crítica de LARA E SABELA, de Ignacio Vidal Portabales, en Xerais

Porxmeyre

07/10/2020

A NOVELA DE SABELA

Título: Lara e Sabela

Autor: Ignacio Vidal Portablaes

Editorial: Xerais

 Ben, comecemos polo primeiro. Na convocatoria especifícase claramente que os textos han ter unha extensión mínima de 50 páxinas e unha extensión máxima de 100 (2500 caracteres por páxina, espazamento 1,5 entre liñas). Porque estamos falando do Lueiro Rey na XXVI edición (2019). Esta novela, a gañadora do certame, ten 175 páxinas, con 29 liñas por páxina. Aínda que o espazamento esixido é dos mínimos e non se especifica o tipo de letra, aquí algo pasa. E pasa que as bases da convocatoria non son suficientemente claras para que o resultado sexa unha novela breve. Iso no caso de que esta novela coubera no espazo esixido na convocatoria. Porque, unha novela breve de 175 páxinas parece unha broma. Con 175 páxinas estamos diante dunha novela, diante dunha auténtica novela. Aquí algo pasa, xa dicimos, e non é bo. Tamén cabe sinalar, entendendo que a novela non se axusta ao que é unha novela breve, a magnanimidade do xurado se non cumpre as bases. E tamén a ousadía de presentarse a un premio de novela breve a sabendas de que non se cumpren as bases. Repito, non se especifica o tipo de letra, o espazamento é dos mínimos. Se o contido da novela cabe nesas esixencias, está claro que hai que modificar as bases. (Contrasta esta novela breve de 175 páxinas, coas pouco máis de 100 do Carrusel de Berta Dávila, considerada unha novela)

                     Dito isto, quedará ben claro que nunca imos falar de novela breve senón de novela. Pois nesta novela de Vidal Portabales preséntase unha trama de inicio pouco habitual en autorías masculinas. A trama da novela cóntaa unha personaxe en primeira persoa, Sabela, galerista lesbiana e namorada de Lara, unha das artistas que expoñen na súa galería. Non é frecuente o lesbinaismo en autorías masculinas, e este proceso de “conquista amorosa” que Sabela pretende exercer sobre Lara constitúe a columna vertebral da novela. Novela que, de inicio, tamén apunta outras implicacións na trama que crean unha esperanza lectora ben alta, como para non abandonar a lectura. Polo que a nós repecta parécenos bastante ben configurada a personaxe de Sabela, a narradora. Non así a de Lara, que se manifesta nas palabras de Sabela, autora implícita da novela. Evidentmente o xuízo das lectoras (e no xurado só había unha muller) debe ser máis autorizado có noso, porén, a impresión que temos despois de ler a novela é esa: hai unha personaxe ben caracterizada, Sabela, e outra, Lara, da que non podemos dicir o mesmo aínda que co pasar das páxinas se vaia manifestando máis, estas manifestacións fican lonxe de ser suficientes como para configurar unha personaxe tan complexa como é a de Lara. E isto é así xustamente porque a estratexia narrativa da trama baséase en descubrir precisamente a realidade dunha Lara, que non é lesbiana, que vén de padecer a morte da súa parella (un home), momento que a Sabela lle parece procipicio para inicar o “proceso de conquista” da súa muller desexadada: Lara. En principio esta é a situación de saída e desenvolvemento da trama. Despois, no remate, decatarémonos de que a trama se soluciona establecendo a verdadeira relación de Lara coa súa parella, o defunto Valentín, mentres que o desenlace do “proceso de conquista” inciado por Sabela non se resolve máis que epifanicamente na mente de quen le, que pode considerar solucionado favorabelmente ese proceso mais tampouco é que sexa un remate claro senón un remate aberto.

                     Evidentemente hai máis personaxes e o humor tinxe as páxinas da novela a partir precisamente delas. Como é, por sinal, o caso da “Alumadas”, unha curiosa seita. Ou a relación existente entre o avogado e a superiora da Marcelinas donas do convento onde viven alugadas as “Alumadas”, que tamén se resolve con humor e mesmo debe dar unha idea do que vai suceder no fío principal da trama, claro que quen le, no momento, iso non o sabe nin o sospeita. E aí estamos no mellor da novela, porque, unha vez lida, convida claramente á reflexión sobre o contido da trama e as relacións existentes entre as personaxes. Despois de lida, fica a insatisfacción pola pobre configuración de Lara, mais tamén o regusto de repensar esas relacións entre as personaxes, onde, como dixemos, non falta o humor.

(Ben, o que acaban de ler está escito en Times New Roman, de 11 puntos e espazamento 1,15.Ocupa, excluíndo título e encabezado, 42 liñas, 708 palabras, 4241 caracteres con marxe esquerdo de case 3, e dereito de 2. Unha folla word e 2 liñas da seguinte. En Agency FB, e coas anteriores características ocupa menos de 1 folla, en Bodoni MT Condensed aínda é menor, igual ca en Microsoft Himalaya… e poderíase seguir procurando….Esta explicación vén a conto de que é posíbel “adaptar” o espazo dun texto segundoesixencias… e como ninguén vai contar os caracteres…)

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content