crítica de FORMIGAS NOS PÉS (Nazaret López, Xerais)

Porxmeyre

31/12/2019

A BRASA ENTRE OS ABISMOS

Título: Formigas nos pés

Autrora: Nazaret López

Editorial: Xerais

Remato de ler esta primeira novela de Nazaret López, é a súa estrea literaria, e póñome xa a escribir estas liñas, mentres aínda continúe a sentir formigas percorréndome o corpo, en quente. Porque esta ten que ser unha crítica que se escriba en quente, mentres aínda perdura nos adentros e na mente a calor difusa das palabras que transportaron tanto sentimento. Si, tanto sentimento. A novela de Nazaret López é puro sentimento. E iso quere dicir que é unha novela nada frecuente, unha rara avis das nosas letras. Sentimento sei que o hai noutras moitas, é certo, mais non como aquí. Inclusive diría que hai bastantes novelas onde o sentimento é o seu obxectivo. Mais non como aquí. Porque aquí renúnciase á trama tradicional para ofrecernos este puro sentimento. Podería ser poesía, e hai moita poesía na novela, moita poesía, tamén é certo, mais Nazaret escolleu o formato novelesco para transladarnos toda esta emoción.

                     Ben, cando dixen que renuncia á trama tradicional a prol do sentimento, non quero dicir que o lector ou lectora non poida compoñer unha trama desde a lectura das súas páxinas, mais a finalidade desa trama sempre será o sentimento. Podemos dicir que Nazaret López escolle como fulcro narrativo unha muller na cinquentena, que se ve na obriga de aceptar unha ruptura sentimental nese momento, cando o pasado é un abismo ao que as brasas do amor nos envían como paliativo de tanta soidade (de súpeto), de tanta amargura, de tanta dor ( alí onde houbo caricias, aloumiños, bicos, tacto de pel contra pel, amor, amor, amor) e non queremos asomarnos a esoutro abismo que é o futuro porque só nos trae refutación da soidade, tristura, ( se cadra) algo de melancolía e, sobre todo, unha incógnita que non queremos despexar, precisamente por todo o que levamos dito ou porque non nos asegura os afectos que nos desapareceron. Velaí a brasa entre os abismos.

                     Quen quixer pode falar aquí dunha novela lírica, e non deixará de ser certo por moito que os termos “novela” e “lírica” na maioría do lectorado non casen moito. Porén nós vémola como unha novela onde Nazaret López leva a súa personaxe fulcral a un punto cego, o punto máis duro que pode afrontar unha persoa, cando a esperanza ( o futuro) case xa non existe e só se vive de lembranzas, unhas mellores e outras peores. Nese punto situada a protagonista fulcral, evidentemente a memoria xoga un papel fundamental, e trae á lembranza momentos que foron, unha historia que foi relatada a través desas lembranzas. E a protagonista procura nas amigas ( a amiga sabia, a amiga cómplice, a amiga activista, a amiga herdada, a amiga triste, a amiga entusiasta, a amiga meiga, a amiga artista) no irmán e no fillo conforto pata seguir adiante, para seguir encarando o futuro. Mais non deixan de ser personaxes que aprecen de cando en vez. O importante é ela, que nos conta, que nos revela o seu interior directamente, desde a primeira persoa, ou desde esa distancia que é a terceira persoa, esa distancia falsa porque non se pode deixar de falar do que hai que falar.

                     A novela organízase en capítulos curtos, ás veces moi curtos, e preséntase en períodos curtos. Así comeza, con eses períodos curtos. Tallantes. Que non imprimen axilidade, porque o contido é lírico, non hai acción. Porén, despois, co tempo, eses períodos curtos desaparecen e a novela gaña en empaque, en narratividade, en fondura narrativa. Porque se gaña en análise comparando co impacto do inicio. Enriquécese. E temos que dicir tamén que esta novela nos lembrou moito a de Berta Dávila, Carrusel. Sendo tan diferentes, nas dúas hai unha muller que se ten que atopar, unha na trintena e outra na cinquentena, e son mulleres que para iso van botar man da arte. No caso da novela de Nazaret López, a través da pintura. Conforme se avanza na novela, a protagonista sente máis necesidade de pintar, e pinta case preferentemente en colores fortes (azul, verde, vermello), as colores do bolígrafo de catro colores que leva, coa súa libreta tamén. De xeito que podemos dicir que o recurso da pintura, a alusión á pintura, é moi  importante. Tanto como o da música. Antes, nesta mesma bitácora xa subimos a banda sonora da novela. Que é unha banda sonora moi ampla, moi rica, e que vai desde a melancolía de Antonio Machín, á esgazadura nostálxica de Martinho da Vila, ou a esoutra esgazadura que estoura e se reprega do jazz. Para resumilo rapidamente.

                     A música é moi importante porque nos mete dentro desa calor da brasa que a novela nos quere transmitir. Esa calor que aínda queda dentro e que aínda ilumina e acende os ollos, os ollos de dentro, cos que nos miramos a nós, cos que nos xulgamos a nós e desde onde se nos proxecta a grande incógnita do futuro.

                     Ultimamente fálase moito de literatura chick lit cando aparecen textos escritos por mulleres ( e con lectorado ideal entre mulleres) e non quixeramos que se confunda a novela de Nazaret López dentro dese barullo. É literatura de muller, non cabe dúbida. Mais cremos que destinada a consumo/lectura de calquera ser humano. Antes salientamos o abismo, os abismos a que se ve abocada a protagonista mentres aínda sente a brasa do amor queimándoa por dentro, ou cando xa deixou de queimala, eses dous abismos seguen aí, o do futuro (esperanza) que malamente se enxerga e o do pasado que doe pero tamén reconforta mais non pode ser o motor da vida futura ( ou mal imos). Porén comparte coa literatura chick lit unha característica fundamental: a superación. Formigas nos pés é, antes ca nada e sobre todo, unha novela de superación. E unha aposta narrativa valente. Porque é de valentes escribir sobre sentimentos (sempre que isto acode á miña mente lembro a Clarice Lispector, á que non lle querían publicar os seus primeiros textos precisamente por iso). Vai dar moito máis rendemento a típica trama de misterio, negra ou policial. Porén Nazaret López ponnos diante do máis duro que lle pode pasar a un ser humano ( que neste caso é unha muller): ficar só cando as expectativas de volver atopar parella son moi escasas e parece que ficamos condenados a vivir do pasado.

                     Porén existe futuro. Todo depende de que saibamos/poidamos superar esa difícil situación.

ASDO.: Xosé M. Eyré.

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content