especial. E quero rematar con Xelís de Toro, un autor que na miña opinión gustaría ler con máis frecuencia e con “Windrush”, un relato de María Alonso que tamén paga moito a pena ler.

ASDO.: Xosé M. Eyré

(Membro da Asociación Galega da Crítica)

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content