crítica de FLORES DE FERRO, de María Rei Vilas, en Galaxia

Porxmeyre

03/03/2021

O VIGOR DA NOVELA

Título: Flores de ferro

Autora: María Rei Vilas

Editorial: Galaxia

Como lector, son crítico; e como crítico, son lector. Cando enceto unha novela, e o comezo é bo, nacen  nun unha serie de expectativas que, de cumprirse, han levar a un remate que non decepcione ou que aínda mellore o inicio. Tamén pode pasar que, e acontece máis do que quixeramos, despois dun comezo como mínimo prometedor…todas esas expectivas se veñan abaixo; sinal (un deles) de que o discurso está pouco traballado. Infortunadamente, na nosa narrativa, os discursos que son “primeiras versións” abundan máis do que sería desexábel. Porén, como este non é caso e nos atopamos cunha novela que responde ás expectativas xeradas no inicio, agora, como crítico, debo expoñer as razóns polas cales este discurso merece esa cualificación. E alá imos.

                     Primeiramente, e antes de nada, outra novela sobre a Guerra Civil? Outro disucurso sobre o Golpe des Estado franquista? Outro discurso sobre o “esrado de terror” instaurado despois dese Golpe de Estado franquista, como arma para afortalar o o ideario social da “ Nova (Sic) España”? Pois si. E tampouco cremos que deba ser o último a denunciar os crimes cometidos como método de represión contra os que non aceptaban (ou se significaran en idearios opostos ás estipulacións sociais da ditadura) a perda de valores democráticos que supuxo a ditadura franquista. E creo necesario repetir este argumento, xa reiterado, porque a novela de María Rei Vilas advirte do que sucede cando os ideais democráticos e progresistas que fan do pobo o albo de actuación política…se ven substituídos polos intereses políticos e conómicos particulares en nome dunha suposta ideoloxía “salvadora2 (sic). Algo que non debemos deixar de ter en conta, nin nos días que corren ni en calquera outros.

                     Ben, digamos que esta primeira novela de María Rei Vilas, que foi merecente do García Barros 2020, ten un comezo moi intelixente. A estratexia narrativa consiste en describir o que fan as personaxes para que quen le se interese polo que pensan. E resulta moi efectiva como porta ou camiño para que o relatado entre en nós, para que nos interesemos polo que se nos  conta e vai ser contado. Evidentemente, a descrición é unha das armas empregadas para tal fin (armas, oxalá esa fora a única acepción desta palabra), e que terá continuación no resto do discurso, sempre moi atento á descrición detallada. Porén, non é a única, porque iso supón o feito de que o que se nos conte veña relatado igual que unha cámara cinematográfica dá conta duns feitos. Supón un ollo narrativo “supra-personaxes” ( desculpen o plabro) que despois se irá transformando, tamén moi intelixentemente.

                     Ben, e digamos tamén que, de primeiras a idea e estrutura narrativas tampouco son novas (que é novo na literatura hoxe en día?). Pártese da situación dunha muller (adulta máis aínda moza) que, por mor do ictus que sofre o seu pai, se ve na obriga de vender a herdanza familiar como medio para obter os cartos necesarios que o coidado do pai require. Iso lévaa á localidade de orixe, Briana, onde se enfrontará á razón de que medrara sen nai desde moi  nova, e á de ter un irmán do cal non sabe nada desde hai moito tempo, e a coñecer unha serie de personaxes que, sen ela sabelo, tamén forman parte da súa vida, da súa traxedia persoal. Deste xeito, cóntanse dúas historias que son unha, que conflúen, a dos anos da II República e posterior Golpe de Estado franquista, e a indagación nas raíces familiares da protagonista. Un esquema xa visto/lido, mais que aquí se desenvolve particularmente ben, cunha efectividade narrativa notábel.

                     E como se consegue esa efectividade narrativa tan notábel? Pois facendo que quen le pase de interesarse polo relatado, polo que pensan as personaxes no que se conta, a que esas personaxes pasen a formar parte do mundo afectivo de quen le, a que se lles tome afecto. Deste xeito, despois, o remate estoura coma unha bomba que nos atinxe e non nos deixa indiferentes. Mais, para iso, cómpren outras cousas que conduzan a ese efecto. Como unha configuración das personaxes moi a salientar, tan humanas como complexas, que nos levan a familiarizarnos con elas, a acompañalas no seu desenvolvemento, e sen que isto impida o mantemento do misterio, pois, outra virtud, é a dosificación da información, que está ben levada a cabo. Personaxes tan humanas como complexas, lonxe de arquetipos planos. Quizá o Indiano sexa a máis tópica, porén é máis obxecto da narración ca suxeito dela, importa máis a súa dimensión social e política cá persoal.

                     Repetimos, o tránsito da impersoalidade narrativa (na descrición) á familiarización das personaxes (mundo afectivo) está moi ben logrado. E as personaxes, sobre todo as femininas (mais non só), teñen un protagonismo especial, e cando digo especial tamén quero dicir real. Real, de realismo. Son personaxes complexas que enfrontan a vida desde intereses ben diferentes, con resultados diversos e métodos moi acordes ao que pretenden (que vén “ditado” pola súa condición social). Sobre todo nas mulleres aniña un espírito de superación lexítimo e ás veces transgresor, son as auténticas “flores de ferro”, elas, máis que as que pechan a casa do Indiano. Personaxes rexas, ás veces, moi ben configuradas como personalidades acaídas ao seus status social mais que queren progresar (case empre) e trascender as miserias que a vida lles depara. E, cada unha ao seu xeito, ás veces con renuncias incluídas, tiran para adiante a fin de lograr os seus propósitos (educacionais, laborais, sentimentais, sociais…).

                     Porén, unha vez recoñecido o protagonismo feminino e a súa rexa e variada configuración, tocamos xusto aí outro asunto que merece destaque. Falamos de superación. En boa parte é unha novela de superación, mesmo novela de aprendizaxe, sen deixar de ser tamén unha novela memorialista, unha novela de misterio e unha novela de dupla reivindicación social: a do rol que xogan estas mulleres de ferro, a das esperanzas republicanas e a  represión posterior ao Golpe de Estado franquista. E non é que se alternen todos estes xéneros que caben nesta novela, fanse máis visíbeis cando a trama o require e non desaparecen por completo nunca. Deste xeito, a novela resultante é moi rica e non é de estrañar que se nos pouse nos adentros para acompañar o relato deica o seu desenlace.

                     Unha novela moi rica, e sen dúnida moi traballada, da cal só desexariamos que dessapareceran certas grallas, sobre todo na primeira parte da novela, como “unha una”, por dinal.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content