crítica de COIDADORA, de María Marco, en Xerais.

Porxmeyre

23/06/2021

 CURIOSIDADES E COIDADOS

Título: Coidadora

Autora: María Marco

Editorial: Xerais

O tema dos coidados a maiores, ou os coidados no fogar é un dos que está de actualidade desde hai un tempo e, tememos, non deixareá de estalo, pois vivimos nunha Galiza de pirámide invertida, hai máis xente maior ca xente nova, o cal quere dicir que unha sociedade seria (politicamente seria) debe/deberá estar vixilante e dilixente á hora de que a poboación máis avellentada reciba todos os coidados necesarios para poder levar unha vida digna. Estamos, polo tanto, a falar dun texto que parece atender de maneira mediata unha necesidade temática urxente, un discurso especialmente atento ao acontecer e problemátca social do momento. E iso non é precisamente algo habitual na nosa narrativa, máis ben é algo pouco frecuente. Parabéns, pois. E falamos ademais do Premio Xerais de Narrativa 2020. Parabéns, máis outra vez.. E é a estrea narrativa da autora. parabéns, tamén.

                     Con todo e a ser este o tema dominante, o fío condutor, cómpre engadir que o texto non é novela ortodoxamente construída, senón o resulado de superpoñer varias capas, de xeito que se logre unha novela poliédirca. O fragmentarismo, estratexia narrativa empregada e fundamental, permite xirar o poliedrro a redor do fulcro dos coidados a maiores e é perceptíbel desde o inicio. Aínda así, até ben entrada a lectura, temos a impresión de que o que lemos é unha superposición de curiosidades científicas (sobre todo) e consideracións humanísticas que, dalgunha maneira, imaxinamos, terá como centro os coidados a maiores. Alén diso, tamén asistimos ao desenvolvemento, tamén fragmentario dunha temática futurista que ten o seu centro na vellez, no paso dos anos e as súas consecuencias, distopía de ficción científica que nos pon en aviso do que pode acabar sucedendo, de maniera que leamos a novela con ese horizonte de expectativas sempre presente, o cal resulta un acerto sobre todo porque, como dicimos até ben entrada a lectura, dá a impresión de estarmos lendo unha sucesión de curiosidades científicas trufadas pola presenza ocasional dunha coidadora, que nos transmite a súas angueiras, a problemática que, día si e día tamén, como unha pedra de Sísifo, debe repetir case de forma automatizada.

                     @s human@s, se chegamos a construír civilizacións, é precisamente porque nos preocupamos polo cidado dos nosos maiores, como ben se di  na novela, e mesmo houbo civilizacións onde o criterio dos maiores era socialmente relevante e decisivo. Infortunadamente, a día de hoxe, iso xa non é así, e unha foto da realidade devólvenos a imaxe de “granxas” (e perdón polo termo, que non quere ser despectivo senón reivindicativo) de maiores que agardan a morte e son atendidos coa precariedade que supón o feito seren utilizados como fonte de ingresos para negocios privados. Esa é a crúa realidade, o capitalismo caníbal que vivimos até fai negocio cos padeceres dos nosos maiores.

                     Particularmente, gustaríanos que a novela reflectise de maneira moi clara esta urxencia social sobre todo no rural, porque no rural a xente non dispón dos mesmo medios que nunha cidade, nin sequera para se desprazar á hora de recibir coidados médicos. Esta é unha problemática que ten características propias, nunha Galiza coa pobación tan espallada, onde tantas aldeas, tantos lugares xa só teñen habitantes maiores. Porén, na  novela óptase por non centrar no rural a temática dos coidados, senón facelo de xeito máis univeral e xeneralista.

                     A novela, porque, finalmente, cando rematamos a lectura si temos a impresón de que é unha novela, unha novela escrita baixo a estratexia narrativa arriba descrita, chega un momento en que se reclama autoficcional..

                     Dúas cousas máis. Primeiro: rematada a lectura do discurso atopámonos coas que deberan ser notás a rodapé (mellor que “ a pé de páxina”) mais non se puxeron por cuestións estilísticas. Certamente, poñelas, penalizaría a lectura dun texto que de por si é fragmentario e só se concreta no tema da coidadora desde ben entrada a novela. E o feito de dispoñelas así, unha despois de outra e sen referencia a páxinas concretas que nos desvien a lectura cara atrás, proporcionanos a oportunidade de lembrar boa parte das “curiosidades” científicas (non só) de maneira epifánica.

                     E, a outra, para finalizar, é a lingua, o coidado do instrumento empregado para construír a novela. Nisto, o uso de castelanismos absolutamente evitábeis, como “tipejo” ou “mariposillas” ou “nuevecitos”, a carón de solucións léxicas pouco afortunadas como “xentuza” ou “flipante” ou “xonqui”, que son calcos do castelán tamén totalmente innecesarios, dan unha imaxe da lingua que se completa coa escolla de termos o máis semellantes posíbel ao castelán, como “intentar” por “tentar”, “soportar” por “aturar” ou “espinaca” por “espinafre”. Tamén hai que dicir que isto último vén sendo habituual na deriva da lingua, cada vez menos patrimonial e máis castelanófila, estratexia que a RAG aplaude e merece unha reflexión máis delongada aínda que urxente..

ASDO.: Xosé M. Eyré

Porxmeyre

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Skip to content