NOVELA ALGO MÁIS CA CURIOSA
Título: Hotel para coleccionistas discretos
Autor: Diego Giráldez
Editorial: Galaxia
Diego Giráldez estreouse como narrador cunha Galería de saldos que deixou moi grata impresión . Agora regresa aos trinques xa non con relatos senón cunha novela curta (109 páxinas) de fasquía experimental, a Hotel para coleccionistas discretos que hoxe traemos a estas páxinas. Para comezar diremos que ese hotel tan particular leva o nome de Hotel Continente e está situada nunha cidade chamada Capital Sur, pertencente a unha patria da que non se di nunca o nome. Mais ben podemos chegar a pensar que se trata de Vigo, a cidade, e Galiza, a patria. Na nosa lectura así fixemos. Pois neste Hotel Continente reúnense unha serie de coleccionistas discretos, xentes afeccionadas a coleccionar as máis dispares cousas, que non imos revelar, obviamente, porque ese é un dos intereses do lector cando merca a novela. Hai aquí un aquel de distopía que rapidamente, se quer o lector, se disipa en lecturas como a que fixemos nós, que seguramente será a que fagan a maioría de lectores e que lle senta moi ben ao discurso, porque se trata dun discurso para inquedar, para evitar lecturas orfas de reflexión.
E, ollo, cando dicimos que é unha novela breve referímonos a que pouco pasa das cen páxinas. Non dicimos que este discurso pertenza ao xénero da novela breve. Non. Quizá polo número de personaxes puidera pasar, aínda que son bastantes. Porén, sobre todo, é que non dispón dun fío da trama que exerza de rector e non permita segundos temas. Un fío tramático a redor do cal se constrúe a novela si o hai, ese congreso de coleccionistas “sui generis”. Mais tamén é certo que a novela deixa moitas máis preguntas ca respostas. É dicir, tócanse temas para os cales non se dá remate.
A novela, malia contar con poucas páxinas, estrutúrase en tres partes. As dúas primeiras que nos veñen contadas nas voces dunha serie de personaxes e unha terceira que bota man da terceira persoa. Nin que dicir ten que a base da novela son as personaxes. Os coleccionistas. Xentes con poder e cartos que teñen afección ao coleccionismo e que mercadean, por exemplo, con órganos humanos. O lector adoita empatizar con este tipo de coleccionistas de rarezas, mais trátase de personaxes que é iso o que teñen de humanidade, porque do resto demostan ter moi poucos escrúpulos.
Non cabe dúbida de que o autor quixo saber a onde chegaría narrado o acontecer deste tipo de personaxes. Como tampouco cabe dúbida de que puido ir moito máis alá, escribir unha novela moito máis densa simplemente incrementando a nómina depersonaxes. Mais, interpretamos, existiría o perigo de que a mensaxe ficase difusa entre tanta personaxe. E as personaxes non só son @s colecionistas, non, hai outras, como a quiosqueira ou os mendigos que lle dan moita vida á novela. Da quiosqueira non diremos nada, só que se trata dunha personaxe empática, como os mendigos. Os mendigos son o grande contrapunto, un deles mesmo lle pon voz a palabras de Óscar Wilde. E quizá lles puido o autor tirar máis partido, toda vez que lembran moito outros valleinclanescos e representan un contraste moi grande cos coleccionistas caprichosos.
Porque é unha novela de contrastes, de contrastes onde o lector debe estar esperto e activo. Se, de primeiras, eixten contrastes entre as personaxes “normais”, como a quiosqueira, e os coleccionistas caprichosos, tamén é certo que o mesmo lector debe tirar as súas propias conclusións no contraste establecido entre a realidade ficcional da novela e a realidade vivida polo propio lector. E quizá o título leve a máis de un lector a pensar nunha lectura amábel e ocorrente. Mais nada diso, iso é o último que aquí atopará. Porque esta non é unha novela só para divertirse lendo, sobre todo é unha novela para reflexionar como nos tratan os poderes fácticos, sobre a pouca empatía que proxectan sobre nós, nós concebidos como os seus vasalos.
ASDO.: Xosé M. Eyré
[…] Pode lerse a crítica feita por Xosé Manuel Eyré no seu blogue, aquí. […]
[…] Pode lerse a crítica feita por Xosé Manuel Eyré no seu blogue, aquí. […]