crítica de o O PARAUGAS NA RAIOLA (Paco Rivas, Baía Edicións)

Porxmeyre

29/05/2019

LECTURAS DESENFADADAS

Título: O paraugas na raiola e outros relatos

Autor: Paco Rivas

Editorial: Baía Edicións

De cando en vez é san botar man de lecturas descontraídas, de lecturas desenfadadas que nos axuden a recuperar o sorriso. Sempre defendemos que a literatura debe ser socialmente comprometida ou non ser. Mais un non sempre ten o  corpo, ou a mente, para sesudas tramas ou denuncias sobre o anormal funcionamento da sociedade. Velaí que sexan tan importantes estas lecturas que nos permiten facer un alto, respirar fondo e pintar un sorriso de lado a lado da cara. Un sorriso reparador. E, porque non?, se alguén quere non perder de vista o compromiso social tamén o pode facer desde este tipo de literatura descontraída. Certamente, non é o seu obxectivo principal, mais o texto literario é un fulgor de arestas onde o lector pode collerse da man do  máis inagardado.

                     E iso, o inagardado, é o que nos fai pasar as páxinas deste conxunto de relatos que nos presenta Paco Rivas en O paraugas na raiola e outros relatos. Porque desde o inicio está clara a intención do autor, a intención de propoñernos uns textos onde o máis importante é crear unha atmosfera de bon humor e manternos nela. E lógrao, conségueo. Literariamente non se lle nota máis ambición, que xa non é pouco o feito de manternos alegres mentres lemos.

                     Antes de continuar, covén deixar ben claro unha cousa: non se trata de xoguetes cómicos, de narrativa que teña por obxecto procurar o riso do lector a custo do que sexa. Non. Trátase dunha narrativa alegre e desenfadada. Sobre todo desenfadada, que o de alegre necesita precisión: non dubidamos en empregar ese cualificativo malia que estas narracións quizá teñán máis de melancólicas, porén é moi certo que en todo momento o narrador procura que manteñamos un ánimo positivo, unha presenza de ánimo (que se dicía antes) que nos permita ir pasando follas sen decaer na nostalxia tristurenta.

                     Oito son as narracións que paco Rivas presenta nesta O paraugas na raiola. Precisamente, “O paraugas na raiola” conta a historia dun paraugas, un paraugas moi especial porque é un paraugas de París, un paraugas moi fino, cunha lenda no curuto e que como é lóxico será obxecto dos avatares que sofren os paraugas habitualmente. (Un non pode ler o relato e non lembrar a Historia dun paraugas azul de Xosé Miranda, e non vai ser a única vez que un relato do libro nos lembre algo da nosa historia literaria). Porén antes, encetando o libro, xa leramos “A señorita das Lobeiras”, que Bernardo Penabade, autor do limiar, emparenta con Vicente Risco, Otero Pedraio e mesmo Kafka. E despois “ O pintor”, un relato sobre a arte e as súas posibilidades expresivas, quizá onde máis loce o discurso de períodos curtos, case lírico, nos que é frecuente algún termo de contraste, ou que parecendo de contraste resulta todo o contrario se se pensa ben.

                     En todo caso, despois destas mostras, non podemos continuar sen deixar claro que o autor é en realidade un autor implícito, pois o autor dos relatos sería en realidade Melgacho, aquela inesquecíbel personaxe de Mareas vivas, aquel mariñeiro sabio que se expresaba tanto coas palabas como cos silencios. O autor na ficción, claro.

                     Logo veñen “Oa bano abanador”, con alusións a Edgar Allan Poe e a condesa de (Pardo) Bazán. E despois “O mariñeiro maneto”, un relato de mar, de mariñeiros, tan presentes no libro. Mais non queremos desvelar máis destes relatos, cousa que consideramos excesiva e contraproducente toda vez que sería un spoiler excesivo. Aliás, queremos comentar un pouco máis polo miúdo os dous deradeiros contos. O “Conto de Nadal”, que vai antes deles, é outro relato onde volve estar presente un vello lobo de mar. E quen remata o libro son “A conversa” e “Memorias do esqueleto Isolino”. “ A conversa” é un relato onde Paco Rivas loce un dos recursos narrativos que máis emprega, a descrición. E resulta un relato inagardado, posto que con ese título un agarda con impaciencia o diálogo, a conversa, en estilo directo ou indirecto, como se queira, mais o conto é que esta tarda en chegar, chegará, mais contra o remate. E  as “Memorias do esqueleto Isolino” son unha clara homenaxe ao Castelao de Un ollo de vidro. Mais aquí a finalidade non é a de que un esqueleto dea conta das actividades dos vivos. Chegará. Farase. Ao seu tempo. Porén neste relato o fundamental é dar conta das andanzas dos mortos, do que fan os mortos no cemiterio. E descríbese ben polo miúdo como os vermes deixan os ósos limpos para que quede un esqueleto relucente. Iso si, cun ollo salvado e un chisco dos miolos pensantes. E resulta unha mágoa que o autor aquí non lembrara a Vicente Risco, segundo o cal a esencia humana non estaba nin na alma nin na carne senón nos ósos, no esqueleto. Sen dúbida acaeríalle ben ao relato.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content