A POESÍA, O SUTIL ELEMENTO
Título: Física elemental
Autor: Rafa Lobelle
Editorial: Edición do autor
Cando repasamos a nómina da autoría máis nova da poesía galega, é habitual atoparse moitos nomes de muller. E o de Rafa Lobelle é un dos poucos nomes masculinos que un acha. Isto é así, sobre todo, desde que no 2014 recibira o Avelina Valladares interrompendo unha longa listaxe de mulles entre as que se atopaban María Lado, Berta Dávila, Celia Parra, Andrea Porto, María Canosa, Helena Salgueiro e Elvira Riveiro. Xa recibira outros premios antes, no Xuventude Crea (2912, 2013) e o Díaz Jácome (2014), mais é o prestixio do premio da Estrada o que o confirma coma unha das novas voces a seguir. E este ano, que se estreou na narrativa da man da editorial Do Peirao e o seu premio a Evanxeos apócrifos, é tamén o ano en que ve a luz o seu segundo poemario, Física elemental, que hoxe traemos a estas páxinas da Ferradura como despedida crítica do ano 2018. Física elemental é, ademais, unha edición de autor, e isto non queremos deixalo pasar por alto, porque significa que aínda queda quen cre na poesía, quen cre tanto na poesía como para apostar por ela. Acompañan os seus poemas as preciosas ilustracións da súa irmá, Lucía Lobelle, que tamén ilustrara o Andar ás apóutegas do Avelina Valladares.
O poemario preséntase enmarcado entre un prólogo e un epílogo. No prólogo preséntase o poema como un sutil elemento. Un máis, para o poeta, e para o lector, se cadra o definitivo.
Debruzarse nesta Física elemental supón repasar a actualidade ou non dos presocráticos catro elementos en que se manifestaba a materia. A AUGA, que é a primeira parte do poemario, que é un elemento que nos é imprescindíbel non só porque dela estamos feitos, dela nace a vida, senón porque tamén é un elemento sen o cal non poderiamos subsistir. É común dicir que a AUGA representa a paz, a calma, a serenidade, que dos catro estados da materia, a auga representa o líquido (fronte ao sólido, a terra, o gas, o aire, e o plasma, o lume). E a auga que atopamos no poemario de Rafa Lobelle, non só é o primixenio líquido elemento, a auga que calma sedes e dá azos para o camiño, senón que tamén pode ser un pozo de AUGA podre / cocho de peste /agonía de anduriñas (18), de feito antes tamén a relaciona coas profundidades do frío abisal ou coa memoria de peixe que lle permite seguir vivo e non pensar, tamén é algo do que escapar, camiñar cara á lúa. De feito, nos dez poemas que veñen conformando cada unha das catro partes (agás a cuarta, LUME, que consta de nove, igual que a segunda, AIRE), os da AUGA son poemas moi reflexivos, mesmo descritivos, na procura de verdades que poden doer, ou desenganarnos, por moito que berremos auxilio, botados ao mar sen saber nadar, sen esperanza xa, a mercede do pasado, que, coma as ondas do mar, sempre volve. Si, é asi, mais ninguén pode negar que sexamos auga, sílabas dun verso non escrito (25), auga morna de mar.
Pola súa banda, os poemas de AIRE continúan a esculca sobre a vida, porque o poemario vén sendo iso, unha esculca sobre vida a partir dos seus catro elementos basilares. Unha vida na que se procura o instante vermello da catarse / que precede á redención (29). Pois sábese que vida sen loita é unha derrota e anímase a confesar aquelas verdades que só ti cres saber (30) porque a loita non é unha loita individual, senón colectiva, atínxenos a todos e de todos necesitamos saber. Si, loita, esulca, querer entender, e o poema fragméntase visualmente pedíndolle ao AIRE que devolva aquilo que levou, porque o aire que nos permite respirar e vivir tamén é movemento. E na esculca non sea chan versos sempre positivos, chega a aniñar neles un aire viciado de derrota, de fracaso, de impotencia, de morte, esa sensación de ver o sol marchar tralo ocaso / máis alá da indiferente transparencia do cristal (33). Pero o aire tamén se pode volver subtancia que acredite o paso do tempo, inexorábel, que nos impide mesmo recoñecernos a nós mesmos nos anos nos anos mozos, e nin as vellas crenzas (Deixou de ser amuleto a cornamenta da vacaloura, (35)) nos permiten máis certezas, agás que o vento o leva todo mentres nós estamos feitos de fráxil porcelana, mentres o poema se estira, alóngase, non é sinxela a introspección aínda que se viva crendo na posibilidade dunha hipótese reveladora (38), aínda que se crea nela, a verdade é que non deixamos de ser inxenuos, peixiños de acuario na procura do AIRE fresco que abrolla / nas profundidades ignotas da montaña. Rafa Lobelle non se permite ser totalmente pesimista, aínda cre que podemos vencer o silencio e que o noso canto sexa flores nas tumbas dos mártires (40) e chama a sentirnos irmandados, espidos na nudez dos outros, mais aínda coa suficiente forza como para plantar margaridas para a seguinte seración (42).
Non se pode ler o poemario sen esa mestura entre derrota ou fracaso e esperanza, onde aínda queremos que venza a esperanza. E os poemas de TERRA achámolos máis sentidos, poden á veces reducir o seu corpo, como no primeiro, mais hai máis certeza, como se naceran de máis fondo, dunha comuñón máis fonda, aínda que tantas veces miremos e non vexamos, esa viga no ollo non lle impide confesar que ama a terra aínda que o traballo na terra significa esclavitude mentres te esfola / mentres che vai quitando o pelexo aos poucos / mentres che derrea o lombo / mentres che canga a cabeza cara os pés (46). A terra significa esforzo, traballo, mais éo todo, dela e nela nace o noso alimento, aínda que tamén sexa o noso acubillo trala morte, aínda que cada xeración repita as mesmas loitas e cada unha delas só sexa un outro agasallo aos mártires. Óllese, aos mártires. A voz poética recoñécese herdeira e continuadora na loita. Porque hai loita, loita por vivir, por vivir mellor, por un vivir consciente que o leva recoñecer que en moitos casos ao que chegamos é a querer convencernos da verdade menos incómoda. Recoñécese canso, recoñece a loita, unha vez máis, dos que o precederon e a eles rende homenaxe ainda que non está seguro de cal é o o noso destino, o destino da xente traballadora, da xente loitadora, da xente con mans de madeira labrando o porvir a golpe de garlopa (55), xente que co pouco que tiñan nas mans foron quen de transmitirnos todo un mundo, como a avoa, e clámase contra queles que non escoitaron/escoitan aos vellos como unha forma de cantarlles cantos de esperanza aos fillos (58), para iso pide consello aos vellos, para saber cales son as cousas importantes
A cuarta parte, LUME, comeza identificándose coa revolución, coa esperanza, co renacer, e expresa as súas ansias de revolución malia o contexto das ladeas abandonadas, que significa terra a ermo, a fábrica pechada, o obreiro parado, nestes casos recorre a tradición, en casa de ferreiro coitelo de pau (66) pola cativeza de miras de quen debera ser mellor loitador, si, mais non deixa de soñar coa redención, coa sublime forza do lume purificador, a pesar de que recoñeza que tamén hai tristura na revolución, de que o primeiro inimigo a bater é un mesmo, que nas súas ansias de revolución do primeiro que desconfía é dos propios ollos, sen deixar de constatar que tamén hai azar, que nesta vida non se vive sen estar a espensas del, del e da necesaria solidariedade se se quere vencer, se se quere vencer é necesario soñar véndose agarrado a unha man, contar coas relativas ensinanzas dos antergos, coas inseguranzas dos vellos que fitan a vida solitarios. LUME purificador, lume redentor, a materia nin se crea nin se destrúe, transfórmase.
E despois chega o epílogo, a QUINTAESENCIA, que ese foi o quinto elemento engadido aos outros catro posteriormente, que é resumo e conclusión de canto antes lemos. Aí define o algoritmo da tristura, e fala da soidade, das dúbidas, do medo ao fracaso e, como único factor favorábel, os xestos de amor recibidos. Confirmándonos unha voz poética que, repasando a vixencia dos catro elementos fundamentais para os presocráticos que aíndas hoxe contan, por exemplo, no eido zodiacal, atopa momentos para e esperanza e para a desesperanza, para o sentimento de derrota e para a ilusión da revolución, cunha voz que sabe facer moi súa, entre o pesimismo histórico (con todo nunca, ou case nunca, se venceu) e a necesidade dun futuro mellor. Quizá coa poesía, sen dúbida coa poesía como sutil elemento que nos permita trascender. Física elemental. o primeiro que tes diante, non te confundas, non queiras chegar á metafísica sen recoñecero que tes diante.
(É edición de autor. Se non o atopan na súa libraría, procúreno en internet. Paga a pena)
ASDO.: Xosé M. Eyré
[…] agora un ano, máis ou menos, dabamos noticia nestas páxinas de Física elemental, unha edición de autor na cal Rafa Lobelle, unha das voces novas da poesía galega máis actual ( e […]